O dito queridos lectores! Hoxe traemos unha entrada un tanto especial. Trátase dunha proposta didáctica para levar a cabo nunha aula de Infantil ou Primaria. Hai que ser conscientes de que, no caso de Infantil ou do primeiro ciclo de Primaria, se terá que facer unha adaptación do libro para que coñezan a historia. Sería moi interesante propoñerlles a todo Infantil ou Primaria o feito de realizar un receitario terrorífico. Román, no libro Escarlatina, a cociñeira defunta, encóntrase nun problema: debe encontrar una receita que guste tanto no mundo dos vivos como no mundo dos mortos. Non é nada sinxelo! El propuxo unha empanada de mexillóns xa que visualmente, para el, son bastante noxentos. Que receitas xurdirán? Nós, pola nosa parte propoñemos cinco que constan de dous entrantes, dous pratos principais e finalmente un postre. Imos aló!
NOME DA ACTIVIDADE: Receitas monstruosas!
TEMPORALIZACIÓN: 1 hora aproximadamente
RECURSOS HUMANOS: Mestre/a titor do aula mais algún pai/nai voluntario
RECURSOS MATERIAIS:
DESENVOLVEMENTO DA ACTIVIDADE:
Para comezar, o máis aconsellable sería que unha semana
antes se lles explicase a actividade ós nenos e nenas co obxectivo de que eles
mesmos fosen pensando nas súas propias receitas, deixando voar a súa imaxinación. Neste caso, propoñemos un
total de cinco posibles pratos que podan degustar tanto no mundo dos vivos coma
no Alén.
Trátase dunha receita moi sinxela que poden facer os
nenos e nenas de Infantil sen practicamente ningunha axuda. Polo tanto, antes de nada, deberemos facer a masa, a cal realizaremos con:
Primeiro bótase a fariña nun recipiente e mestúrase co
fermento. Nun vaso disólvese o sal con auga morna e pouco a pouco engádeselle a
fariña, remexendo ata formar una masa que non se pegue ás mans, e se fai falla
pódese engadir algo máis de fariña. A posteriori déixase repousar uns 20
minutos. (Neste caso nós fixemos máis cantidade para aproveitala masa para
outros pratos).
Prendemos o forno previamente a uns 200º. Unha vez que
teñamos lista a masa, pasaremos a modelar os dedos de meiga como máis nos
gusten. O toque final será a unlla, feita cunha améndoa.
A continuación meteremos os dedos no forno con axuda dun
adulto ata que queden dourados (15 minutos aproximadamente) e finalmente
podemos adornalos con salsa de tomate, o que lle dará un toque terrorífico
imitando o sangue.
Dedos de Meiga. Creación Propia
Para a elaboración deste prato, precisaremos:
Primeiramente, coa axuda dun adulto, poñerase a ferver
auga nunha pota para cocer un par de ovos durante 8 minutos aproximadamente. A
continuación, sacámolos da pota coa axuda do mestre/a e esperamos un par de minutos
a que arrefríen para quitarlles a cáscara.
Collemos un ovo, podémolo partir á metade, e no centro facemos un
buraco cunha culler onde meteremos unha oliva. O outro, en vez de dividilo en
dous, podemos deixalo enteiro facendo un pequeno corte na base para que se suxeite
de pé. Coa axuda dun paíño, decoraremos os nosos ollos de momia con salsa de
tomate imitando as veas.
Decoración dos ollos de momia. Creación Propia.
Finalmente preséntase nun prato, decorando con algún tipo
de vexetal como poden ser os canónigos.
Ollos de momia. Creación Propia.
A nosa proposta para o primeiro prato, trátase nada máis e nada menos que dos mesmísimos esbirros de Amanito, feitos momia. Para elaboralos, precisamos os seguintes
ingredientes:
Para comezar a elaborar os nosos Funguiños, partiremos tres salchichas á metade e farémoslles os ollos e o pelo cuns anaquiños de espaguetes. Tras
isto, coa masa de pan anteriormente elaborada, faremos unhas vendas cas cales os
envolveremos. A continuación tallaremos a súa boca cun paíño dándolle a
expresión que nós desexemos.
