Amosando publicacións coa etiqueta Úrsula Wölfel. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Úrsula Wölfel. Amosar todas as publicacións

sábado, 29 de marzo de 2014

Apetécevos botar a voar a vosa imaxinación con 28 historias para rir?

O post que vos presentamos a continuación é o que máis nos gusta de todos os que levamos publicado, xa que nel botamos a voar a nosa imaxinación, co obxectivo de realizar varias propostas didácticas para traballar co libro 28 Historias para rir, de Úrsula Wölfel.

Para estas propostas tomamos como referencia as diferentes historias, personaxes e situacións que compoñen o libro, dándolles un aire novo e diferente ó que ela nos presenta, de maneira que resulte divertido e entretido para os nenos e nenas.

Cremos que a obra en si ofrece moitas posibilidades á hora de traballar nunha aula de Educación Infantil, xa que ó constar de moitas historias permítenos escoller as que máis nos gusten a nós, e tamén ós pequenos/as, ou a que máis se adapte á temática que esteamos a traballar en cada momento.

Consideramos que as nosas ideas tamén son boas,  pois fomentamos que os nenos e nenas desenvolvan a súa imaxinación e creatividade, ó mesmo tempo que comproban que unha historia non ten porque ser cerrada, senón que con ela podemos facer un montón de cousas novas e rompedoras.

Xa non nos estendemos máis ca introdución; de seguido pasamos a amosarvos o noso traballo, que como xa explicamos un pouco anteriormente, ten os seguintes obxectivos:

  • Adaptar a obra orixinal, de xeito que resulte dinámica e divertida para os nenos e nenas.
  • Potenciar a creatividade e a imaxinación dos nenos e nenas, deixando florecer a súa capacidade de crear e inventar cousas novas, partindo sempre dunhas personaxes xa coñecidas para eles.
  • Aprender a traballar en grupo, de forma cooperativa, manifestando cada un as súas  ideas e opinións, e tentando chegar finalmente a un consenso común. 
  • Elaborar un produto final que recolla todo o proceso de creación levado a cabo polos nenos e nenas, en forma de vídeo, fotos, gravacións etc.

A primeira actividade que propoñemos é a elaboración dun novo conto diferente ós que se nos presentan, tomando como personaxe principal ó protagonista dunha das historias, un neno que non paraba de rir, e mesturándoo con personaxes e acontecementos doutras historias diferentes. Nós elaboramos o noso propio conto, pero na aula de Infantil deixariamos que fosen os nenos e nenas quen o inventaran entre todos. O noso resultado foi o seguinte:

“ Fai moito tempo, nun lugar non moi lonxe de aquí, había un neno moi ledo que nunca paraba de rir. Ría por calquera cousa, polo que nunca deixaba de vivir aventuras.
Era tan aventureiro que un día de inverno botou a andar, sen chegar a imaxinar o que lle ía acontecer. Pero antes de saír da casa, a súa nai tiña plans para el:

