Amosando publicacións coa etiqueta recensión crítica. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta recensión crítica. Amosar todas as publicacións

martes, 18 de marzo de 2014

Un verán en Lisboa

Alice Vieira (1999): Caderno de Agosto. Vigo, Xerais. 196 pp.
ISBN: 84 – 8302 – 424 – 1.

Caderno de Agosto é unha novela xuvenil escrita por Alice Vieira, na cal se emprega un ton irónico co fin de amosar unha visión crítica da sociedade e dos novos modelos sociais.
A través dunha estrutura innovadora en dous planos narrativos, podemos descubrir por unha parte, o diario de Gloria (escrito en primeira persoa), no que esta rapaza de quince anos conta como transcorre o mes de agosto (dun verán dos 90), xunto a súa nai Luisa na cidade de Lisboa. Así, a través das súas anotacións asistiremos ao proceso de divorcio dos seus pais, á incomprensión dos avós desta nova situación, á aceptación da nova parella do seu pai, aos costumes domésticos e familiares que o seu irmán e ela están obrigados a cumprir cos seus tíos e primos, ao cambiante estado de ánimo da súa nai e as súas aventuras amorosas con dous homes moi diferentes.

Por outra banda, coñeceremos a novela rosa que a súa nai (profesora) está a escribir como favor para un editor (antigo compañeiro de estudos), porque Gloria irá intercalando capítulos desta trama de ficción (narrados en terceira persoa) no seu diario. Deste modo, aparece un segundo plano narrativo sobre a historia de amor de Mónica e Alfredo Enrique e as dúbidas existenciais da moza por non acabar de asumir os canones establecidos e soñar cunha relación máis romántica.

    


Aínda que na obra non se amosan claramente alternativas e solucións aos temas propostos, parece que a intencionalidade de Alice Vieira é cuestionar os modelos sociais e o sexismo, fomentando o espírito crítico, a igualdade e a liberdade.

Consideramos pois, que tendo en conta o ano de publicación e o contexto literario da autora é un libro novidoso, que rompe cos tópicos de infancias felices e despreocupadas. A través dun discurso coloquial, sinxelo, algo humorístico e moi natural (asemellando o dunha adolescente bastante madura) trátanse temas que seguen a ser moi actuais e que, polo tanto, poderíanse traballar co alumnado desta idade, como: a familia, o divorcio, os cambios psicolóxicos, os sentimentos frustrados, o respecto ás tomas de decisión dos demais e a preocupación polo aspecto físico, entre outros.

Para rematar, e como lectoras desta obra, diremos que a súa estrutura é complexa. Isto débese a que, como se dixo anteriormente, combínanse dous planos narrativos, aspecto que dificulta a comprensión da historia (sobre todo nos seus inicios) e, consecuentemente, non motiva a seguir lendo, é dicir, non “engancha”. Así mesmo, consideramos que a mensaxe que pretende transmitir a autora aparece dun xeito demasiado implícito, o que pode dificultar a súa comprensión por parte dalgúns adolescentes, e quizais debería dirixirse a un público máis adulto.

Webgrafía:
  •  http://www.anayainfantilyjuvenil.com/catalogos/proyectos_lectura/IJ00072502_1.pdf
  • http://servicios.educarm.es/templates/portal/ficheros/websDinamicas/154/guiacuaderno_de_agosto41.pdf

Entrada realizada por:
González Fernández, Sonia
Tajes Fernández, Ángela
Val Leiro, Olaya

Twitter: @Cadernodeagosto

Un pequeno recuncho de Exipto na casa Selander... ou non?


GRIPE, Maria, "Os escaravellos voan á tardiña". Vigo, SM, 20029. ISBN: 84-348-6086-4  [1.ª ed. 1989].