Funguiños de Amanito crús. Creación Propia.
A posteriori, fritirémolos coa axuda dun adulto ata que
queden douradiños. A presentación pode darse como máis nos guste. Nós neste
caso empregamos canónigos e salsa de tomate, o que lle dá un toque moi
delicioso á par que terrorífico.
Funguiños de Amanito. Creación Propia.
Para a realización deste prato, precisaremos:
Para comezar, empregaremos o resto da masa que fixemos
para os anteriores pratos. Darémoslle forma de caveira coas mans e esparexeremos a salsa de tomate por toda a base que cubriremos con queixo deixando dous ocos
para os ollos. Decorarémola con champiñóns, olivas negras e pavo. Podedes
decorala como máis vos guste. No noso caso, decidimos decorala da seguinte
maneira:
Pizza Caveira. Creación Propia.
Fíxonos moita graza experimentar tamén co último
entrante, os ovos. Este foi o resultado:
Pizza Caveira. Creación Propia.
E... como non! Debemos rematar o banquete cun bo postre, por iso non hai
nada máis delicioso que unha xelatina de amorodo acompañada de gominolas de
temática tenebrosa. Para facer a xelatina precisamos:
Comezamos por poñer un cuarto de litro de auga a ferver
nunha pota coa axuda dun adulto. Cando comeza a ferver, botamos o sobre de
xelatina e mesturamos ata que quede todo disolto. Finalmente engadimos outro cuarto
de litro de auga, removemos e deixámola arrefriar uns 10 minutos. Cando
deixe de ferver, engadimos as gominolas para que vaian ó fondo. É importante
non engadilas cando está fervendo xa que se disolven coa propia xelatina. A
posteriori metémola no frigorífico unhas dúas horas ata que teña a textura que
buscamos. Antes de servir decorarémola con máis gominolas ó noso gusto.
Xelatina de gominolas terroríficas. Creación Propia.
Unha nota importante para ter en conta, é que debemos ser conscientes de que este postre ten que prepararse con bastante anterioridade se queremos incorporalo ó anterior banquete.
Xelatina de gominolas terroríficas. Creación Propia
OBXECTIVOS
Con esta actividade, procuramos alcanzar unha serie de obxectivos para que a experiencia poida ser o máis frutífera posible. Entre eles atopamos:
Traballar en equipo.
Familiarizar ós nenos e nenas coas magnitudes (peso, tempo...)
Motivar ós nenos e nenas a poñer coñecementos en práctica.
Afianzar a motricidade fina.
Propiciar o gusto polo artístico e a estética nas súas creacións.
Concienciar ós nenos e nenas da importancia da hixiene na cociña.
Experimentar sensorialmente a través da elaboración das propias receitas.
METODOLOXÍA
A realización dunha actividade de características tan especiais, precisa unha metodoloxía específica. Por iso, quixemos ser fieis ós seguintes principios:
O xogo como motor de aprendizaxe.
Atención individualizada: hai que ter en conta que canto menor sexa o grupo
de nenos por adulto, mellores resultados se obterán, por iso é importante a posible
participación dos pais.
A importancia da flexibilidade para finalizar as actividades, é dicir, cada
neno precisa do seu ritmo de aprendizaxe.
Seguridade e confianza: os nenos teñen que sentirse. seguros, aceptados,
valorados e ben tratados.
Os nenos deben ser conscientes de que a orde e as rutinas de hixiene son
esenciais nas nosas vidas.
A importancia por parte do mestre de crear un ambiente adecuado para a
realización das actividades.
A cooperación das familias nas actividades formando parte da comunidade
educativa.
O desenvolvemento de actividades con temas transversais, tocando diversas áreas do
currículo.
AVALIACIÓN
Para rematar, sería interesante avaliar a actividade
realizada respondendo a unha serie de preguntas:
Os nenos/as colleron con ilusión e motivación a actividade?
Foi significativa para eles despois da lectura do libro?
Encontraron semellanzas co libro?
Identificáronse cos protagonistas do libro?
