Fernández, Ana M.ª (2002). Amar e outros verbos. Madrid: Everest. ISBN: 84-403-0424-2
Esta obra fai un percorrido por diversos verbos a través de 25 poemas de verso libre, ordenados alfabeticamente dende a A ata a X, abarcando temas da vida cotiá que a autora nos achega a través das emocións. É moi difícil non sentirse identificado, xa que os contidos que trata invítannos a reflexionar sobre as accións que normalmente pasamos por alto ou ás que non prestamos a atención que se merecen.
Amar e outros verbos trata emocións, fenómenos atmosféricos e accións como amar (primeiro poema que da nome á obra), bailar, chorar, chover, medrar, morrer, soñar, etc. dende unha perspectiva real, onde predominan descricións, comparacións e metáforas que non deixan indiferente a ninguén, "Ser pobres non nos leva a ningures/ porque todas as rúas son iguais [...] Todos somos pobres de algo,/ pero agochamos as carencias, coma se fosen delictos, /no cárcere da alma" (p. 50)
A través de Amar e outros verbos, Ana María Fernández achéganos, como novidade, a un poemario pensado para introducir aos adolescentes na poesía e salvar o baleiro existente entre poemas cunha temática infantil e aqueles máis complexos como os de Rosalía de Castro. Para xerar este nexo de unión, a autora, pretende atrapar o interese destes novos lectores a través dos sentimentos.
Na maior parte da obra emprega o "nós" para transportarnos á realidade que tenta amosar nos seus versos. Un exemplo disto pódese ver no poema que trata sobre o verbo Cantar no que se di:
"Nós
aprendemos a cantar
para ser como os paxaros
que furtan risas nos xardíns
e algarean
a pesar dos incesantes funerais
que poboan canellóns
rúas estreitiñas." (p. 16)
Por outra banda, tamén menciona o "Eu" dando pé a reflexionar sobre cada un de nós como parte dun "todo", tal e como se pode ver no poema Ser :
"Eu son,
non son,
son só
un ser neste Universo en expansión,
emancipado e á deriva,
unha promesa de cadáver
ou de luz,
unha frecha que non acha o presente." (p. 49)
En poemas como Mirar ao Ceo ou Mirar ao Mar emprega un sintagma verbal para contrapoñer estas dúas accións; o primeiro invítanos a abrir os ollos e mirar ao ceo "[...] Debemos mirar o ceo/ cos ollos sempre abertos [...]" (p. 36); no segundo pechalos e sentir o mar "Mira o mar comigo e cerra os ollos [...]" (p. 38).
Cando limos Amar e outros verbos descolocounos a falta de rima nos versos, e quizais é iso o que máis nos desgustou. A falta de sonoridade que acompañe a lectura e amenice cada recuncho. Tamén hai que dicir que dende cativos acostúmannos á poesía e cancións rimadas, que seguen unha liña sonora e son pegadizas para todos, isto é o que nos marcou e atopamos diferente nesta obra. Amar e outros verbos rompe con este “estereotipo” de poemas para achegalos ao público adolescente, a través da súa disposición e a temática variada.
Por outra banda, apoiamos o emprego de escasas ilustracións, xa que deste xeito axudan a exercitar a imaxinación e permite que cada lector pode interprete o contido dunha forma subxectiva.
Por outra banda, apoiamos o emprego de escasas ilustracións, xa que deste xeito axudan a exercitar a imaxinación e permite que cada lector pode interprete o contido dunha forma subxectiva.
"E quixeron entón
descubrir o segredo
das cousas." (p. 24)
Entrada realizada por:
Lorena Fernández Rodríguez
Natalia Sangil Regueiro
Lara Silva García
Ana Varela Darriba
Ángeles Vázquez Coira
Ningún comentario:
Publicar un comentario