Este libro trata sobre as aventuras vividas durante un verán por tres rapaces: Xonás, David e Annika. 
Todo comeza cando a Xonás lle regalan un magnetófono polo seu cumpreanos e os tres rapaces van ó bosque probalo. Por casualidade, chegaron a unha misteriosa casa,  coñecida como a casa Selander e decidiron entrar. Mentres se atopaban no seu xardín escoitaron algo que chamou a súa atención e os deixou intrigados. 
Certo día, a nai de Xonás e Annika, comentou na casa que a señora que vivía na finca Selander se ía e, que necesitaba a alguén que lle coidase as plantas na súa ausencia, feito que os rapaces aproveitaron para se encargar eles dese traballo.
Xa na casa, viron unha pranta que lles chamou atención. Era azul e tiña as flores en forma de corazón e ademais diso, parecía que coñecía ás persoas. Esta pranta foi clave para que descubrisen o cuarto de verán no cal coa axuda dun escaravello que entrou pola ventá, descubriron unha caixa que contiña unha serie de cartas. Estas cartas contiñan unha historia de amor ocorrida no pasado entre Emilie e Andreas, e tamén falaban dun maleficio dunha estatua exipcia traída por Andreas dese pais. Esta estatua causou moito interese nos nenos o que ocasionou que se puxesen a indagar.


O párroco do pobo, o señor Lindroth, axúdalles a buscar as pistas necesarias. Xulia, dona da casa Selander, chamaba por teléfono para xogar o xadrez con David e para axudarlles a dar resposta aos diferentes enigmas que se lles presentan os protagonistas ó longo da historia.
Finalmente, descobren que a estatua está nun museo de Inglaterra e que a dona da casa morrera o primeiro día que eles estiveran alí.   

Logo da lectura deste libro cheo de misterio e intriga, démonos conta que é un elemento que a autora emprega para que os lectores sintan curiosidade polo que vai sucedendo ao longo do relato e desta maneira, se vaian introducindo nela como se fosen eles os protagonistas.
Ademais dos temas principais, que trata o libro, vemos un que reflexa de maneira secundaria; amor prohibido, que se ve  nas cartas enviadas entre Magdalena e Emilie e que os rapaces atopan no cuarto de verán. Era un tema que reflectía a realidade da época do S. XVIII, e xa daquela os matrimonios por conveniencia eran comúns.
En canto a relación dos capítulos desta obra, puidemos observar que non seguen o esquema de outros libros nos que a monotonía está presente o longo da obra, senón que cada capítulo chama polo seguinte, dado que en cada un deles se atopa ese chisco de intriga, que fai que queiras ler o seguinte para saber o que vai pasar.­­


Reflexión:
Dende o noso punto de vista como lectoras, pareceunos un libro interesante e entretido, que fai que o lector estea motivado a seguir lendo e a seguir descubrindo o que vai acontecendo na historia ó longo dos capítulos. Pensamos que os libros deste formato, resultan interesantes para os nenos  por ese toque de misterio, intriga e amor que fai que os cativos se  involucren na historia e se sintan como os protagonistas do libro.  
De igual modo, os temas que trata son atractivos e convences ó lector para que siga lendo. Tamén poden dar moito xogo á hora de que os nenos reflexionen sobre o libro. 
Finalmente queremos destacar que a continua busca das estatúas ó longo de tantos capítulos, fíxosenos pesada en certa medida, pero de todos os xeitos sabemos que debía ser así para que a historia tivese sentido. 


Bibliografía:
GRIPE, Maria, "Os escaravellos voan á tardiña". Vigo, SM, 20029. ISBN: 84-348-6086-4  [1.ª ed. 1989].


Feito por:
Lara Camiño Vilar
Rebeca Capón Macía
Patricia Castro Patao
María Chouciño Reigía
Eva Fernández Campos

luns, 17 de marzo de 2014

Descubrindo Amar e outros verbos

Fernández, Ana M.ª (2002). Amar e outros verbos. Madrid: Everest. ISBN: 84-403-0424-2
    
    Esta obra fai un percorrido por diversos verbos a través de 25 poemas de verso libre, ordenados alfabeticamente dende a A ata a X, abarcando temas da vida cotiá que a autora nos achega a través das emocións. É moi difícil non sentirse identificado, xa que os contidos que trata invítannos a reflexionar sobre as accións que normalmente pasamos por alto ou ás que non prestamos a atención que se merecen.
    