Souberon traballar ben en equipo?
Atenderon ben as instrucións do mestre/a?
Respectouse o material?
Recolleuse e limpouse todo o material?
Foron capaces de respectalos tempos?
...
Portada do libro Escarlatina, a cociñeira defunda. Creación Propia.
CONCLUSIÓN Para concluír, podemos comparar a nosa experiencia coa do libro. Román fai receitas deliciosas, pero para axudar a súa amiga Escarlatina ha de facer unha moi diferente, unha que agrade tanto a vivos como a mortos. Cando nas aulas se traballa o libro de ''Escarlatina, a cociñeira defunta'', adóitase facer con propostas sobre cociña nas cales a maioría das veces se reproducen as receitas de Román, pero no noso caso decidimos apostar por unha cociña mais creativa: a cociña dos mortos. A experiencia, ao menos para nós, é formidable, e pensamos que para os miúdos tamén o vai ser xa que normalmente se sinten moi atraídos polas pantasmas e as meigas, así que este receitario monstruoso é toda unha aventura para eles. Os pratos son sinxelos de elaborar, a penas precisan da axuda dun adulto. O emprego da cociña nunha aula de infantil axuda a abranguer moitos coñecementos transversais. O feito de ser ''cociña creativa'' abre as mentes dos nenos axudándolles a meterse no mundo dos adultos e as súas rutinas, sen perder a imaxinación e a ilusión da infancia. Este é un dos nosos obxectivos como guías do seu aprendizaxe.
Moitísimas grazas pola vosa lectura!
Que vos pareceron estas terroríficas receitas?
Agora é a vosa quenda! Xa tedes algunha receita en mente?
Ánimo! sempre é un bo momento para comezar a innovar na cociña, e se pode ser da man de Escarlatina, a cociñeira defunta, a diversión está asegurada.
E... se queres manterte ao tanto de calquera nova relacionada con Ledicia Costas síguenos no twitter!
O
dito, blogueiros! Comezaremos facendo unha análise da obra Escarlatina, a cociñeira defunta, aportando os datos fundamentais da
obra e facendo un análise do seu contido.
A
continuación, comentaremos as conexións e repercusións de ambas obras,
analizando os temas en común, trazos propios da escrita da autora, cal nos
interesou máis e cal cremos máis acaída para traballar nas aulas.
Posteriormente,
será a quenda de Recinto Gris.
E,
para finalizar, faremos unha síntese final, recollendo os aspectos máis
destacables destes dous libros e aqueles que máis nos chamaron a atención como
lectoras e futuras mestras.
Ficha técnica do libro: Escarlatina, a cociñeira defunta. Creación propia.
Portada do libro: Escarlatina, a cociñeira defunta. Creación propia.
ARGUMENTO DA OBRA
O soño de Román sempre foi o de ser un gran chef de
cociña, polo que sempre lle pedira ós seus pais un curso para mellorar as súas
técnicas. Polo seu décimo aniversario, o cal coincide co Día de Defuntos,
chegoulle o seu ansiado agasallo. Tratábase dun cadaleito acompañado dun sobre
onde viñan unhas instrucións para poñer en marcha a Escarlatina, unha nena que
dedicábase a cociña que ficou no século XIX. Unha vez a pon en marcha as 00:00
da noite, comezan a súa aventura a bordo do mortobús, o cal os deixa no Alén,
onde terán que enfrontarse ó tirano Amanito para loitar polos dereitos de
Escarlatina, a cal foi separada dos seus pais no Inframundo.
O libro está acompañado en cada capítulo dunha ducia
de apetitosas receitas que teñen que ver co argumento do libro coma por
exemplo, a empanada de mexillóns, a cal ten un importantísimo papel no libro.
TEMAS OU SUBTEMAS QUE TRATA A OBRA
O tema principal asemella ser o da cociña: o libro mostra
unha receita o final de cada capítulo e na mesma trama o protagonista e
agasallado cun curso de cociña. A medida
que lemos o libro a cociña pasa a un segundo plano e pasa a tomar forza todo o
que rodea o tema da morte e do mais alá.