     - Tes que ir á tenda e mercar tres boliños de pasas e trinta selos.
O neno asentiu, e rapidamente dirixiuse á tenda. Ó chegar a ela, a dona preguntoulle:
          -  Que queres, rapaciño?
    - Non é o que quero eu, - respondeu o neno-, é o que quere miña nai. Pero como ela sempre fai todo o revés, non sei se me fixo ben o encargo.
          -  Pois estamos listos, - dixo a tendeira.
O neno, dubidoso, fixo o pedido tal como o entendera:
     - Mmmm, entón dáme trinta boliños de pasas e tres selos, - e botou a rir.
Unha vez feita a compra, o neno ía saír pola porta, pero un rato impediulle o paso, xa que o animaliño estaba distraído mirando para toda a comida que alí había, sen saber que comer. Entre risas, o neno pegou un forte golpe no chan co pé, polo que o rato saíu desaborido da tenda, con tan mala sorte que se atopou de fronte cun gato que, de tanto rodar pola neve, se acabou convertendo nunha gran bóla de neve.
O neno seguiu  o seu camiño para a casa a gargalladas, ata que atopou unha nena que ía paseando á súa irmá pequena nun carriño. A pequerrecha comezou a bocexar, e así contaxiou á súa irmá, ó neno e a toda a xente que por alí camiñaba.
Grazas á súa risa, o neno foi o único que logrou non comezar a bocexar coma os demais, polo que seguiu o seu camiño tan contento.
Na volta á casa pasou por diante da estación de tren, ónde viu a moita xente buscando a un neno pequeno que se perdera. De súpeto, o rapaz asomou pola ventá do tren, e berrando preguntoulles a seus pais que facían para subir abordo.
Ó ver isto, o neno botou a rir e seguiu o seu camiño, contento coma sempre. Cando estaba a piques de chegar, chamárono uns rapaces para que viran a un señor que se enredara nunha corda cando intentaba quitarlla ós nenos. O neno e todos os demais escacharon coa risa.
Por fin na casa, o neno deulle o encargo a súa nai:
     - Aquí tes, Mamá, os trinta boliños e os tres selos.
A nai botou unha ollada á bolsa e empezou a rir:
     - Fixeches todo ó revés! Non sei de quen aprenderías!
          - A xente sempre me di que son cuspidiño a ti.
E os dous, tan felices coma sempre, comezaron a comer os boliños como senón pasara nada.

Unha vez creada a historia, decidimos elaborar un pequeno conto interactivo con ela. Para iso, nós mesmos fixemos uns cantos debuxos de diferentes escenas da historia, e engadimos a voz do narrador nun arquivo de audio, ó mesmo tempo que puxemos unha música de fondo, extraída da web de Jamendo, e xuntámos todo co programa Windows Movie Maker. O resultado podédelo ver no seguinte enlace de Youtube:




Para a segunda actividade pensamos en levar a cabo unha representación con monicreques elaborados por nós, na que presentamos outra das historias do libro, “A historia do burro listo”, a cal vos contamos a continuación:

Unha vez un home tiña a súa casa no cume dunha montaña. Ningún coche podía ir ata alí. Por iso o home comprou un burro. Púxolle as angarellas ao lombo e dispúxose a ir de compras. Tiñan que atravesar unha ponte e ao burro apetecíalle comer a herba fresca da beira do río. Mais o home non quixo parar. Entón o burro, cos seus longos dentes, sacoulle os cartos do peto e tirounos no camiño. Moitas moedas baixaron rodando ata o tío. Logo o burro fixo “Ioh” a toda voz e o home botou unha ollada ao redor. “AH”, dixo, “perdín os meus cartos!”. Baixou agatuñando ata o río e apañounos. Mentes, o burro puido comer herba fresca ata fartar. Despois seguiron o seu camiño. O home díxolle ao burro: “Es moi bo! Menos mal que orneaches. Sen cartos non se pode ir de compras. Ti realmente es listo!”. O burro asentiu coa cabeza, riu cos seus longos dentes e orneou: “Ioh! Ioh!”.

Agora amosámosvos unhas cantas imaxes dos monicreques que elaboramos nós, de maneira moi sinxela. Por motivos de tempo, non fixemos un escenario de fondo, pero na aula sería interesante telo, para que á hora de representar a historia, os nenos e nenas se meteran máis no papel  e resultara todo moito máis realista. Polo mesmo motivo da falta de tempo non puxémos en práctica a representación, e quedámonos cas ganas de amosarvos cómo sería unha posible representación, pero deixamos que o imaxinedes, e mesmo que probedes a facelo! Esperamos que cas fotos vos fagades unha idea do que pretendemos. A representación, en caso de facela na aula de Infantil, debería ser gravada en vídeo, para que a todos os nenos e nenas, mestres/as e mesmo ás familias lles quede o recordo.










