venres, 1 de maio de 2015

Proposta Didáctica: Receitas monstruosas!



O dito queridos lectores! Hoxe  traemos unha entrada un tanto especial. Trátase dunha proposta didáctica para levar a cabo nunha aula de Infantil ou Primaria. Hai que ser conscientes de que, no caso de Infantil ou do primeiro ciclo de Primaria, se terá que facer unha adaptación do libro para que coñezan a historia.


Sería moi interesante propoñerlles a todo Infantil ou Primaria o feito de realizar un receitario terrorífico. Román, no libro Escarlatina, a cociñeira defunta, encóntrase nun problema: debe encontrar una receita que guste tanto no mundo dos vivos como no mundo dos mortos. Non é nada sinxelo! El propuxo unha empanada de mexillóns xa que visualmente, para el, son bastante noxentos. Que receitas xurdirán? Nós, pola nosa parte propoñemos cinco que constan de dous entrantes, dous pratos principais e finalmente un postre. Imos aló!

NOME DA ACTIVIDADE: Receitas monstruosas!

TEMPORALIZACIÓN: 1 hora aproximadamente

RECURSOS HUMANOS: Mestre/a titor do aula mais algún pai/nai voluntario

RECURSOS MATERIAIS:




 DESENVOLVEMENTO DA ACTIVIDADE:
Para comezar, o máis aconsellable sería que unha semana antes se lles explicase a actividade ós nenos e nenas co obxectivo de que eles mesmos fosen pensando nas súas propias receitas, deixando voar a súa imaxinación. Neste caso, propoñemos un total de cinco posibles pratos que podan degustar tanto no mundo dos vivos coma no Alén.




Trátase dunha receita moi sinxela que poden facer os nenos e nenas de Infantil sen practicamente ningunha axuda. Polo tanto, antes de nada, deberemos facer a masa, a cal realizaremos con:




Primeiro bótase a fariña nun recipiente e mestúrase co fermento. Nun vaso disólvese o sal con auga morna e pouco a pouco engádeselle a fariña, remexendo ata formar una masa que non se pegue ás mans, e se fai falla pódese engadir algo máis de fariña. A posteriori déixase repousar uns 20 minutos. (Neste caso nós fixemos máis cantidade para aproveitala masa para outros pratos).

Prendemos o forno previamente a uns 200º. Unha vez que teñamos lista a masa, pasaremos a modelar os dedos de meiga como máis nos gusten. O toque final será a unlla, feita cunha améndoa.

A continuación meteremos os dedos no forno con axuda dun adulto ata que queden dourados (15 minutos aproximadamente) e finalmente podemos adornalos con salsa de tomate, o que lle dará un toque terrorífico imitando o sangue.

Dedos de Meiga. Creación Propia





Para a elaboración deste prato, precisaremos:




Primeiramente, coa axuda dun adulto, poñerase a ferver auga nunha pota para cocer un par de ovos durante 8 minutos aproximadamente. A continuación, sacámolos da pota coa axuda do mestre/a e esperamos un par de minutos a que arrefríen para quitarlles a cáscara.

Collemos un ovo, podémolo partir á metade, e no centro facemos un buraco cunha culler onde meteremos unha oliva. O outro, en vez de dividilo en dous, podemos deixalo enteiro facendo un pequeno corte na base para que se suxeite de pé. Coa axuda dun paíño, decoraremos os nosos ollos de momia con salsa de tomate imitando as veas.


Decoración dos ollos de momia.
 Creación Propia.


Finalmente preséntase nun prato, decorando con algún tipo de vexetal como poden ser os canónigos.


Ollos de momia. Creación Propia.









A nosa proposta para o primeiro prato, trátase nada máis e nada menos que dos mesmísimos esbirros de Amanito, feitos momia. Para elaboralos, precisamos os seguintes ingredientes:



Para comezar a elaborar os nosos Funguiños, partiremos tres salchichas á metade e farémoslles os ollos e o pelo cuns anaquiños de espaguetes. Tras isto, coa masa de pan anteriormente elaborada, faremos unhas vendas cas cales os envolveremos. A continuación tallaremos a súa boca cun paíño dándolle a expresión que nós desexemos. 




Funguiños de Amanito crús. Creación Propia.


A posteriori, fritirémolos coa axuda dun adulto ata que queden douradiños. A presentación pode darse como máis nos guste. Nós neste caso empregamos canónigos e salsa de tomate, o que lle dá un toque moi delicioso á par que terrorífico.


Funguiños de Amanito. Creación Propia.







Para a realización deste prato, precisaremos:








Para comezar, empregaremos o resto da masa que fixemos para os anteriores pratos. Darémoslle forma de caveira coas mans e esparexeremos a salsa de tomate por toda a base que cubriremos con queixo deixando dous ocos para os ollos. Decorarémola con champiñóns, olivas negras e pavo. Podedes decorala como máis vos guste. No noso caso, decidimos decorala da seguinte maneira:


Pizza Caveira. Creación Propia.


Fíxonos moita graza experimentar tamén co último entrante, os ovos. Este foi o resultado:



Pizza Caveira. Creación Propia.