Neste libro amósase a visión da morte dende os ollos dun
neno, as emocións e pensamentos que ten e a morriña polos que xa non están.
ESTRUTURA DA OBRA: RELACIÓN ENTRE OS DIFERENTES CAPÍTULOS
Os capítulos gardan unha estreita relación entre si, xa
que cada un deles se pecha cunha receita que ten que ver co argumento de cada
capítulo, deixando lugar a un novo acontecemento no Alén.
SOLUCIÓNS
E ALTERNATIVAS QUE OFRECE A AUTORA AOS TEMAS PROPOSTOS E EXPLICACIÓN DA SÚA
INTENCIONALIDADE
Como anteriormente mencionamos, neste libro trátase o
tema da morte, aínda que o tema das emocións e do compañeirismo tamén son temas
subxacentes, pero non por elo menos importantes na trama. Traballando en equipo
dáse solución ós problemas dos personaxes, como por exemplo gañarlle a carreira
a Amanito ou dar coa receita que guste tanto a vivos coma a mortos. Mentres se
dan estes sucesos, Román loita con sentimentos que teñen relación tanto co
mundo dos vivos como co Alén.
ALCANCE,
NOVIDADE E CONSECUENCIA DAS IDEAS CENTRAIS DA OBRA
As ideas que propón a autora durante toda a obra foron
acollidas de bo agrado por unha gran cantidade de colexios, dando lugar a
talleres de cociña escolares por todo Galicia.
En diversas entrevistas, Ledicia Costas afirma que a
reciben en numerosos colexios coas receitas do seu libro, feito o cal a inspira
moito para seguir motivando aos nenos e nenas cos seus libros.
Por outra banda, resulta totalmente novidoso que un libro
de literatura infantil e xuvenil mesture un receitario de cociña con unha
historia na cal son protagonistas vivos e mortos.
ACTUALIDADE DA TEMÁTICA
Ó longo de todo o libro, menciónase o tema da crise económica
e como isto afecta a Román, o cal tan só é un cativo. Amósase dende os seus
ollos como vive dita problemática e como se fixo consciente: tivo que deixar de
ir a judo, piscina, fútbol e os seus pais non se podían permitir pagarlle un
curso de cociña ata que encontraron en internet unha irresistible oferta...
Por outro lado atopámonos co problema da Escarlatina,
atrapada nunha área do Inframundo. É obrigada a cociñar para Amanito e vese
obrigada a vivir lonxe de onde viven seus pais no Alén. Grazas ó inxenio de
Román coa súa receita que encanta tanto a vivos como a mortos e a vitoria do
Avó na carreira contra o tirano gobernador axudan á pequena cociñeira a
reunirse coa súa familia despois de dous séculos, vivindo todos xuntos nun
estrato superior do mundo dos mortos.
Ficha técnica do libro: Recinto Gris. Creación propia
Portada do libro Recinto Gris. Creación propia
RESUMO DO
ARGUMENTO E SINOPSE DAS IDEAS SECUNDARIAS
Tras un día de galerna, a Cidade Vii foi invadida por un exército de homes con cabeza de lobo que secuestran aqueles cidadáns considerados diferentes e son recluídos nun campo de concentración denominado Recinto Gris co obxectivo de conseguir unha cidade perfecta. Aqueles soldados altísimos de uniforme negro e cabeza de lobo peiteaban o territorio, rexistraban cada casa, non deixaban nada ao azar. Tiñan instrucións moi claras que cumprir: colleren aqueles que perturbaban o equilibrio socia. Entre os diferentes atopábase Nube (Alma), unha nena con gran sabedoría, antisocial e incapaz de mentir; así como o seu avó, inventor e con gran habilidades manuais. No campo, tamén coñecen a outros seres diferentes tales como: Mun o albino; Carraña ou “home Lince”, “o home de unllas negras que falaba un idioma descoñecido”; Nené, “o deficiente que percorrera o mundo cos monicrequeiros, a bordo dunha autocaravana”; o home do transistor; a muller con cara de rato. Destaca tamén a aparición dun neno extraviado doutro barracón: o neno lepidóptero; a súa diferenza é que posúe ás, as mesmas que foron rotas polos soldados pero que non lle impide manter as mesmas ganas de voar.