    Amar e outros verbos trata emocións, fenómenos atmosféricos e accións como amar (primeiro poema que da nome á obra), bailar, chorar, chover, medrar, morrer, soñar, etc. dende unha perspectiva real, onde predominan descricións, comparacións e metáforas que non deixan indiferente a ninguén, "Ser pobres non nos leva a ningures/ porque todas as rúas son iguais [...] Todos somos pobres de algo,/ pero agochamos as carencias, coma se fosen delictos, /no cárcere da alma" (p. 50)

    A través de Amar e outros verbos, Ana María Fernández achéganos, como novidade, a un poemario pensado para introducir aos adolescentes na poesía e salvar o baleiro existente entre poemas cunha temática infantil e aqueles máis complexos como os de Rosalía de Castro. Para xerar este nexo de unión, a autora, pretende atrapar o interese destes novos lectores a través dos sentimentos.
    
    Na maior parte da obra emprega o "nós" para transportarnos á realidade que tenta amosar nos seus versos. Un exemplo disto pódese ver no poema que trata sobre o verbo Cantar no que se di:

"Nós
aprendemos a cantar
para ser como os paxaros
que furtan risas nos xardíns
e algarean
a pesar dos incesantes funerais
que poboan canellóns
rúas estreitiñas." (p. 16) 


    Por outra banda, tamén menciona o "Eu" dando pé a reflexionar sobre cada un de nós como parte dun "todo", tal e como se pode ver no poema Ser :

"Eu son,
non son,
son só
un ser neste Universo en expansión,
emancipado e á deriva,
unha promesa de cadáver
ou de luz,
unha frecha que non acha o presente." (p. 49)


    En poemas como Mirar ao Ceo ou Mirar ao Mar emprega un sintagma verbal para contrapoñer estas dúas accións; o primeiro invítanos a abrir os ollos e mirar ao ceo "[...] Debemos mirar o ceo/ cos ollos sempre abertos [...]" (p. 36); no segundo pechalos e sentir o mar "Mira o mar comigo e cerra os ollos [...]" (p. 38).


    Cando limos Amar e outros verbos descolocounos a falta de rima nos versos, e quizais é iso o que máis nos desgustou. A falta de sonoridade que acompañe a lectura e amenice cada recuncho. Tamén hai que dicir que dende cativos acostúmannos á poesía e cancións rimadas, que seguen unha liña sonora e son pegadizas para todos, isto é o que nos marcou e atopamos diferente nesta obra. Amar e outros verbos rompe con este “estereotipo” de poemas para achegalos ao público adolescente, a través da súa disposición e a temática variada.
    Por outra banda, apoiamos o emprego de escasas ilustracións, xa que deste xeito axudan a exercitar a imaxinación e permite que cada lector pode interprete o contido dunha forma subxectiva.


"E quixeron entón
descubrir o segredo
das cousas." (p. 24)





Entrada realizada por:
Lorena Fernández Rodríguez
Natalia Sangil Regueiro
Lara Silva García
Ana Varela Darriba
Ángeles Vázquez Coira

A Expedición do Pacífico, coñecendo a nosa opinión

Aleixandre, Marilar (2000): A expedición do Pacífico. Vigo: Xerais. Colección Fóra de Xogo.
ISBN: 84-8302-554-X. [1.ª ed. Colección Merlín, 1994].