Xa para finalizar a nosa proposta, pensamos noutras tres actividades que tamén poden dar moito xogo cos nenos e nenas, e son as seguintes:

  • QUE PASARÍA SE... 

Para levar a cabo esta actividade, en primeiro lugar contarémoslle a seguinte historia:

Unha vez un cadeliño atopou un óso. Axiña chegou un can máis grande que roñou, regañou os dentes, mirouno con ollos ameazadores e quitoullo. Agora, o can grande  quería comer o óso. Mais daquela chegou outro c$an grande que tamén quería ter o óso. Os dous cans grandes roñaron desafiantes, regañaron os dentes e miráronse con ollos ameazadores. Movíanse en círculo ao redor do óso, tentando botarse os dentes un a outro. Daquela foi o cadeliño, meteuse entre eles, colleu o óso e saíu correndo. Os dous cans grandes non se decataron de nada. Seguían correndo en círculo e roñando, regañando os dentes e mirándose desafiantes. Pero xa non había óso ningún! Xa o comera o cadeliño.

Unha vez que coñezan o final, formularémoslles unha serie de preguntas, por exemplo:
-          Que pasaría se un dos cans grandes se decatase de que o cadeliño escapaba co óso?
-      Que pasaría se non aparecera o segundo can grande e o cadeliño pelexara co outro? Quen credes que gañaría?
-          Que pasaría se en vez de atopar se en lugar de un óso fora herba?
-          Que pasaría se en lugar de cans foran peixes?



  •      CAMBIAMOS O FINAL
Contarémoslles aos nenos/as a seguinte historia:

Unha vez había dous touros nun prado. Querían demostrarlles ás vacas o fortes que eran. Un púxose a bramar: “Son máis forte ca ti! Pódote tirar ao chan se quero!”. E o outro bramou: “Non, eu son máis forte! Podo botarte polo aire cos meus cornos se quero!”. As vacas ollaban abraiadas desde o valado e os touros seguían bramando. Un bramou: “Podo pisarte e converterte en puré se quero!” e o outro respondeu: “Podo queimarche o pelello co meu bufido se quedo!” e as vacas no valado puxéronse a moar cheas de abraio. Os touros seguiron a bramar ata quedaren roucos. Ao final non fixeron máis que discutir. Un berrou: “Podo mover os ollos nas órbitas de tal maneira que o medo faga que te escondas no burato dun rato, se quero!”. E o outro berrou: “Podo tocarte coa punta do rabo con tal forza que saias disparado ata a lúa, se quero!”. Daquela, as vacas empezaron a aburrirse con tanto bramido sen sentido. Déronlles as costas aos touros, que seguiron bramando a soas.

Cando rematemos, deixaremos que eles mesmos/as inventen un novo final.

  •      INVENTAMOS UNHA NOVA HISTORIA


Propoñémoslles aos nenos/as que inventen unha historia a partir dun camelo que aparece nunha das historias: A historia do camelo listo. Eles mesmos/as aportarán ideas que a mestra irá anotando no encerado, de forma que, unha vez rematada a chuvia de ideas, podamos crear entre todos unha historia nova.


Ó final de todo este proceso, os membros do grupo decidimos elaborar unha pequena conclusión sobre o éxito que podería ter esta proposta nunha aula de Infantil. Parécenos que realizamos un traballo que lles pode resultar moi interesante ós nenos e nenas, ó mesmo tempo que atractivo e didáctico, xa que eles mesmo serían os protagonistas de todo o proceso que neste caso realizamos nós. Pola nosa experiencia nas aulas, podemos dicir a ciencia certa que a eles encántanlles este tipo de actividades, nas que poñen en práctica as súas habilidades á hora de debuxar, crear historias, e exteriorizar todo o que se lles ocorra, que nunca vai estar mal. Nós mesmos pasámolo moi ben levando a cabo todas estas actividades, compartimos un bo momento no que rimos, expuxemos as nosas ideas e chagamos a un consenso para avanzar no desenvolvemento das tarefas. Actividades deste tipo son as que se deberían facer con máis frecuencia no Grao, xa que nos permiten interacionar uns con outros, e non cinguirnos unicamente ó contido teórico das materias.