Pouco a pouco os reclusos van trazando un plan de fuga. Grazas ós “electricismos” do avó, conseguirán desactivar a electricidade do valo que os rodea e arrancar os camións dos soldados.
Terán que contar co imprevisto do castigo de Nube e Mun debido ó incumprimento da regra que prohibe chamar ós presos polo seu nome real. Aproveitando unha noite de choiva, deciden levar a cabo o seu plan a acción, pero antes non sen antes conseguir sacar a Nube do pozo grazas a axuda do neno das ás, deixando a Mun á súa sorte, pois o peso dos dous era demasiado e facendo un gran descubrimento ó seu paso, os homes lobo non existen, non son máis que homes que puxeron nas súas testas unhas cabezas de lobos baleiras por dentro para aterrorizar á poboación.
Ó final, cando semellaba que o camiño de Mun se vería truncado moi pronto, saíronlle unha bonitas plumas brancas como ás, permitíndolle alzar voo e deixar aquel escuro e horrible lugar, sendo este un feito inesperado á vez que desexado.
Nesta historia, ademais do argumento principal, gustaríanos destacar a importancia dos valores que sobreviven, a pesares da problemática da sociedade de hoxe en día, e que serven para describir a moitos dos personaxes desta historia, á vez que serven como elementos ou sinais de identidade, a mesma que outros pretenden roubar ata deixalos na sombra.
TEMAS E SUBTEMAS
O tema principal
deste libro é a distopía dunha sociedade
deshumanizada, a busca da xustiza humana e a existencia de realidades ocultas
ante as que preferimos pechar os ollos ou simplemente facer como que non
existen.
Ademais, a autora incorpora outros subtemas tales como:
ESTRUTURA DA
OBRA
A estrutura da obra está formada por tres partes: o inicio, o nó e o
desenlace. Trátase dunha obra lineal que narra unha serie de acontecementos
continuos e lineais a través dos seus dezaseis capítulos, terminando cun final
aberto, á vez que feliz, debido ás plumas brancas que lle dan a oportunidade a
Mun de voar e fuxir daquel escuro lugar.
A obra comeza ubicándonos e
presentando a situación inicial dende un primeiro momento, ademais dos
protagonistas e dos personaxes principais. Deste modo, iníciase xa,
dende o primeiro capítulo, a acción, e con ela a intriga que caracteriza dita
trama.
SOLUCIÓNS E
ALTERNATIVAS DA AUTORA E A SÚA INTENCIONALIDADE
En canto á intencionalidade da autora, esta pretende darlle voz ou
importancia ós “diferentes”, os cales a sociedade tende a deixar de lado ou
silencialos para que non provoquen problemas, nunha sociedade moitas veces
sumisa e pouco reivindicativa a favor do propio benestar; a veces, isto sucede
por medo e temor, e outras, por pura comodidade ou beneficio, omitindo a
conciencia moral e facendo lavados de imaxe e premiando a falacia.
Pensamos que Ledicia Costas, prentende dar a coñecer ós máis novos a
realidade do pasado e que de xeito máis indirecto, en ocasións, perdura no
tempo.
Recinto Gris describe unha sociedade dominada por homes que procuran ante todo
resolver e facer desaparecer ós diferentes que non son do seu agrado e, polo
tanto, pode facer perigar os seus obxectivos. Pero... cando todo parece escuro
e xa non se ve a luz o final do túnel, o humano ten a capacidade de rexurdir
das cinzas, a capacidade de loitar; ten esa capacidade que ás veces se esquece a
causa un medo que o deixa paralizado e que corta esas ás que nos permite voar
para buscar unha saída. Tan importante é, a súa vez, a unión e a esperanza como
motor que move o mundo, partindo, como xa vimos dicindo dende o principio, deses
valores que nos forman e completan como verdadeiras persoas.