Narrada en primeira persoa, é unha novela que pertence ao subxénero de novela histórica de aventuras. Organizada en dez capítulos, conta a historia de Emilia Goianes, unha rapaza de doce anos interesada na zooloxía; esta afección aos insectos fai que se decida a embarcar como polisón na goleta Resolución onde se atopa o seu irmán maior Andrés. Este é un dos oito investigadores, que forma parte dunha importante recolección de animais, minerais e prantas por diferentes lugares de América Latina. Coñecedora da importancia desa misión científica, decide agocharse nun caixón no camarote do seu irmán; pero pronto é descuberta por Andrés e ten que convencelo de que non a regrese á casa. Consciente de que por ser nova e ser muller non estaba ben vista, sabe que ese é motivo para que a regresen e decide disfrazarse de home coa axuda de Andrés e adopta o nome de Marcos Goianes. Así, consegue o seu propósito, logrando axudar como encargado da clasificación dos insectos na expedición.

O relato, que abrangue dende 1867 (cando saen de España) ata 1871 (ano de chegada da expedición a Lisboa), describe as diversas aventuras dos viaxeiros de maneira realista e crible. Durante a novela abundan diversas referencias á historia aos coñecementos relacionados coa ciencia da natureza e coa navegación, así como o emprego davoz da protagonista para facer referencia a diferentes reivindicacións como o papel da muller nese momento, a necesidade de ser un mesmo e poder elixir o seu destino, o dereito de voto e ao acceso á universidade das mulleres. Polo tanto, as ideas feministas, a polémica entre o darwinismo e creacionismo, a paixón polo coñecemento e o romanticismo atópanse ao longo desta obra.
Tamén é importante resaltar que no Epílogo se fai referencia á verdadeira expedición ao Pacífico, na que se inspira esta novela e que tivo lugar entre os anos 1862 e 1866.

Logo de ler a obra A expedición do Pacífico podemos destacar algúns aspectos negativos e outros positivos. En canto aos primeiros, consideramos que hai unha excesiva presenza de datos históricos que dificultan a lectura fluída e que mesmo fan complexo o seu contido, especialmente para aquelas persoas que teñan pouco interese pola historia mundial. Fixámonos tamén en que hai demasiados datos en canto á descrición dos personaxes, o que consideramos que, por unha parte, é positivo porque nos axuda a coñecelos máis e a identificarnos con eles pero, por outro lado, densifica a lectura. Polo tanto, gustaríanos que o comezo do libro fose atractivo como o de outras obras da autora: A cabeza de Medusa e A banda sen futuro.
Resaltariamos desta obra que ten unha historia de fondo moi interesante, na que se desenvolven por camiños paralelos as dificultades que se atopa na expedición do Pacífico coas diferentes situacións que lle esperan na vida real como unha persoa adulta. 

Valoramos especialmente a forza de vontade da protagonista, a súa visión positiva ata en momentos difíciles, as súas ganas de aprender incluso de situacións non propias para a súa idade; non se rende en ningún momento e loita por defender a igualdade do home e da muller nunha época na que elas tiñan un papel restrinxido ao fogar. Polo tanto, dicir que é un libro con moita carga ideolóxica, o que fai que o lector lle dea un carácter máis vivo á lectura, xa que nos permite reflexionar sobre certos aspectos, así como nos axuda a coñecer mellor á autora.

Parécenos importante que estea baseada nun feito real, xa que nos permite coñecer un pouco mellor das "aventuras" que ocorrían hai dous séculos, das enfermidades máis comúns e da gravidade que supoñían, tal e como apreciamos no libro coa morte dalgúns personaxes.

Finalmente, diremos que este libro podería estar recomendado para aquel público xuvenil que siga o seu camiño pola rama de ciencias, xa que nos aporta moito vocablo específico de animais e plantas ou mesmo pola rama de historia, dado que nos relata moitos feitos sociais daquela época.