Pola nosa parte nada máis, probablemente seguiremos publicando entradas con cousas interesantes que atopemos sobre Úrsula Wölfel. Volvemos a recomendarvos amplamente a obra desta autora, de verdade que merece a pena!


Post elaborado por: Guillermo Couto Contreras, Cristina López Rodríguez, Nerea Núñez Fernández, Víctor Nieto Martínez.
Podedes seguirnos en Twitter: @28HistoriasParaRir

venres, 21 de marzo de 2014

As mulleres sempre teñen un papel importante... descúbreo con Úrsula Wölfel.

Neste post que vos presentamos hoxe, imos facer unha breve alusión á presenza das mulleres na obra de Úrsula Wölfel que estamos a traballar, 28 Historias para rir. Cabe destacar que estas personaxes aparecen tanto en forma humana como animal.

O papel da muller non aparece sempre como protagonista, senón que ás veces o fai dunha forma máis sutil e mesmo nun segundo plano, sen deixar de ter importancia á hora de darlle sentido á historia.

Queremos destacar que a maioría das personaxes femininas que aparecen, representan a nais e amas de casa, entregadas ós seus maridos, ós fillos e ás tarefas do fogar, e que exercen unha gran protección, como podemos ver na historia da muller que tiña que facer todas as tarefas da casa, e como tiña tanto que facer e ninguén lle axudaba, acabou facendo todo o revés. Isto destaca o papel fundamental da ama de casa, que ten tantas cousas na cabeza que ás veces precisa da axuda dos demais para pode avanzar. Tamén temos varios exemplos de nais, tanto animais como mulleres, que viven preocupadas polos seus fillos, como a foca que non lle deixa ir á súa filla a nadar por medo de que lle ocorra algo.

Pero noutros casos, como no exemplo seguinte, a autora sorpréndenos cun novo rol para estas personaxes, amosándonos o seu lado máis feminino e rompedor: Dous touros teñen un conflito entre eles para ver quen é o máis bravo, e presumir diante das vacas; estas, ó principio, mostran un gran interese polos touros, pero a medida que a competición entre eles vai aumentando, elas deciden darse a volta e ignoralos, deixándoos a soas coa súa vaidade. Neste exemplo a muller representa un papel máis que destacable que encaixa ca sociedade actual, xa que moitas veces acontecen este tipo de situacións, que non son máis que a manifestación do animal intrínseco de cada un, querendo destacar por riba dos demais e presumindo das nosas calidades para impresionar ós outros, sobre todo cando se trata de homes e mulleres.

Como podedes ver, resúltanos difícil tratar a unha personaxe feminina concreta, xa que estamos a falar de moitas historias diferentes, por iso seleccionamos varios exemplos nos que cremos que se reflicte a idea que queremos transmitir.

Fontes documentais:
Wölfel, Úrsula (2007). 28 historias para rir. Kalandraka, Pontevedra.

Esperamos que vos resultase interesante esta análise acerca do papel fundamental que exerce a muller, non só nesta obra, senón na sociedade en xeral. Agardamos as vosas visitas no noso seguinte post!

Post elaborado por: Guillermo Couto Contreras, Cristina López Rodríguez, Nerea Núñez Fernández, Víctor Nieto Martínez.
Podédesnos seguir en Twitter: @28HistoriasParaRir


xoves, 20 de marzo de 2014

Tes moito onde escoller... Cal é o teu preferido?

No post de hoxe imos levar a cabo unha pequena recensión comparativa sobre as cinco obras lidas polo grupo ata o momento. Trataremos de forma máis profunda algúns aspectos mencionados no post anterior.
En primeiro lugar comezaremos analizando tres libros que pertencen á mesma serie, 27 historias para tomar a sopa, 28 historias para rir e 29 historias disparatadas, para logo pasar a analizar outras dúas obras de estrutura diferente, Zapatos de fuego y Sandalias de viento, e O xaxileo azul.