Así mesmo, son destacables as diferentes formas de
actuar que xorden ante diferentes situacións
e ante distintas persoas, pois non todos somos iguais e non sabemos que
fariamos ata que o vivimos.
ALCANCE,
NOVIDADE E CONSECUENCIA DAS IDEAS CENTRAIS DA OBRA
O libro está
narrado baixo unha distopía entre a fantasía e a realidade, permitindo acercar
un pasado, que se acerca moito ao presente, á xuventude actual a través dun
xeito lúdico e que fai que non perdas o fío argumental, así como a intriga de
saber que acontecerá despois.
Centrándonos nesa sociedade
deshumanizada, podemos dicir que se trata de persoas que se agochan baixo
caretas, provocando diferentes sentimentos, sensacións e reaccións ante tal
mentira. Con este feito, podemos destacar os xuízos que se exercen a partir
dunha aparencia, como ocorre no cambio de actitude e de pensar por parte dos
reclusos cando descobren a verdade a cerca de quen son realmente os lobos,
provocando isto unha liberación de medos. Neste caso destaca o personaxe de
Nube, unha meniña diferente de tan só 10 anos, pero cuns grandes valores,
destacando entre eles a súa madurez e
intelixencia ademais da súa gran valentía e honestidade. Ao igual que o medo,
que provoca un estancamento, unha sensación que provoca nas persoas unha
incapacitación para reaccionar contra a xustiza e descoida os seus valores, as
súas ideas, as súas identidades.
Por outra banda,
esta obra inspírase no movemento nazi. Os lobos queren limpar a sociedade, deixando
soamente aqueles que dean o silencio como resposta e non se opoñan a calquera
decisión que tomen. Apartan aqueles que poden contaminar e influír no
pensamento sumiso dos demais, buscando nestes a perdida de identidade, aquela
esencia que os fai brillar con luz propia debido ós seus propios méritos,
obtidos sempre dun xeito limpo, e loitando polos seus obxectivos a contra corrente
dos ideais negativos que hoxe en día prevalecen na sociedade corrupta na que
vivimos.
Na mesma liña,
cremos que esta obra garda unha gran semellanza co filme La vida es bella (1997), do director Roberto
Benigni, que está baseada, ao mesmo tempo, no libro Al final derroté a Hitler, de Rubino Romeo Salmoni, o cal foi
prisioneiro nun campo de concentración.
Non obstante,
non todo é negativo posto que avanzar, perseguir os teus soños e buscar
solucións e oportunidades para lograr sobrevivir e obter unha vida mellor son
aspectos dignos de admirar e destacar, ademais dos grandes valores que
persisten, a pesar da situación na que se atopan. Tamén, debemos subliñar as
alianzas que xorden entre persoas tan diferentes pero que loitan polo mesmo;
esas relacións que marcarán un antes e un despois no camiño e que nos desarman
sentimentalmente deixando de lado en moitas ocasións os nosos pensamentos,
debido a necesidade de contar con alguén, de recibir esa calor, ese confort para
seguir adiante.
A solución a esa sumisión, a esa opresión, podemos encontrala no lema “a
unión fai a forza”, pois grazas a colaboración da meirande parte dos reclusos
conseguen fuxir do Recinto Gris.
En suma, os personaxes saen
obrigados do seu fogar nun día de galerna para chegar a un Recinto Gris, nos
diriamos que negro, un lugar no cal os personaxes teñen que traballar sen cesar
e do cal son prisioneiros, para finalmente lograr fuxir regresando de novo á cidade,
desta vez iluminada de beleza, grazas a un desenlace tan esperado como
sorprendente que non só conseguiu traspasar as fronteiras da noite senón tamén
da realidade. ACTUALIDADE DA
TEMÁTICA
É unha obra que ante todo denuncia aquilo que xa aconteceu e que pode
acontecer en calquera momento: un equilibrio social dos poderosos que non
admiten ideas contrarias ás súas e que aniquila a todo aquel que supoña un
problema para iso.
