Amosando publicacións coa etiqueta "Mª Teresa Andruetto". Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta "Mª Teresa Andruetto". Amosar todas as publicacións

xoves, 16 de abril de 2015

Stefano



Ficha técnica da obra

Portada do libro Stefano
Procedente da páx. web de María Teresa

Título: Stefano
Tradutor: Ánxela Garcián
ISBN: 978-84-9865-165-2
Editorial: Editorial Galaxia
Ano da primeira edición: 1997
Ano da última edición: 2010 








Análise da obra

O tema principal deste libro é a emigración de Stefano e a historia de amor con Ema, a cal xira entorno a toda obra. Ademais, a autora incorpora outros subtemas:
  • A forma de vida do lugar ó que o protagonista emigra: os lugares nos que vive, os traballos que desempeña e as persoas coas que se relaciona.
  • O mundo sentimental de Stefano: os diferentes amoríos que se dan ó longo da mesma.

Argumento: Stefano era un mozo que vivía coa súa nai en Italia ata que a situación de pobreza na que ambos se atopaban lle obrigou a tomar a decisión de emigrar.
Soñaba cunha vida mellor, con atopar un bo traballo e con gañar para axudar a súa nai. Así, en contra da vontade da mesma, emprendeu a viaxe xunto con outros catro amigos (Pino, Ugo, Remo e Bruno), embarcando no porto de Xénova con rumbo a Arxentina.
Esta viaxe non resultou ser o esperado, pois o barco no que viaxaban os cinco mozos naufragou. Stefano foi rescatado, así coma o seu amigo Pino co que se atopou ó chegar o porto de Arxentina. Neste momento comeza a nova vida destes dous rapaces que se dirixiron cara á Montenievas onde Vittorio, o tío de Pino, os esperaba.
Neste momento Stefano consegue o seu primeiro traballo, (que non será o único ó que se fai mención ó longo das páxinas deste libro), atopa o seu primeiro amor e descubre un novo divertimento que lle axudará a sobrepoñerse dos duros golpes da súa vida; a música.
Ó final desta historia estará marcado por un fermoso feito, presente tanto directa como indirectamente, dende o comezo da mesma. Coa omisión desta final buscamos animar á lectura desta obra.

En canto á estrutura da obra poderíase falar de tres fases concretas da historia do protagonista. Na primeira delas o tema principal maniféstase co desexo de Stefano de marchar de Italia e emigrar a Arxentina. A situación de pobreza que o protagonista está a pasar é a causa principal das súas ansias de fuxir en busca dunha vida mellor, mais tamén se reflexa de maneira especial a dor da nai ante a saída do fillo da aldea mentres ela queda alí, aferrada a a súa terra e a do seu marido, cousa na que fai fincapé de xeito habitual dicindo: “esta é a terra do teu pai”.
A travesía no barco e o naufraxio do mesmo cara ás Américas, dá lugar á segunda fase da historia, o tempo que viviu en Arxentina. Nestes anos Stefano desempeña dous traballos: un axudando na facenda do tío dun amigo seu e outro tocando o saxo no circo. Vencellados a cada un deles vive dous amoríos que cobran importancia na historia: Lina e Tersa.
Xunto con estas vivencias o pensamento e a preocupación pola situación da nai en Italia, e o sentimento de culpa tras marchar e deixala alí, supón para o protagonista o seu principal tormento. É a morte da mesma o que leva á terceira e última fase da historia, pois a promesa de encontrar a unha amiga da nai e finalmente conseguilo, axúdalle a encontrar ao seu verdadeiro amor.