As tres primeiras obras poderíamos encaixalas nunha temática ou estrutura común, xa que presentan un formato case idéntico: unha serie de pequenas historias que comparten  un único nexo,  tratar situacións cotiás que lles ocorren a unha serie de personaxes diferentes en cada relato,  cunha certa finalidade humorística. Cabe destacar que non existe un patrón que vincule as historias entre si, xa que poden tratar tanto dunha familia que non paraba de discutir ata quedar conxelada, como de un neno que nunca metía o dedo no nariz, e un bo día saíronlle flores nel.

Por outra banda, pasaremos a falar de Zapatos de fuego y Sandalias de viento, un libro que garda unha certa relación cos anteriores, xa que tamén se compón de diferentes historias, pero desta vez si que existe un vínculo en común, pois estas son contadas por un pai ó seu fillo mentres van de viaxe para explorar o mundo, e están relacionadas cos acontecementos e experiencias que lles ocorren ó longo do camiño. Tamén son relatos de tipo humorístico, pero van máis encamiñados a tratar certos temas de interese na infancia, como a aceptación das diferenzas entre uns nenos e outros, os medos infantís,  a mentira, a importancia da familia por riba dos bens materiais.
O xaxileo azul

Por último, analizaremos a obra O xaxileo azul, que a diferenza das anteriores, baséase nunha historia concreta, protagonizada por un xabaril que non quere ser como os demais, polo que vai desexando unha serie de transformacións que se lle cumpren, para finalmente decatarse de que o importante non é o aspecto físico, e que as diferenzas son enriquecedoras.

Dende un punto de vista práctico e didáctico, consideramos que os libros máis axeitados para traballar na clase serían os  da primeira serie da que falamos, por tratarse de historias independentes entre si, xa que poden ser mellores á hora de transmitírllelas ós nenos/as,  debido á súa sinxeleza. Agora ben, falando dos nosos gustos, chegamos á conclusión de que o libro que máis nos gusta é O xaxileo azul, pola temática que aborda, e por tratarse dunha historia continua, amena e fácil de ler.


O que si é certo é que, de cara a traballar cos nenos/as, calquera das obras sería válida, xa que a maioría serían facilmente adaptables a calquera temática que poida xurdir na clase.

Referencias bibliográficas: 

Wölfel, Úrsula (1962). Zapatos de fuego y Sandalias de viento. Editorial Noguer, Barcelona. 
Wölfel, Úrsula (2006). 27 historias para tomar a sopa. Kalandraka, Pontevedra. 
Wölfel, Úrsula (2007). 28 historias para rir. Kalandraka, Pontevedra. 
Wölfel, Úrsula (2006). 29 historias disparatadas. Kalandra, Pontevedra. 
Wölfel, Úrsula (1991). O xaxileo azul. Editorial SM. Vigo.  

Post elaborado por: Guillermo Couto Contreras, Cristina López Rodríguez, Nerez Núñez Fernández, Víctor Nieto Martínez.  
Podédesnos seguir en Twitter: @28HistoriasParaRir

Estamos ansiosos por publicar o seguinte post, e esperamos que vós tamén desexedes lelo!



venres, 14 de marzo de 2014

Vinte e oito maneiras de rir con Úrsula Wölfel

No post de hoxe vamos realizar unha breve recensión crítica sobre o libro Vinte e oito historias para rir, de Úrsula Wölfel, comezando por unha pequena ficha técnica cos datos mais relevantes sobre o libro:

Título: Vinte e oito historias para rir
Autora: Úrsula Wölfel
ISBN: 978-84-8464-599-3
Editorial: Kalandraka
Ano da 1ª edición: 1969
Ano da edición que manexamos: 2007


A continuación, analizaremos un pouco a temática da obra. A contraportada do libro preséntanos a seguinte sinopse: "Un rato rodeado de exquisitos manxares e que, indeciso ante a abundancia, queda sen probar ningún; un neno que non mete o dedo no nariz porque quere ser o mais educado do mundo; dous touros presuntuosos que aburren as vacas; un home con tanta présa que xa non sabe nin onde vai." Este breve resumo pretende manifestar un pouco o sentido do libro. 