E... como non! Debemos rematar o banquete cun bo postre, por iso non hai nada máis delicioso que unha xelatina de amorodo acompañada de gominolas de temática tenebrosa. Para facer a xelatina precisamos:




Comezamos por poñer un cuarto de litro de auga a ferver nunha pota coa axuda dun adulto. Cando comeza a ferver, botamos o sobre de xelatina e mesturamos ata que quede todo disolto. Finalmente engadimos outro cuarto de litro de auga, removemos e deixámola arrefriar uns 10 minutos. Cando deixe de ferver, engadimos as gominolas para que vaian ó fondo. É importante non engadilas cando está fervendo xa que se disolven coa propia xelatina. A posteriori metémola no frigorífico unhas dúas horas ata que teña a textura que buscamos. Antes de servir decorarémola con máis gominolas ó noso gusto.


Xelatina de gominolas terroríficas. Creación Propia.



Unha nota importante para ter en conta, é que debemos ser conscientes de que este postre ten que prepararse con bastante anterioridade se queremos incorporalo ó anterior banquete.


Xelatina de gominolas terroríficas. Creación Propia

OBXECTIVOS


Con esta actividade, procuramos alcanzar unha serie de obxectivos para que a experiencia poida ser o máis frutífera posible. Entre eles atopamos:


  •      Traballar en equipo.
  •      Familiarizar ós nenos e nenas coas magnitudes (peso, tempo...)
  •      Motivar ós nenos e nenas a poñer coñecementos en práctica.
  •      Afianzar a motricidade fina.
  •      Propiciar o gusto polo artístico e a estética nas súas creacións.
  •      Concienciar ós nenos e nenas da importancia da hixiene na cociña.
  •      Experimentar sensorialmente a través da elaboración das propias receitas.                     



METODOLOXÍA


A realización dunha actividade de características tan especiais, precisa unha metodoloxía específica. Por iso, quixemos ser fieis ós seguintes principios:
  • O xogo como motor de aprendizaxe.
  • Atención individualizada: hai que ter en conta que canto menor sexa o grupo de nenos por adulto, mellores resultados se obterán, por iso é importante a posible participación dos pais.
  • A importancia da flexibilidade para finalizar as actividades, é dicir, cada neno precisa do seu ritmo de aprendizaxe.
  • Seguridade e confianza: os nenos teñen que sentirse. seguros, aceptados, valorados e ben tratados.
  • Os nenos deben ser conscientes de que a orde e as rutinas de hixiene son esenciais nas nosas vidas.
  • A importancia por parte do mestre de crear un ambiente adecuado para a realización das actividades.
  • A cooperación das familias nas actividades formando parte da comunidade educativa.
  • O desenvolvemento de actividades con temas transversais, tocando diversas áreas do currículo.



AVALIACIÓN

Para rematar, sería interesante avaliar a actividade realizada respondendo a unha serie de preguntas:
  • Os nenos/as colleron con ilusión e motivación a actividade?
  • Foi significativa para eles despois da lectura do libro?
  • Encontraron semellanzas co libro?
  • Identificáronse cos protagonistas do libro?
  • Souberon traballar ben en equipo?
  • Atenderon ben as instrucións do mestre/a?
  • Respectouse o material?
  • Recolleuse e limpouse todo o material?
  • Foron capaces de respectalos tempos?
  •  ...


Portada do libro Escarlatina, a cociñeira defunda. Creación Propia.


CONCLUSIÓN

Para concluír, podemos comparar a nosa experiencia coa do libro. Román fai receitas deliciosas, pero para axudar a súa amiga Escarlatina ha de facer unha moi diferente, unha que agrade tanto a vivos como a mortos. Cando nas aulas se traballa o libro de ''Escarlatina, a cociñeira defunta'', adóitase facer con propostas sobre cociña nas cales a maioría das veces se reproducen as receitas de Román, pero no noso caso decidimos apostar por unha cociña mais creativa: a cociña dos mortos.

A experiencia, ao menos para nós, é formidable, e pensamos que para os miúdos tamén o vai ser xa que normalmente se sinten moi atraídos polas pantasmas e as meigas, así que este receitario monstruoso é toda unha aventura para eles. Os pratos son sinxelos de elaborar, a penas precisan da axuda dun adulto. 

O emprego da cociña nunha aula de infantil axuda a abranguer moitos coñecementos transversais. O feito de ser ''cociña creativa'' abre as mentes dos nenos axudándolles a meterse no mundo dos adultos e as súas rutinas, sen perder a imaxinación e a ilusión da infancia. Este é un dos nosos obxectivos como guías do seu aprendizaxe. 


Moitísimas grazas pola vosa lectura! 
Que vos pareceron estas terroríficas receitas? 
Agora é a vosa quenda! Xa tedes algunha receita en mente? 
Ánimo! sempre é un bo momento para comezar a innovar na cociña, e se pode ser da man de Escarlatina, a cociñeira defunta, a diversión está asegurada.




E...  se queres manterte ao tanto de calquera nova relacionada con Ledicia Costas síguenos no twitter!

 teclea @EscarlatiNube ou pìncha imaxe inferior.

Agardámoste!



Twitter






Ningún comentario:

Publicar un comentario