A historia
céntrase na evolución dos personaxes dende o asoballamento propiciado polo
medo, ata a rebelión como única posibilidade de supervivencia, buscando unha
reflexión no lector sobre o funcionamento dos sistemas de poder, dos movementos
sociais, das ideas políticas e as reaccións que estas provocan en nós.
Esta temática á
que nos estamos a referir, está moi presente na sociedade, tanto na pasada como
na actual. Hoxe en día o fenómeno da distopía é algo contemporáneo e que cobra
unha grande importancia; o acoso que se pode vivir nunha escola, vía internet,
etc. Son exemplos dunha colectividade que pretende someter ós demais partindo
en todo momento de feitos negativos. Son moitas as persoas que buscan novas
oportunidades ou simplemente sobrevivir, aferrándose a todo aquilo posible e
deixando como última opción a de tirar por terra os soños que estaban a
perseguir polo feito de verse ameazadas ou cohibidas por terceiros aos cales non
lles convén tales accións, aqueles que buscan en todo momento o propio
beneficio ó dos outros, sen importar o que facer para obtelo, quitándolles ós
demais as ilusións que lles permite mirar para adiante e deixalos na máis
profunda e escura soidade.
Portadas dos libros de Ledicia Costas. Creación propia
Pensamos que un dos trazos propios de Ledicia Costas, é
esa mestura de ficción e historia-realidade, algo tamén moi característico da
novela posmoderna. Ademais, o feito de escribir sobre temas dos que nunca se
soe falar nas aulas ou os que máis nos preocupan é algo tamén propio da autora.
Outro deses trazos, é a escrita próxima da autora que
sabe moi ben como implicarnos na obra e manter a intriga ata o remate das obras.
Ademais, é peculiar a introdución de palabras pouco
usadas e expresións coñecidas e a explicación do seu significado por parte dos
personaxes a través do seu relato, de maneira que os lectores aprenden novo
vocabulario dunha forma moi acertada.
Tamén, presenta á perfección o rexistro lingüístico
propio dos nenos o cal fai que cando lean a obra se sintan moi identificados
con el e non perdan o fío (“guai” “mola”, Dona Matracas...).
Finalmente, outro dos trazos, é o perfecto deseño dos
personaxes os cales están perfectamente pulidos e encaixan moi ben nas detalladas
descricións que fai do medio no que se atopan.
CAL
NOS INTERESOU MÁIS? POR QUE?
Portada do libro Escarlatina, a cociñeira defunta. Creación propia.
Resulta difícil decantarse por unha das obras xa que
ámbalas dúas tratan temas moi interesantes e dos que pouco se fala nas aulas: O
Holocausto Nazi, o dominio da sociedade por parte dun grupo
privilexiado/poderoso, a morte, a cociña, as capacidades diferentes…
Pero, reflexionando moito, quedámonos con Escarlatina, a cociñeira defunta por
tratar a morte dun xeito tan positivo e natural:
Román
naceu o día de defuntos;
O avó que
morreu é descrito coma un aventureiro con espírito xovial;
Escarlatina é a mellor cociñeira e entrañable
amiga de Román
Lady Horreur, é unha araña que protexe e quere
o mellor para Escarlatina e os seus amigos, é coma unha especie de nai...
De modo que estes son personaxes que están no inframundo
(Román durante 3 días) e aos que lles colles moito aprecio, xa que fan que te mergulles
no mundo dos mortos, vendo como son persoas igual ca nós pero que teñen
costumes diferentes ás nosas alá onde realmente “viven”; é a mensaxe da
esperanza de que no máis alá hai outra vida e de que os mortos non viven tan
mal.
CAL PENSAMOS MÁIS ACAÍDA PARA TRABALLAR NAS AULAS?
Quizais dá máis xogo Escarlatina,
a cociñeira defunta, por mesturar a cociña co mundo dos mortos, dous temas
aos que se lles pode sacar moito partido: os nenos poden falar dos seus medos
acerca da morte e entender que é algo natural e, por outra banda, poden
aprender moito acerca do mundo da cociña e o que elo leva implícito (manipular,
socializar, matemáticas, lectura...).
