venres, 21 de marzo de 2014

As mulleres sempre teñen un papel importante... descúbreo con Úrsula Wölfel.

Neste post que vos presentamos hoxe, imos facer unha breve alusión á presenza das mulleres na obra de Úrsula Wölfel que estamos a traballar, 28 Historias para rir. Cabe destacar que estas personaxes aparecen tanto en forma humana como animal.

O papel da muller non aparece sempre como protagonista, senón que ás veces o fai dunha forma máis sutil e mesmo nun segundo plano, sen deixar de ter importancia á hora de darlle sentido á historia.

Queremos destacar que a maioría das personaxes femininas que aparecen, representan a nais e amas de casa, entregadas ós seus maridos, ós fillos e ás tarefas do fogar, e que exercen unha gran protección, como podemos ver na historia da muller que tiña que facer todas as tarefas da casa, e como tiña tanto que facer e ninguén lle axudaba, acabou facendo todo o revés. Isto destaca o papel fundamental da ama de casa, que ten tantas cousas na cabeza que ás veces precisa da axuda dos demais para pode avanzar. Tamén temos varios exemplos de nais, tanto animais como mulleres, que viven preocupadas polos seus fillos, como a foca que non lle deixa ir á súa filla a nadar por medo de que lle ocorra algo.

Pero noutros casos, como no exemplo seguinte, a autora sorpréndenos cun novo rol para estas personaxes, amosándonos o seu lado máis feminino e rompedor: Dous touros teñen un conflito entre eles para ver quen é o máis bravo, e presumir diante das vacas; estas, ó principio, mostran un gran interese polos touros, pero a medida que a competición entre eles vai aumentando, elas deciden darse a volta e ignoralos, deixándoos a soas coa súa vaidade. Neste exemplo a muller representa un papel máis que destacable que encaixa ca sociedade actual, xa que moitas veces acontecen este tipo de situacións, que non son máis que a manifestación do animal intrínseco de cada un, querendo destacar por riba dos demais e presumindo das nosas calidades para impresionar ós outros, sobre todo cando se trata de homes e mulleres.

Como podedes ver, resúltanos difícil tratar a unha personaxe feminina concreta, xa que estamos a falar de moitas historias diferentes, por iso seleccionamos varios exemplos nos que cremos que se reflicte a idea que queremos transmitir.

Fontes documentais:
Wölfel, Úrsula (2007). 28 historias para rir. Kalandraka, Pontevedra.

Esperamos que vos resultase interesante esta análise acerca do papel fundamental que exerce a muller, non só nesta obra, senón na sociedade en xeral. Agardamos as vosas visitas no noso seguinte post!

Post elaborado por: Guillermo Couto Contreras, Cristina López Rodríguez, Nerea Núñez Fernández, Víctor Nieto Martínez.
Podédesnos seguir en Twitter: @28HistoriasParaRir


Ningún comentario:

Publicar un comentario