Alcance, novidade e consecuencia das ideas centrais da obra

Como xa mencionamos anteriormente, o fundamental desta obra é o tema da migración, algo moi presente tanto na actualidade como en tempos pasados.
Que é o que acontece para que os personaxes teñan que tomar unha decisión tan drástica como esta?; que situacións son as que levan ás persoas a deixalo todo e fuxir da súa terra? A resposta é moi sinxela á vez que complicada, esta xente busca fóra do seu entorno unha vida mellor, sufrindo as consecuencias de teren que deixar atrás todo o construído ata ese momento.
A pobreza e a fame foron o motivo da fuxida de Stefano, protagonista deste relato, quen tivo que atravesar trala súa marcha unha serie de circunstancias negativas, como foi deixar a súa vida, a súa nai e vivir a soidade á que se enfrontan os emigrantes. Así mesmo, non todo é negativo posto que avanzar, perseguir os teus soños e buscar oportunidades para lograr unha vida mellor son aspectos dignos de admirar.
En relación a isto cabe dicir que a emigración foi un fenómeno que tocou moi de cerca ós galegos de antano, que durante anos se viron obrigados a emigrar e deixar os seus fogares para mellorar as vidas das súas familias. Este feito aparece recollido no segundo capítulo desta obra, na que se fai referencias á emigración da comunidade galega: “Pero non só hai italianos no porto. Xa o segundo día se fixeron amigos, nin sequera saben como, duns galegos que limpan peixe onda a costa e van pola mañá velos, axudan un pouco e regresan, aos tres días, con algunhas moedas”.


Actualidade temática

Esta temática á que nos estamos a referir está moi presente na sociedade, non só pasada senón tamén na actual. Hoxe en día o fenómeno da emigración está moi presente e cobra unha grande importancia, feito que se pode apreciar nos xornais e nas noticias de cada día, nos que o común é que haxa sempre algunha relacionada con este tema: masas de emigrantes que chegan ás costas, naufraxios, mortes masivas, asaltos as vallas, etc. Son estas as  historias de persoas que á fin só buscan oportunidades de vida.
Un dos titulares co que nos atopamos recentemente con respecto a Italia foi o seguinte: “Italia rescata más de 5.600 inmigrantes en tres días. Nueve cadáveres han sido recuperados este lunes en el Canal de Sicilia, a los que hay que sumar otros 500 desde principios de año” (El País, 13/04/15).
Como se pode comprobar na noticia anteriormente citada, moita xente ve a necesidade de emigrar cara a outro lugar en busca dunha vida e dunhas circunstancias mellores das que teñen no seu país. Desgraciadamente a maioría deles non cumpren o seu obxectivo dado que nesta viaxe perden a vida ou son devoltos ós seus lugares de orixe, tirando por terra os soños que estaban a perseguir.
Isto ocorre a nivel mundial pero centrándonos na poboación española podemos observar unha especie de situación cíclica. En épocas pasadas, os nosos bisavós, tataravós, etc. tiñan que emigrar de Galicia a Arxentina para anos despois cambiar as tornas, sendo a xente doutros países a que chegaba a España en busca dunha vida mellor. Na actualidade a situación volve ó principio e ó entrar España nunha situación de crise son os españois os que se ven obrigados a marchar ó non veren aquí oportunidades de futuro.


Conexións da obra

Unha obra de María Teresa Andruetto que abarca a mesma temática de Stefano é El país de Juan. Ámbalas dúas falan da migración pero a distintos niveis, na primeira dun país a outro e na segunda do mundo rural á cidade. Isto é un trazo común destas obras, ó igual que a súa linguaxe formal e a súa distribución en capítulos. Tamén o feito de que a autora reflexa nestes escritos situacións propias da súa vida como a emigración, mostrando situacións de pobreza que obriga ós protagonistas a tomar medidas. 

Portada do libro El país de Juan.
Procedente da páx. web de María Teresa

Cabe destacar tamén que están ambientadas en Arxentina: El país de Juan, que se desenvolve integramente neste lugar e Stefano, que comeza unha nova vida neste lugar. A presenza do amor detéctase en ámbalas dúas obras posto que é un tema que á autora acostuma a tratar.

A obra que máis nos interesou foi a de Stefano, dado que foi na que máis afondamos e coa que estamos a traballar. Parécenos que trata un tema moi interesante e ademais de actualidade, pois todos os días recibimos noticias acerca disto. A pesar disto, pensamos que de entre estas dúas, a obra máis acaída para traballar nas aulas de infantil é El país de Juan xa que a pesar de que ambas falan das migracións, neste faino a un nivel inferior, do campo á cidade, o que pode ser un tema que os nenos vivan máis de cerca e que teñan máis presente.


Documentos consultados:
Periódico El País. Recuperado de: http://elpais.com/

Noa Prado Souto
Eva Pérez González
Olga Barreira Alonso
Andrea Callejo López
Alba Argerey Castro

venres, 10 de abril de 2015

María Teresa Andruetto

¿Quen somos e de que imos a falar?
Somos un grupo de terceiro do Grao de Mestre/a de Educación Infantil. O que pretendemos con esta entrada é dar a coñecer á autora María Teresa Andruetto e a súa obra Stefano que estamos a ler para a materia de Literatura Infantil e Dramatización.