Bibliografía:
Pena Presas, M. (2011) "O disfrace masculino como fonte de poder" na revista Festa da Palabra Silenciada. pp.170-174
Elaborado por:
María José Varela Herrero
María Veiga Facal
Eva María Veiga Real
María Adelaida Veiga Teixeira
Patricia Vidal Jartín



venres, 14 de marzo de 2014

Benvidos/as ó mundo Calzaslargas!

En primeiro lugar, imos falar dos datos fundamentais da obra. No noso caso, estamos a traballar con tres obras distintas, das cales dúas delas son da mesma editorial pero cambia o ano de edición.

Título: Pippi Calzaslargas.-Todas las historias

Autora: Astrid Lidgren

Ilustradora: Lilli Carré

Traducción: Blanca Ríos

ISBN: 978-84938817-9-5

Editorial: Biblioteca Blackie Books

Ano da primeira edición e da que estamos a manexar: 2013

--------------------------------------------------------------------------------------------------------

Título: Pippa Mediaslargas

Autora: Astrid Lindgren

Ilustrador: Richard Kennedy
   
Traducción: Blanca Ríos          

ISBN: 84-261-0851-2

Editorial: Juventud

Ano da primeira edición: 1962

Anos das que estamos a manexar: 1975 e 2014

Esta obra conta as aventuras dunha nena de 9 anos chamada Pippilotta Delicatessa Windowshade Mackrelmint, ou mellor dito, Pippi, que vive completamente soa nunha bonita casa de campo. Soa no referente a persoas, xa que ten dous animais: un mono chamado Señor Nilsson e o seu cabalo, é dicir, non ten unha persoa responsable que a obrigue a respectar certas normas como ir á escola.

       En canto á súa familia e basándonos no que ela mesma di, a súa nai é un anxo e o seu pai o rei dos caníbales. Esta afirmación non está illada, xa que se debe a que este era un pirata recoñecido que certo día de tormenta caeu ó mar e a súa filla pensa que foi dar a unha illa habitada por caníbales onde o fixeron rei.

Por outro lado, esta nena ten moitas peculiaridades en canto ao seu aspecto físico, xa que como si di no libro, Pippi era la niña más extraordinaria que existía, por lo menos en aquella población. Ademais de ser unha cativa pelirroxa, cunhas grandes trenzas situadas por enriba das orellas, moi pecosa e delgada, era a máis forte de todo o mundo e incluso podía levantar o seu cabalo sen ningún tipo de esforzo. 

No pobo onde vive, comparte grandes momentos divertidos cos seus dous mellores amigos, Annika e Tommy, dous irmáns que viven nunha casa próxima a de Pippi e que son os seus compañeiros de aventuras.  Xuntos comparten momentos de lecer e diversión que fan que a historia confira grandes doses de irrealismo e orixinalidade.

Por outra parte, para explicar a organización do libro e que esta sexa totalmente comprensible, dicir que en cada capítulo cóntase unha historia diferente e, en xeral, non teñen unión as unhas coas outras. Por exemplo, nun capítulo Pippi conta cando vai ó colexio facer “plutificaciones” ou mellor dito, multiplicacións na nosa linguaxe matemática habitual. E noutra, a historia de cando asiste a tomar o té á casa de Annika e Tommy e alí fai as súas particulares e inesperadas travesuras.