Gustaríanos comezar resaltando que Vinte e oito historias para rir é unha obra que non ten un argumento concreto, xa que consta de vinte e oito historias cun principio e un final, completamente independentes entre si. Por este motivo, non podemos facer un resumo concreto da obra en xeral, pero si podemos relatarvos algunha das historias que consideramos máis interesantes, como son:

"O neno que xamais paraba de rir", unha historia moi graciosa sobre un pequeno moi alegre que nunca paraba de rir, nin sequera cando chovía, e os demais estaban de mal humor ou tristes porque o sol non saía por ningures.

"A historia do rato na tenda", que nos conta como un ratiño se colou nunha tenda unha noite, e nela había tantas cousas ricas para comer, que tanto pensou e pensou no que quería probar que quedou sen nada, pois chegou a mañá e a xente botouno da tenda.


"A historia do burro listo", que narra como un home tiña tanta présa por ir de compras que arrastraba ó pobre burro sen deixarlle comer herba polo camiño. O animal foi tan astuto que conseguiu que ó home lle caeran os cartos polo camiño, polo que se tivo que deter, e mentres os recollía, o burro tivo tempo a comer todo o que quixera.

Volvendo á falta dunha temática xeral, podemos dicir que cada historia aporta ideas secundarias diferentes, implícitas na redacción do propio conto, e relacionadas sobre todo cos acontecementos que lles ocorren a unha serie de personaxes.

A intencionalidade da obra está claramente manifesta no propio título, indicando o mero propósito de entreter. Poderiamos considerar como novidoso o xeito en que se editou a obra, englobando vinte e oito contos nun só libro. Cada pequeno relato posúe unha idea central, a partir da cal podemos intuír o que a autora pretende transmitirnos a través das súas verbas. Analizando a bibliografía da autora decatámonos de que este estilo de publicación conxunta é o que mais parece convencerlle, xa que se repite ó longo da súa traxectoria literaria.


Como grupo, chegamos á conclusión de que resulta moi complicado facer unha análise concreta do conxunto da obra xa que non consta dun argumento común, ó tratarse de historias independentes, sen  que existan personaxes ou temas comúns ó longo do libro. 
Poderiamos dicir que, a pesar do sinalado anteriormente, si é certo que grazas a tratarse de pequenas historias, a lectura faise amena, entretida e novidosa. Este formato facilita moito as cousas á hora de transmitir ós nenos e nenas o contido das historias, xa que cada día podemos darlles a coñecer unha nova historia sen caer na monotonía e o cansazo en xeral, fomentando así o gusto pola lectura.

En liñas  xerais, a obra gustounos bastante, xa que a súa lectura foi sinxela, ó mesmo tempo que entretida. O mais curioso de todo foi comprobar como cada un de nós se sentía identificado con aspectos da obra diferentes. A súa variedade e riqueza temática fixo que todos nos sentísemos  identificados con algunhas personaxes ou situacións recollidas nos relatos, ó tratarse de acontecementos cotiás que lle poderían pasar a calquera.


Pola nosa parte nada máis. Non vos perdades a nosa próxima entrada, na que vos seguiremos dando información desta autora tan interesante.


Referencias:
Wölfel, Úrsula (1969). Vinteointo historias para rir. Kalandraka, Pontevedra.

Post elaborado por: Guillermo Couto Contreras, Cristina López Rodríguez, Nerea Núñez Fernández, Víctor Nieto Martínez.
Podédesnos seguir en Twitter: @28HistoriasParaRir



martes, 11 de marzo de 2014

Unha viaxe pola obra de Úrsula Wölfel

Como xa sabedes, o noso grupo está a traballar a autora Úrsula Wölfel, da cal fixemos unha breve presentación no post anterior. Agora queremos continuar amosándovos unha breve selección das súas obras, as cales estamos lendo para coñecer un pouco máis a obra e do estilo literario da autora.