María Teresa Andruetto é unha famosa e coñecida escritora arxentina que naceu o 26 de xaneiro do ano 1954 e que se criou en Córdoba, un lugar no que se situaba un asilo de enfermos mentais, considerado o máis grande de Sudamérica.
Esta escritora non se criou no seo dunha familia intelectual nin tiña uns pais escritores pero o gusto que estes tiñan de cara á lectura, e a presenza e o valor que se lle outorgaban ós libros no seu fogar, tiveron unha grande influencia no seu futuro como escritora así como no impulso da súa carreira literaria.
Ademais do seu gusto pola lectura esta autora é unha apaixonada do cine, o teatro e a música e dedúcese tamén que é unha persoa familiar debido ó seu gusto polo social, polo contacto cos demais e polo interese por conversar.
Foto de María Teresa, procedente da revista Analecta literaria http://actaliteraria.blogspot.com.es/

Estudou Letras na Universidade Nacional de Córdoba e comezou a traballar nun centro especializado en lectura e literatura destinada a nenos e mozos tras finalizar a ditadura do seu país. Traballou tamén formando mestres e fundou centros de estudo e revistas especializadas, dirixindo coleccións e participando en plans de lectura municipais, provinciais e nacionais. Exerceu paralelamente o periodismo e a docencia a nivel medio e superior.

Publicou novelas, contos, poemas, obras de teatro e libros informativos, sendo algúns dos seus libros editados noutras linguas e recibiu varias distincións: os White Ravens 1994, 1998 e 2002 da Internationale Jugend bibliothek de Munich, o Premio Luis de Tejeada 1993 e o Premio Novela 2002 do Fondo Nacional das Artes.
En canto á literatura destinada a nenos e mozos escribiu ademais de Stefano, obra seleccionada para a súa lectura, outros libros como El anillo encantado, Huellas en la arena, Dale Campeón, Solgo, La mujer vampiro y otros cuentos e El país de Juan.
Os temas fundamentais en torno ós que xira a súa obra son a construción da identidade individual e social, as secuelas provocadas pola ditadura no seu país e o universo feminino. Ademais nos seus libros sempre aparecen aspectos reais da vida, cousas que recorda ou lle contaron, mesturados con outros elementos imaxinarios que ela mesma vai inventando.
Afírmase que estes, lidos tanto por adultos como por mozos, rompen barreiras xeracionais. Así, tal e como comentou esta autora no artigo Pasajero en tránsito publicado na Revista quincenal sobre literatura infantil y juvenil, Imaginaria,“la escritura nos conduce a través del lenguaje, como si el lenguaje fuera —lo es— un camino que nos llevara a nosotros mismos”.

Relación de Stefano con outras obras da autora

A continuación expoñemos unha serie de libros cuxa temática está relacionada coa obra Stefano, a cal seleccionamos para a súa lectura.
Portada do libro Lengua Madre
http://www.teresaandruetto.com.ar/


En canto á narrativa facemos mención á obra Lengua Madre. Unha novela na que unha muller nova que vive no exilio voluntario na cidade alemana de Munich comeza a investigar sobre a escritura das mulleres. Logo regresa á casada súa nai que acaba de morrer e atopa unha serie de cartas que esta recibira, comezando así una viaxe ó pasado a través das mesmas.
Estas dúas obras tratan o tema da emigración ó estranxeiro, centrándose Stefano na vida dos emigrantes e Lengua Madre na investigación sobre a escritura das mulleres.




Portada do libro El país de Juan
http://www.teresaandruetto.com.ar/

Centrándonos na literatura infantil e xuvenil El país de Juan é outra das obras desta autora cuxa temática xira en torno á emigración, neste caso do rural á cidade. Así, a familia de Juan vese obrigada a marchar da súa vila debido á situación de miseria na que se atopan.
Ámbolos dous libros tratan o tema da emigración pero dun xeito diferente: en Stefano de cara a Arxentina, un país estranxeiro onde o idioma e as costumes son moi distintas e en El país de Juan, como expuxemos anteriormente, do mundo rural ó urbano.