Despois da lectura das obras, debemos destacar que a autora, Astrid Lindgren, intentaba romper co antigo cánon de neno de familia tradicional, educado e mimado. Pippi foi unha auténtica revolución polo feito de ser unha cativa que vivía soa, non tiña un referente paternal estable e facía todo aquilo que, normalmente e na maioría das sociedades da época, os nenos non facían. A presenza desta personaxe marcou un antes e un despois na literatura infantil sueca, aspecto que co paso do tempo, tamén foi unha auténtica revolución (aínda que en menor medida) noutros países, con múltiples traduccións e formatos diferentes. É de destacar neste apartado, a presenza dunha película animada e dunha serie de televisión con persoas reais que dan conta da importancia que tivo este personaxe na sociedade sueca e a tan destacable relevancia que, aínda hoxe en día, ten.
Tras Pippi, que supuxo o punto de partida, apareceron un gran número de obras e historias cunha temática semellante a esta e que tamén tiveron unha notable relevancia no panorama literario infantil.
Por outra banda, destácase que Lindgren pretendía romper coas temáticas dos antigos libros infantís, creando historias atractivas e divertidas que foran lidas por nenos e non soamente entendidas por un público adulto. Como ela mesma afirmaba, a súa máxima era ofrecer literatura de calidade á infancia.
En canto á nosa reflexión persoal, as conclusións que puidemos apreciar trala lectura dos libros, é que a infancia, na súa medida, debe seguir unha serie de normas e regras que favorezan a implantación dun tipo de rutinas e coñecementos. Nembargantes, nesta obra, o tipo de indisciplina que Lindgren formula, non debe ser un referente para os máis pequenos, xa que unha nena que vive soa e que se dedica unicamente a gozar partindo das súas fantasías e sen seguir ningún tipo de normas, non é un bo exemplo para a infancia. Pero con todo, a obra mostra unha educación tolerante e en contra da violencia na que destacan a diversión, a amizade, a creatividade e imaxinación e o respecto polos animais.

Na nosa opinión, Pippi era unha cativa que se evadía da súa propia realidade, posto que non tiña pais nin ninguén que velara por ela, situación tremendamente dura para calquera neno. As mentiras e travesuras eran o seu medio de evasión e a fonte á que acudía ante calquera problema ou dificultade.

            Finalmente, engadir que admiramos á protagonista pola maneira que ten de sobrevivir nesta forma tan leda a pesar da súa situación. Ademais, Lindgren tivo un gran acerto ao escribir esta obra porque favorece que a infancia vexa o mundo desde outra perspectiva ou punto de vista.


Grupo 2:
Beatriz Grandío Mosteiro
Lara Lence Real
Alicia Martínez Rama
Cristina Mendoza Vázquez
Noelia Montecelos Madarro

Vinte e oito maneiras de rir con Úrsula Wölfel

No post de hoxe vamos realizar unha breve recensión crítica sobre o libro Vinte e oito historias para rir, de Úrsula Wölfel, comezando por unha pequena ficha técnica cos datos mais relevantes sobre o libro:

Título: Vinte e oito historias para rir
Autora: Úrsula Wölfel
ISBN: 978-84-8464-599-3
Editorial: Kalandraka
Ano da 1ª edición: 1969
Ano da edición que manexamos: 2007


A continuación, analizaremos un pouco a temática da obra. A contraportada do libro preséntanos a seguinte sinopse: "Un rato rodeado de exquisitos manxares e que, indeciso ante a abundancia, queda sen probar ningún; un neno que non mete o dedo no nariz porque quere ser o mais educado do mundo; dous touros presuntuosos que aburren as vacas; un home con tanta présa que xa non sabe nin onde vai." Este breve resumo pretende manifestar un pouco o sentido do libro. 

Gustaríanos comezar resaltando que Vinte e oito historias para rir é unha obra que non ten un argumento concreto, xa que consta de vinte e oito historias cun principio e un final, completamente independentes entre si. Por este motivo, non podemos facer un resumo concreto da obra en xeral, pero si podemos relatarvos algunha das historias que consideramos máis interesantes, como son:

"O neno que xamais paraba de rir", unha historia moi graciosa sobre un pequeno moi alegre que nunca paraba de rir, nin sequera cando chovía, e os demais estaban de mal humor ou tristes porque o sol non saía por ningures.

"A historia do rato na tenda", que nos conta como un ratiño se colou nunha tenda unha noite, e nela había tantas cousas ricas para comer, que tanto pensou e pensou no que quería probar que quedou sen nada, pois chegou a mañá e a xente botouno da tenda.


