martes, 18 de marzo de 2014

Un verán en Lisboa

Alice Vieira (1999): Caderno de Agosto. Vigo, Xerais. 196 pp.
ISBN: 84 – 8302 – 424 – 1.

Caderno de Agosto é unha novela xuvenil escrita por Alice Vieira, na cal se emprega un ton irónico co fin de amosar unha visión crítica da sociedade e dos novos modelos sociais.
A través dunha estrutura innovadora en dous planos narrativos, podemos descubrir por unha parte, o diario de Gloria (escrito en primeira persoa), no que esta rapaza de quince anos conta como transcorre o mes de agosto (dun verán dos 90), xunto a súa nai Luisa na cidade de Lisboa. Así, a través das súas anotacións asistiremos ao proceso de divorcio dos seus pais, á incomprensión dos avós desta nova situación, á aceptación da nova parella do seu pai, aos costumes domésticos e familiares que o seu irmán e ela están obrigados a cumprir cos seus tíos e primos, ao cambiante estado de ánimo da súa nai e as súas aventuras amorosas con dous homes moi diferentes.

Por outra banda, coñeceremos a novela rosa que a súa nai (profesora) está a escribir como favor para un editor (antigo compañeiro de estudos), porque Gloria irá intercalando capítulos desta trama de ficción (narrados en terceira persoa) no seu diario. Deste modo, aparece un segundo plano narrativo sobre a historia de amor de Mónica e Alfredo Enrique e as dúbidas existenciais da moza por non acabar de asumir os canones establecidos e soñar cunha relación máis romántica.

    


Aínda que na obra non se amosan claramente alternativas e solucións aos temas propostos, parece que a intencionalidade de Alice Vieira é cuestionar os modelos sociais e o sexismo, fomentando o espírito crítico, a igualdade e a liberdade.

Consideramos pois, que tendo en conta o ano de publicación e o contexto literario da autora é un libro novidoso, que rompe cos tópicos de infancias felices e despreocupadas. A través dun discurso coloquial, sinxelo, algo humorístico e moi natural (asemellando o dunha adolescente bastante madura) trátanse temas que seguen a ser moi actuais e que, polo tanto, poderíanse traballar co alumnado desta idade, como: a familia, o divorcio, os cambios psicolóxicos, os sentimentos frustrados, o respecto ás tomas de decisión dos demais e a preocupación polo aspecto físico, entre outros.

Para rematar, e como lectoras desta obra, diremos que a súa estrutura é complexa. Isto débese a que, como se dixo anteriormente, combínanse dous planos narrativos, aspecto que dificulta a comprensión da historia (sobre todo nos seus inicios) e, consecuentemente, non motiva a seguir lendo, é dicir, non “engancha”. Así mesmo, consideramos que a mensaxe que pretende transmitir a autora aparece dun xeito demasiado implícito, o que pode dificultar a súa comprensión por parte dalgúns adolescentes, e quizais debería dirixirse a un público máis adulto.

Webgrafía:
  •  http://www.anayainfantilyjuvenil.com/catalogos/proyectos_lectura/IJ00072502_1.pdf
  • http://servicios.educarm.es/templates/portal/ficheros/websDinamicas/154/guiacuaderno_de_agosto41.pdf

Entrada realizada por:
González Fernández, Sonia
Tajes Fernández, Ángela
Val Leiro, Olaya

Twitter: @Cadernodeagosto

Ningún comentario:

Publicar un comentario