Aleixandre, Marilar (2000): A expedición do Pacífico. Vigo: Xerais. Colección Fóra de Xogo.
ISBN: 84-8302-554-X. [1.ª ed. Colección Merlín, 1994].
Narrada en primeira persoa, é unha novela que pertence ao subxénero de novela histórica de aventuras. Organizada en dez capítulos, conta a historia de Emilia Goianes, unha rapaza de doce anos interesada na zooloxía; esta afección aos insectos fai que se decida a embarcar como polisón na goleta Resolución onde se atopa o seu irmán maior Andrés. Este é un dos oito investigadores, que forma parte dunha importante recolección de animais, minerais e prantas por diferentes lugares de América Latina. Coñecedora da importancia desa misión científica, decide agocharse nun caixón no camarote do seu irmán; pero pronto é descuberta por Andrés e ten que convencelo de que non a regrese á casa. Consciente de que por ser nova e ser muller non estaba ben vista, sabe que ese é motivo para que a regresen e decide disfrazarse de home coa axuda de Andrés e adopta o nome de Marcos Goianes. Así, consegue o seu propósito, logrando axudar como encargado da clasificación dos insectos na expedición.
O relato, que abrangue dende 1867 (cando saen de España) ata 1871 (ano de chegada da expedición a Lisboa), describe as diversas aventuras dos viaxeiros de maneira realista e crible. Durante a novela abundan diversas referencias á historia aos coñecementos relacionados coa ciencia da natureza e coa navegación, así como o emprego davoz da protagonista para facer referencia a diferentes reivindicacións como o papel da muller nese momento, a necesidade de ser un mesmo e poder elixir o seu destino, o dereito de voto e ao acceso á universidade das mulleres. Polo tanto, as ideas feministas, a polémica entre o darwinismo e creacionismo, a paixón polo coñecemento e o romanticismo atópanse ao longo desta obra.
Tamén é importante resaltar que no Epílogo se fai referencia á verdadeira expedición ao Pacífico, na que se inspira esta novela e que tivo lugar entre os anos 1862 e 1866.
Logo de ler a obra A expedición do Pacífico podemos destacar algúns aspectos negativos e outros positivos. En canto aos primeiros, consideramos que hai unha excesiva presenza de datos históricos que dificultan a lectura fluída e que mesmo fan complexo o seu contido, especialmente para aquelas persoas que teñan pouco interese pola historia mundial. Fixámonos tamén en que hai demasiados datos en canto á descrición dos personaxes, o que consideramos que, por unha parte, é positivo porque nos axuda a coñecelos máis e a identificarnos con eles pero, por outro lado, densifica a lectura. Polo tanto, gustaríanos que o comezo do libro fose atractivo como o de outras obras da autora: A cabeza de Medusa e A banda sen futuro.
Resaltariamos desta obra que ten unha historia de fondo moi interesante, na que se desenvolven por camiños paralelos as dificultades que se atopa na expedición do Pacífico coas diferentes situacións que lle esperan na vida real como unha persoa adulta.
Valoramos especialmente a forza de vontade da protagonista, a súa visión positiva ata en momentos difíciles, as súas ganas de aprender incluso de situacións non propias para a súa idade; non se rende en ningún momento e loita por defender a igualdade do home e da muller nunha época na que elas tiñan un papel restrinxido ao fogar. Polo tanto, dicir que é un libro con moita carga ideolóxica, o que fai que o lector lle dea un carácter máis vivo á lectura, xa que nos permite reflexionar sobre certos aspectos, así como nos axuda a coñecer mellor á autora.
Parécenos importante que estea baseada nun feito real, xa que nos permite coñecer un pouco mellor das "aventuras" que ocorrían hai dous séculos, das enfermidades máis comúns e da gravidade que supoñían, tal e como apreciamos no libro coa morte dalgúns personaxes.
Finalmente, diremos que este libro podería estar recomendado para aquel público xuvenil que siga o seu camiño pola rama de ciencias, xa que nos aporta moito vocablo específico de animais e plantas ou mesmo pola rama de historia, dado que nos relata moitos feitos sociais daquela época.
Bibliografía:
Pena Presas, M. (2011) "O disfrace masculino como fonte de poder" na revista Festa da Palabra Silenciada. pp.170-174
Bibliografía:
Pena Presas, M. (2011) "O disfrace masculino como fonte de poder" na revista Festa da Palabra Silenciada. pp.170-174
Elaborado por:
María José Varela Herrero
María Veiga Facal
Eva María Veiga Real
María Adelaida Veiga Teixeira
Patricia Vidal Jartín
Ningún comentario:
Publicar un comentario