domingo, 19 de abril de 2015

Maite Carranza e os seus impulsos literarios

Aquí estamos de novo cunha entrada de Maite Carranza. Desta vez, fixarémonos en dúas das súas obras, as cales temos lido. Esperamos que vos sexa de interese e vos animedes a lelas. Aceptades a proposta?  

I) Análise das obras

Imaxe propia


 

Datos fundamentais da obra
- Título: Palabras envelenadas (Título orixinal: Paraules emmetzinades)
- Tradutor: Ricardo Fernández Sabín
- Deseño de cubertas: César Farrés
- Fotografía de cuberta: Jupiter Images Corp.
- ISBN: 978-84-236-8349-254-3
- Editorial: Edebé
- Ano de edición da obra que se manexa: 2010 (3ª Edición)
- Ano de edición da primeira obra: 2010




Análise do contido da obra
Como subtemas desta obra aparecen as difíciles relacións entre unha adolescente e a súa familia e os lazos de amizade entre esta e a súa amiga da infancia. Ámbolos dous son os que máis afloran, escondendo o tema principal que é a denuncia dos abusos sexuais no entorno máis próximo e a súa invisibilidade neste mundo de hoxe en día.

Como resumo, podemos dicir que Bárbara Molina é unha adolescente desaparecida catro anos atrás. O inspector Lozano, que levou o seu caso, non o puido esquecer porque nunca o chegou a resolver. Este íase xubilar e deixar o caso nas mans de Sureda, pero todo cambia xa que a mellor amiga da protagonista, Eva, recibe unha chamada de Bárbara, a cal xa daban por morta. Con esta sinal de que esta viva retómase o caso, descóbrense mentiras, descártanse sospeitosos e empézase a ver todo o que finxira o pai da adolescente, posto que resulta ser un pervertido que abusa sexualmente da súa filla e a maltrata sen que ninguén da familia se decatase, nin tan sequera, a nai. Cando Bárbara intenta fuxir (chea de medo e farta desta situación), o pai adiántaselle encerrándoa nun zulo, sen poder comunicarse có exterior. Nun determinado momento, Bárbara, consegue coller o móbil do pai (o cal a ten secuestrada) e facer esa chamada que cambia o rumbo de toda a investigación.

Nun segundo plano podemos ver ese mundo de mentiras e engano dentro do ámbito familiar, a dor dunha familia pola desaparición dunha filla á que dan por morta. Pódese ver que a esperanza de encontrala nunca se perdeu, os lazos de amizade de Bárbara e a súa amiga da infancia, Eva, e as ganas e empeño dun subinspector a piques de xubilarse que non abandona o caso ata que queda resolto. Como podedes ver é una historia actual, na que se pode ver involucrada calquera persoa achegada a nós, como unha amiga, unha veciña... Non vos parece?

Os capítulos desta obra son curtos e toda a historia desenvólvese nun mesmo día. Titúlanse co nome das distintas personaxes, en concreto: Bárbara Molina, Salvador Lozano, Nuria Solís e Eva Carrasco. Dependendo do nome que leve o capítulo, nárrase o feito da desaparición e os acontecementos anteriores a ela dende a visión do individuo que se nomea no encabezado do capítulo.
 
A autora opta pola opción de estructurar a novela desta forma para captar a atención do lector e que quede totalmente enganchado ó libro. Desta maneira, o que se quere conseguir é enmarañar máis a historia e que a persoa continúe lendo para achar quen é o culpable. A isto engádense dous feitos: aínda que os acontecementos ocorren (como xa se dixo) nun só día, existen determinados saltos ó pasado (analepses). Ademais, os diálogos forman parte dos parágrafos, non existe ningún tipo de separación nin están definidos por guións. En relación con esta forma de presentar as intervencións dos protagonistas, Javier Ruescas (2010), nunha entrada no seu blog referida a Palabras envelenadas, dinos que é "un recurso estilístico moi interesante e que proporciona un ritmo moito máis rápido (...)". Isto leva a que a lectura sexa máis rápida e fluída, de maneira que o lector o único que busca é rematar o libro o antes posible e saber o que pasa ó final do día. A nós pasounos, non queriamos deixar de ler porque necesitabamos coñecer o que sucedía ó rematar. A novela engancha moito.