Comezamos presentándovos a máis antiga das obras que estamos a ler, Zapatos de lume e sandalias de vento, publicada no ano 1961, que narra unha serie de historias contadas por un pai ao seu fillo mentres van de viaxe.


Despois desta obra creou unha serie de tres libros de historias independentes que teñen como protagonistas tanto a animais como a persoas, cunha temática alegre e humorística que narra os sucesos ou acontecementos que lles ocorren. O primeiro libro desta serie é Vintesete historias para tomar a sopa, publicado no ano 1968, ao cal lle seguirán Vinteoito historias para rir (1969) e Vintenove historias disparatadas (1974).

      



Posteriormente, no ano 1988 escribiu unha das súas obras máis coñecidas, O Xaxilé azul, na que relata a vida dun xabaril que, canso do seu aspecto físico, decide fuxir de xunto dos seus iguais para transformarse noutra especie. Sen embargo, termina por botar de menos a súa vida como xabaril, polo que decide volver cos seus.






Información extraída de:
http://taketen10.blogspot.com.es/2011_04_01_archive.html
http://www.bibliotecaspublicas.es/cullar/guias.jsp?IDSW=414
http://www.kalandraka.com/blog/2007/11/21/contos-de-outono-cuentos-de-otono/
http://www.kalandraka.com/pt/livros-por-lingua/
http://sonandocuentos.blogspot.com.es/2010/03/el-jajile-azul.html
http://www3.gobiernodecanarias.org/medusa/edublogs/cepicoddelosvinos/el-jajile-azul/


Estade atentos á próxima entrada sobre Úrsula Wölfel, xa que vos seguiremos ofrecendo información de interese.


Post elaborado por: Cristina López Rodríguez, Nerea Núñez Fernández, Víctor Nieto Martínez
Podédesnos seguir en Twitter: @28HistoriasParaRir

venres, 7 de marzo de 2014

Coñecendo un pouco a Úrsula Wölfel


“O feito de que eu escriba, probablemente estea relacionado co feito de que me gusta contar o que experimentei”.

Esta é unha das frases de Úrsula Wölfel, autora de obras como Vinteoito historias para rir; Vintesete historias para tomar a sopa ou Vintenove historias disparadas, naceu no ano 1922 na conca do Ruhr (Alemaña). Con anterioridade á Segunda Guerra Mundial, cursou a carreira de Filoloxía Xermánica. Unha vez comezada a Guerra, exerceu de axudante nalgunhas escolas, estudando posteriormente a carreira de Pedagoxía. Unha vez rematada, comezou a traballar nunha escola de educación especial en Darmstadt (Alemaña).

Unha vez rematada a súa formación, Úrsula Wölfel converteuse en escritora de literatura infantil, publicando a partir de 1959 varios libros e contos infantiles, entre os que podemos atopar, ademais das obras mencionadas anteriormente, outros títulos como “Zapatos de fuego y sandalias de viento” ou “Campos verdes, campos grises”, nos que aborda temas da vida cotiá da infancia e outros máis amplos como o terceiro mundo ou algún acontecemento actual de importancia.

Na actualidade vive en Odenwald (Alemaña) e segue a ser unha escritora independente, con varios premios e recoñecementos á súa labor literaria, tanto de prestixio nacional coma internacional. Ademais, as súas obras foron traducidas a máis de quince idiomas, o que manifesta a calidade da súa obra.

Información extraída do Instituto Goethe (Madrid) e dunha entrevista concedida pola autora:


Post elaborado por: Cristina López Rodríguez, Nerea Núñez Fernández, Víctor Nieto Martínez
Podédesnos seguir en Twitter: @28HistoriasParaRir