Portada do libro Sueño americano
http://www.teresaandruetto.com.ar/

Tamén na súa obra poética atopamos relacións coa temática tratada en Sueño americano, na que a autora presenta poemas narrativos con imaxes de diferentes lugares do mundo, recollendo desta maneira aspectos de diferentes culturas.
Aínda que non fala da emigración propiamente dita, trata sobre as diferentes culturas, o que está relacionado coas experiencias vividas pola autora ó ter que emigrar, así teñen cousas en común no que se refireas diferentes culturas existentes no mundo e diferéncianse en que Sueño americano non fala do fenómeno da emigración en si.
.
Portada do libro Ribak, Reedson, Rivera.
Conversaciones con Andrés Rivera.
 
http://www.agencialiterariacbq.com


Tamén atopamos un ensaio que garda relación co xa mencionado tema; a emigración e o exilio. Trátase de Ribak, Reedson, Rivera. Conversaciones con Andrés Rivera, onde a autora fala acerca dun porteño que estraña as rúas de Bos Aires dado que leva dez anos fóra da súa casa.
As semellanzas que ten coa obra Stefano son evidentes, a emigración e a morriña pola cidade natal e a diferenza é clara, que non é un relato senón un ensaio dunha investigación polo que non ten elementos ficticios senón que son reais e verídicos.

Contexto social da escrita
As persoas estamos condicionadas ó lugar e momento no que nos encontramos de maneira que actuamos en consecuencia as nosas vivencias, tendo en conta tanto as situacións máis sociais e xerais que engloban a toda unha sociedade e o propio mundo, como as máis persoais e íntimas incluíndo os propios sentimentos, experiencias e sensacións do individuo.
Normalmente este é un feito que se pode ver asiduamente nos escritores, pois moitas veces mostran nas súas obras unha realidade, pasada ou non, e certos pensamentos, opinións, sentimentos, experiencias, etc. Tal é o caso de María Teresa Andruetto que tivo que vivir dende o seu nacemento diferentes ditaduras e os cambios, as crises políticas, sociais e económicas, as represións e os enfrontamentos consecuentes destas.
Poderíase dicir que os anos transcorridos dende 1955 ata  1983, foron unha época que se caracterizou pola inestabilidade, o conflito e a violencia na cal se desenvolveron concretamente tres ditaduras: a autodenominada Revolución Libertadora (1955 - 1958),  a de Onganía, autodenominada Revolución Arxentina (1966 - 1973) e finalmente a de carácter cívico-militar chamada Proceso de Reorganización Nacional (1976 - 1983), que deu lugar á recuperación da democracia. Concretamente ó finalizar esta última María Teresa Andruetto tras un corto tempo na Patagonia e anos de exilio, puido regresar a Arxentina e comezar a súa labor.
Tendo en conta estes importantes feitos histórico-sociais que se deron no país da autora e que ela mesma viviu e experimentou, non é casualidade que os eixos principais das súas obras xiren en torno á construción da identidade individual e social, as secuelas da ditadura e o universo feminino, pois como ben dicíamos con anterioridade cada persoa está condicionada ó lugar e momento no que se encontra.
Para rematar cabe destacar unha frase que a autora expuxo no artigo Pasajero en tránsito, xa mencionado anteriormente, a cal trata e resume o tema ó que ata agora fixemos mención: “Migrar de un mundo a otro y adolecer, vivir lleno de faltas en el tránsito. Abandonos precarios, de frase en frase, de sitio en sitio, con la mano extendida a un otro que preste su voz y haga que lo escrito viva.”.

Bibliografía
Páxina web de María Teresa Andruetto desenvolta pola Axencia de comunicación Arxentina Creativos unidos. URL: http://www.teresaandruetto.com.ar/
Páxina web da Axencia Literaria CBQ.URL: http://www.agencialiterariacbq.com/
Páxina web de Casadellibro.com. URL: http://www.casadellibro.com/
Páxina web de Alfaguara Infantil Arxentina. URL: http://www.librosalfaguarainfantil.com/ar/
Páxina web da Revista quincenal sobre a literatura infantil e xuvenil Imaginaria. URL: http://www.imaginaria.com.ar/
Enciclopedia virtual Todo Argentina . URL: http://www.todo-argentina.net/


Entrada escrita por:
Eva Pérez González
Alba Argerey Castro 
Noa Prado Souto 
Olga Barreira Alonso
Andrea Callejo López