"A historia do burro listo", que narra como un home tiña tanta présa por ir de compras que arrastraba ó pobre burro sen deixarlle comer herba polo camiño. O animal foi tan astuto que conseguiu que ó home lle caeran os cartos polo camiño, polo que se tivo que deter, e mentres os recollía, o burro tivo tempo a comer todo o que quixera.

Volvendo á falta dunha temática xeral, podemos dicir que cada historia aporta ideas secundarias diferentes, implícitas na redacción do propio conto, e relacionadas sobre todo cos acontecementos que lles ocorren a unha serie de personaxes.

A intencionalidade da obra está claramente manifesta no propio título, indicando o mero propósito de entreter. Poderiamos considerar como novidoso o xeito en que se editou a obra, englobando vinte e oito contos nun só libro. Cada pequeno relato posúe unha idea central, a partir da cal podemos intuír o que a autora pretende transmitirnos a través das súas verbas. Analizando a bibliografía da autora decatámonos de que este estilo de publicación conxunta é o que mais parece convencerlle, xa que se repite ó longo da súa traxectoria literaria.


Como grupo, chegamos á conclusión de que resulta moi complicado facer unha análise concreta do conxunto da obra xa que non consta dun argumento común, ó tratarse de historias independentes, sen  que existan personaxes ou temas comúns ó longo do libro. 
Poderiamos dicir que, a pesar do sinalado anteriormente, si é certo que grazas a tratarse de pequenas historias, a lectura faise amena, entretida e novidosa. Este formato facilita moito as cousas á hora de transmitir ós nenos e nenas o contido das historias, xa que cada día podemos darlles a coñecer unha nova historia sen caer na monotonía e o cansazo en xeral, fomentando así o gusto pola lectura.

En liñas  xerais, a obra gustounos bastante, xa que a súa lectura foi sinxela, ó mesmo tempo que entretida. O mais curioso de todo foi comprobar como cada un de nós se sentía identificado con aspectos da obra diferentes. A súa variedade e riqueza temática fixo que todos nos sentísemos  identificados con algunhas personaxes ou situacións recollidas nos relatos, ó tratarse de acontecementos cotiás que lle poderían pasar a calquera.


Pola nosa parte nada máis. Non vos perdades a nosa próxima entrada, na que vos seguiremos dando información desta autora tan interesante.


Referencias:
Wölfel, Úrsula (1969). Vinteointo historias para rir. Kalandraka, Pontevedra.

Post elaborado por: Guillermo Couto Contreras, Cristina López Rodríguez, Nerea Núñez Fernández, Víctor Nieto Martínez.
Podédesnos seguir en Twitter: @28HistoriasParaRir



xoves, 13 de marzo de 2014

Os contos de Beatrix Potter a análise...

1       



Da man da autora, Beatrix Potter chega a nós a sexta edición publicada en setembro do 2013 dos Contos Completos elaborados pola mesma. Concretamente este libro é da editorial Beascoa e ten o ISBN 978-84-488-1910-1; inda así a súa primeira edición foi en 1989 en Frederick Warne.


Como xa dixemos noutros post anteriores, este é un volume que recolle os 23 fábulas de Beatrix Potter, nas cales cada historia é independiente pero algunha atópase interrelacionada entre sí,  debido a que os protagonistas son os mesmos.
A partir da análise da obra, destacamos que os temas principais son as parábolas cotiás da vida de animais e plantas enfocadas dun xeito infantil. Pois, os protagonistas móstranse dende unha perspectiva de curta idade. Así, podemos atopar unha gran variedade de flora e fauna nestas obras coma: coellos, esquíos, ocas, ratos, peixes, gatos, porcos, galiñas...
"Perico, el conejo travieso"
"La oca Carlota"
"La señora Bigarilla"
"El cerdito amable"
"Señor Jeremías Peces"
"La señorita minina"




