xoves, 20 de marzo de 2014

Tes moito onde escoller... Cal é o teu preferido?

No post de hoxe imos levar a cabo unha pequena recensión comparativa sobre as cinco obras lidas polo grupo ata o momento. Trataremos de forma máis profunda algúns aspectos mencionados no post anterior.
En primeiro lugar comezaremos analizando tres libros que pertencen á mesma serie, 27 historias para tomar a sopa, 28 historias para rir e 29 historias disparatadas, para logo pasar a analizar outras dúas obras de estrutura diferente, Zapatos de fuego y Sandalias de viento, e O xaxileo azul.

As tres primeiras obras poderíamos encaixalas nunha temática ou estrutura común, xa que presentan un formato case idéntico: unha serie de pequenas historias que comparten  un único nexo,  tratar situacións cotiás que lles ocorren a unha serie de personaxes diferentes en cada relato,  cunha certa finalidade humorística. Cabe destacar que non existe un patrón que vincule as historias entre si, xa que poden tratar tanto dunha familia que non paraba de discutir ata quedar conxelada, como de un neno que nunca metía o dedo no nariz, e un bo día saíronlle flores nel.

Por outra banda, pasaremos a falar de Zapatos de fuego y Sandalias de viento, un libro que garda unha certa relación cos anteriores, xa que tamén se compón de diferentes historias, pero desta vez si que existe un vínculo en común, pois estas son contadas por un pai ó seu fillo mentres van de viaxe para explorar o mundo, e están relacionadas cos acontecementos e experiencias que lles ocorren ó longo do camiño. Tamén son relatos de tipo humorístico, pero van máis encamiñados a tratar certos temas de interese na infancia, como a aceptación das diferenzas entre uns nenos e outros, os medos infantís,  a mentira, a importancia da familia por riba dos bens materiais.
O xaxileo azul

Por último, analizaremos a obra O xaxileo azul, que a diferenza das anteriores, baséase nunha historia concreta, protagonizada por un xabaril que non quere ser como os demais, polo que vai desexando unha serie de transformacións que se lle cumpren, para finalmente decatarse de que o importante non é o aspecto físico, e que as diferenzas son enriquecedoras.

Dende un punto de vista práctico e didáctico, consideramos que os libros máis axeitados para traballar na clase serían os  da primeira serie da que falamos, por tratarse de historias independentes entre si, xa que poden ser mellores á hora de transmitírllelas ós nenos/as,  debido á súa sinxeleza. Agora ben, falando dos nosos gustos, chegamos á conclusión de que o libro que máis nos gusta é O xaxileo azul, pola temática que aborda, e por tratarse dunha historia continua, amena e fácil de ler.


O que si é certo é que, de cara a traballar cos nenos/as, calquera das obras sería válida, xa que a maioría serían facilmente adaptables a calquera temática que poida xurdir na clase.

Referencias bibliográficas: 

Wölfel, Úrsula (1962). Zapatos de fuego y Sandalias de viento. Editorial Noguer, Barcelona. 
Wölfel, Úrsula (2006). 27 historias para tomar a sopa. Kalandraka, Pontevedra. 
Wölfel, Úrsula (2007). 28 historias para rir. Kalandraka, Pontevedra. 
Wölfel, Úrsula (2006). 29 historias disparatadas. Kalandra, Pontevedra. 
Wölfel, Úrsula (1991). O xaxileo azul. Editorial SM. Vigo.  

Post elaborado por: Guillermo Couto Contreras, Cristina López Rodríguez, Nerez Núñez Fernández, Víctor Nieto Martínez.  
Podédesnos seguir en Twitter: @28HistoriasParaRir

Estamos ansiosos por publicar o seguinte post, e esperamos que vós tamén desexedes lelo!



Ningún comentario:

Publicar un comentario