Trátase dunha obra con moitos recursos didácticos
implícitos, dos cales escribiremos máis polo miúdo na seguinte entrada adicada
a Ledicia Costas e á súa obra.
Recapitulando, podemos dicir que estamos ante dous libros
tremendamente interesantes.
Portada libro: Escarlatina, a cociñeira defunta. Creación propia
En primeiro lugar, do apetecible libro Escarlatina,
a cociñeira defunta, gustaríanos destacar o intelixente texto e o humor
macabro que desprende polas catro costas, así como a desmitificación da morte e
as aventuras que acontecen dende que comezas a ler o libro ata que rematas, o
que fai que vivas momentos incribles xunto cos personaxes e que por un momento
semelle que forman parte da túa vida que, ata os chegas a botar en falta cando
rematas de ler o libro; déixate con ganas de máis e máis aventuras! Ademais,
esa forma de incluír as receitas de cociña ao comezo de cada capítulo,
integradas perfectamente co argumento, fixo que non nos puidésemos resistir e
cociñásemos algunha que outra larpeirada! Era algo inevitable! ao ler as
receitas xa nos decatamos de que desprendían un arrecendo marabilloso...
Na mesma liña, esa musicalidade que inclúe a autora na
obra, tamén nos resultou moi atraente (o rap dos funguiños, por exemplo) e ese
xeito tan especial que ten Román de contarnos desde a súa persoa todo o que lle
acontece, coma un rapaz, propiamente de 10 anos... ninguén o dubida.
Do mesmo modo, é un libro que invita á reflexión: os
personaxes que introduce e a forma de describilos así como a maneira en que
Román explica determinados conceptos (descerebrado) e o seu uso, que a veces
está mal empregado, facéndote consciente de que a veces non empregamos ben as
palabras e pode resultar ofensivo, así como cando fala de determinadas enfermidades
(Alzheimer) ou das mascotas: referíndose ao seu gato Dodoto, di que aínda que a
veces non lle faga caso el quéreo moito e nunca o abandonaría, e non entende
como hai xente que abandona as súas mascotas facéndonos reflexionar respecto ao
tema.
Non podemos esquecernos, nin moito menos, das
impresionantes ilustracións que acompañan ao libro, que o complementan e o
enriquecen, xa que son moi expresivas e transmiten unha tenrura indescritible
que causa que non lles quites ollo durante un bo anaco. Nós diríamos que, non
pode haber outras ilustracións que lle acaian mellor! De modo que o ilustrador
tamén fixo un traballo estupendo neste libro. É indubidable: autora e
ilustrador fan que este libro sexa sinxelamente impresionante.
Portada libro: Recinto Gris. Creación propia
Por outra banda, temos o libro Recinto Gris.Pensamos que é un libro que, coma o anterior, é moi
recomendable para todas as idades. Por que? Pola súa temática e pola mensaxe
final que transmite.
Encántanos esa maneira de narrar un acontecemento como
foi o holocausto nazi, levándoo á fantasía, a través de homes con cabezas de
lobo e persoas moi especiais, con capacidades que as fan incribles e que iso é
o que lles estorba aos poderosos (os homes lobo). É moi interesante, como a
autora nos fai crer que a historia vai ter un final que non é o desexado por
quen o le ata que acontece o inesperado, e esa mensaxe final de que a unión fai
a forza e de que a esperanza nunca se perde, que hai que loitar, non ter medo,
usar a intelixencia e dar o mellor de cada un de nós e compartilo cos demais
para poder conseguir as nosas metas. Esa mensaxe de que as aparencias enganan,
que temos que ser críticos e ver máis alá. En definitiva, a clara mensaxe de
temos que ser humanos, solidarios, altruístas e mirar polo ben de todos e non
só polo noso propio e todo cunha mensaxe fundamental e importantísima: temos
que loitar por ser libres.
Despois de todo, cremos que estamos ante uns libros cunha
tramas que atraen a persoas de tódalas idades e que se comezas a lelos é
inevitable soltalos. Así que, a que esperas?
E...
se queres manterte ao tanto de calquera nova
relacionada con
Ledicia Costas síguenos no twitter!