Estes contos están ambientados no entorno natural, no que vivía a autora. Ela empregaba as súas experiencias para, dun xeito fantástico, plasmalo nas súas historias.
Dende o punto de vista das ideas secundarias, trabállanse diversos valores morais como amizade ("El conejito Benjamín"), compañeirismo ("La empanada y el molde"), traballo en equipo ("El sastre de Gloucester"), a importancia do apoio da familia ("Perico, el conejo travieso"), empatía ("Conejito Feroz"), etc.
Ademais destes temas trátanse outros como a natureza, a alimentación, o coidado de animais, a agricultura, entre outros. Todos eles bastantes axeitados para o público infantil.
A intención da autora é a de transmitirlles aos lectores, valores e experiencias dun xeito divertido e á vez fantástico.
A pesares de ser uns contos antigos, debido á súa temática universal, non pasan de moda e siguen tendo cabida na actualidade, ben sexa insitu ou reflectidos noutras artes.



Nun principio é o noso deber confesar o descoñecemento deste libro e da súa autora, polo que para nós esta obra foi un descubrimento en todos os sentidos, xa que tamén os seus relatos foron novas achegas para o noso repertorio; o cal estamos conformando día a día.
Os contos que neste libro se relatan parecéronnos importante para transmitir aos nosos nenos e nenas o valor do rural e do campo, e as numerosas aprendizaxes que alí se poden dar. Unhas aprendizaxes acompañadas de xogo e diversión da carón dos animais e das  plantas. A través destas historias achegámonos ás diferentes maneiras de vivir da diversidade animal e como a súa vez interactúan co medio. Lévannos por camiños, hortos, bosques, ríos, pobos… nas que vivimos as aventuras á par que os nosos protagonistas, o cal é unha mostra do aspecto lúdico da lectura.
Os animais adoitan ser do gusto dos nenos e nenas así como todo aquela historia ou experiencia que se desenvolve en plena natureza; cremos que isto tamén ocorrería no mundo adulto se as persoas nos atrevésemos a probar a vida en contacto cos animais e coa liberdade do campo; xa que a tranquilidade que se pode percibir e riqueza deste contacto tan natural non son comparables ao estrés dunha cidade. Ademais de ser este un lugar idóneo para facer este tipo de lectura, pois os nenos e nenas poderían observar o desenvolvemento dos animais e establecer con eles un vínculo afectivo. Mostra disto é o cambio de vida que a mesma Beatrix Potter decide facer, pois esta foi a aventura máis importante na que se sumerxeu. 


Por todo isto e máis, cremos que é un libro que tería cabida na nosa biblioteca de aula porque as súas imaxes transmiten docilidade e suavidade. Ademais o gran número de debuxos que contén permiten facer unha lectura máis espontánea a nivel oral, sen necesidade de seguir ó pé da letra os seus textos; pois estes non presentan excesiva facilidade a nivel de redacción para ser lidos de xeito autónomo polo alumnado de educación Infantil. Pensamos que estas historias deberían rotar polas aulas de primaria, sobre todo nas de primeiro e segundo ciclo, xa que podemos atopar estas fábulas por separado.

Algo que melloraríamos sería que as ilustracións tiveran maior tamaño, xa que nos parece que están desaproveitadas nese punto, pois están moi traballadas. Na aula conviría ter os volumes por separado para deixarlle un conto a cada neno/a para a casa, ademais, tamén farían maior distinción dos personaxes e a historia que máis lles gusta. Consideramos moi bo que houbera maior cantidade de videos, para que os nenos e nenas perciban os contos dunha maneira diferente á lectura de libros. Tamén destacamos como rango negativo unha mellor claridade nalgúns dos seus textos, porque cremos que resultan un pouco arrevesados, polo que a comprensión dificúltase.



Bibliografía:
"Cuentos completos de Beatrix Potter". Editorial Beascoa. Sexta Edición setembro 2013


Realizado por:
Luis Herrero Losada
Fátima Iglesias Núñez
Begoña López Ansemil
Tamara Mato Mella