venres, 14 de marzo de 2014

Benvidos/as ó mundo Calzaslargas!

En primeiro lugar, imos falar dos datos fundamentais da obra. No noso caso, estamos a traballar con tres obras distintas, das cales dúas delas son da mesma editorial pero cambia o ano de edición.

Título: Pippi Calzaslargas.-Todas las historias

Autora: Astrid Lidgren

Ilustradora: Lilli Carré

Traducción: Blanca Ríos

ISBN: 978-84938817-9-5

Editorial: Biblioteca Blackie Books

Ano da primeira edición e da que estamos a manexar: 2013

--------------------------------------------------------------------------------------------------------

Título: Pippa Mediaslargas

Autora: Astrid Lindgren

Ilustrador: Richard Kennedy
   
Traducción: Blanca Ríos          

ISBN: 84-261-0851-2

Editorial: Juventud

Ano da primeira edición: 1962

Anos das que estamos a manexar: 1975 e 2014

Esta obra conta as aventuras dunha nena de 9 anos chamada Pippilotta Delicatessa Windowshade Mackrelmint, ou mellor dito, Pippi, que vive completamente soa nunha bonita casa de campo. Soa no referente a persoas, xa que ten dous animais: un mono chamado Señor Nilsson e o seu cabalo, é dicir, non ten unha persoa responsable que a obrigue a respectar certas normas como ir á escola.

       En canto á súa familia e basándonos no que ela mesma di, a súa nai é un anxo e o seu pai o rei dos caníbales. Esta afirmación non está illada, xa que se debe a que este era un pirata recoñecido que certo día de tormenta caeu ó mar e a súa filla pensa que foi dar a unha illa habitada por caníbales onde o fixeron rei.

Por outro lado, esta nena ten moitas peculiaridades en canto ao seu aspecto físico, xa que como si di no libro, Pippi era la niña más extraordinaria que existía, por lo menos en aquella población. Ademais de ser unha cativa pelirroxa, cunhas grandes trenzas situadas por enriba das orellas, moi pecosa e delgada, era a máis forte de todo o mundo e incluso podía levantar o seu cabalo sen ningún tipo de esforzo. 

No pobo onde vive, comparte grandes momentos divertidos cos seus dous mellores amigos, Annika e Tommy, dous irmáns que viven nunha casa próxima a de Pippi e que son os seus compañeiros de aventuras.  Xuntos comparten momentos de lecer e diversión que fan que a historia confira grandes doses de irrealismo e orixinalidade.

Por outra parte, para explicar a organización do libro e que esta sexa totalmente comprensible, dicir que en cada capítulo cóntase unha historia diferente e, en xeral, non teñen unión as unhas coas outras. Por exemplo, nun capítulo Pippi conta cando vai ó colexio facer “plutificaciones” ou mellor dito, multiplicacións na nosa linguaxe matemática habitual. E noutra, a historia de cando asiste a tomar o té á casa de Annika e Tommy e alí fai as súas particulares e inesperadas travesuras.

Despois da lectura das obras, debemos destacar que a autora, Astrid Lindgren, intentaba romper co antigo cánon de neno de familia tradicional, educado e mimado. Pippi foi unha auténtica revolución polo feito de ser unha cativa que vivía soa, non tiña un referente paternal estable e facía todo aquilo que, normalmente e na maioría das sociedades da época, os nenos non facían. A presenza desta personaxe marcou un antes e un despois na literatura infantil sueca, aspecto que co paso do tempo, tamén foi unha auténtica revolución (aínda que en menor medida) noutros países, con múltiples traduccións e formatos diferentes. É de destacar neste apartado, a presenza dunha película animada e dunha serie de televisión con persoas reais que dan conta da importancia que tivo este personaxe na sociedade sueca e a tan destacable relevancia que, aínda hoxe en día, ten.
Tras Pippi, que supuxo o punto de partida, apareceron un gran número de obras e historias cunha temática semellante a esta e que tamén tiveron unha notable relevancia no panorama literario infantil.
Por outra banda, destácase que Lindgren pretendía romper coas temáticas dos antigos libros infantís, creando historias atractivas e divertidas que foran lidas por nenos e non soamente entendidas por un público adulto. Como ela mesma afirmaba, a súa máxima era ofrecer literatura de calidade á infancia.
En canto á nosa reflexión persoal, as conclusións que puidemos apreciar trala lectura dos libros, é que a infancia, na súa medida, debe seguir unha serie de normas e regras que favorezan a implantación dun tipo de rutinas e coñecementos. Nembargantes, nesta obra, o tipo de indisciplina que Lindgren formula, non debe ser un referente para os máis pequenos, xa que unha nena que vive soa e que se dedica unicamente a gozar partindo das súas fantasías e sen seguir ningún tipo de normas, non é un bo exemplo para a infancia. Pero con todo, a obra mostra unha educación tolerante e en contra da violencia na que destacan a diversión, a amizade, a creatividade e imaxinación e o respecto polos animais.

Na nosa opinión, Pippi era unha cativa que se evadía da súa propia realidade, posto que non tiña pais nin ninguén que velara por ela, situación tremendamente dura para calquera neno. As mentiras e travesuras eran o seu medio de evasión e a fonte á que acudía ante calquera problema ou dificultade.

            Finalmente, engadir que admiramos á protagonista pola maneira que ten de sobrevivir nesta forma tan leda a pesar da súa situación. Ademais, Lindgren tivo un gran acerto ao escribir esta obra porque favorece que a infancia vexa o mundo desde outra perspectiva ou punto de vista.


Grupo 2:
Beatriz Grandío Mosteiro
Lara Lence Real
Alicia Martínez Rama
Cristina Mendoza Vázquez
Noelia Montecelos Madarro

Ningún comentario:

Publicar un comentario