A temática dos abusos sexuais a menores que se recolle en Palabras envelenadas non é un tema con moita novidade xa que foi tratado en múltiples películas, dunha maneira máis ou menos parecida ó caso que se describe na novela de Maite Carranza. Se facemos unha busca, atopámonos con No tengas miedo, unha película do ano 2011 e dirixida por Montxo Armendáriz. Nela vese como unha rapaza, Silvia, tivo que soportar os abusos do seu pai, o cal se caracteriza por ser encantador. A súa nai pecha os ollos para non ver á dura realidade que ten que soportar a súa filla e camúflase tras do seu traballo, o violonchelo e o xogo nas maquinas comecartos. Dentro deste mesmo núcleo temático, temos Secretos de familia de Paco del Toro, onde se poden observar os abusos que sofre Paulinita por parte do seu propio tío, o cal fora vítima dos mesmos durante a súa infancia.


No tengas miedo. Extraída de http://cine.coveralia.com/
Secretos de familia. Extraída de http://www.filmaffinity.com/es/main.html

Esta temática, da que se fala en múltiples películas, non se detén só naqueles abusos que poden sufrir os nenos por parte dos seus familiares, senón que tamén existen algunhas nas que as agresións que soportan os menores veñen da man de persoas que non están achegadas o seu núcleo familiar, como por exemplo, en Los hijos de la calle de Barry Levinson, onde un grupo de rapaces ten que sufrir os golpes que lles propinan os gardas do centro de menores no que se atopan.
 
 
Los hijos de la calle. Extraída de http://www.teragu.com/

 
 
En canto ós libros nos que reflicte esta temática, gustaríanos facer mención especial a Unspoken da fotógrafa Lorena Ros. Nel fálase dos abusos sexuais a menores por parte de distintos adultos, máis ou menos achegados ó ámbito familiar. Nel ofréceselle ó lector distintas imaxes e testemuños. Ademais, algo tremendamente interesante é que comenzan a aparecer libros para os máis pequenos nos que se lles fai saber ós nenos que non teñen que facer aquilo que vai en contra da súa vontade. Un claro exemplo deste tipo é Ni un besito a la fuerza de Marion Mebes e Lydia Sandrock, no que se fala dos tipos de bicos que hai e informáselles ós nenos de que poden negarse a dalo. Pensamos que é esencial que o tema dos abusos se trate cos máis pequenos, aínda que sexa dunha maneira menos directa como é botando man deste recurso na aula. A relevancia e o alcance da temática como podemos observar polo número de películas e libros nos que se trata, é certamente importante.
 
 
Unspoken. Extraída de http://www.blume.net/

Ni un besito a la fuerza. Extraída do usuario VADM de http://primerovaldeslealsvq.blogspot.com.es/
 

Na actualidade, as vítimas dos abusos sexuais teñen certos lugares nos que refuxiarse da realidade que teñen que soportar. Para elo poden dirixirse a múltiples entidades. Entre elas, temos que destacar a "Fundación Vicky Bernadet", a cal lle concedeu neste ano o "Premio Fada a la cultura" a Palabras Envelenadas, o libro de Maite Carranza. Estas asociacións, entre outras cousas, sacan ás vítimas dos abusos do seu anonimato e ofrécenlles apoio.

En Palabras envelenadas, fálase dos abusos sexuais sen disimulo, de forma moi realista. Esta novela dá moito que pensar sobre os malos tratos a menores, os cales desgraciadamente trátanse como temas tabú na nosa sociedade. É esencial que os rapaces teñan información e así poder denunciar a tempo. O libro ofrécenos unha visión dunha sociedade que lle dá as costas á verdade, preferindo vivir na ignorancia e na comodidade, sen querer ver a realidade que temos diante.
 
Os abusos sexuais a menores é un tema que día si e día tamén é noticia, sexa en España ou fóra e esta autora, sen que lle trema o pulso, busca denunciar o feito. Que importante é falar deste asunto tantas veces esquecido!


Imaxe propia


Datos fundamentais da obra
- Título: O clan da loba (Título orixinal: El clan de la loba). Volume I da triloxía A guerra das bruxas.
- Tradutor: Pilar Saborido Otero
- Deseño de cubertas: César Farrés e Marc Sala
- ISBN: 978-84-8349-216-1
- Editorial: Rodeira
- Ano de edición do libro que se manexa: 2008 (2ª Edición)
- Ano de edición da primeira obra: 2005




Análise do contido da obra
O tema principal da obra, sen lugar a dúbida, é a maxia. Aínda que non se trata nos primeiros capítulos, é o eixe que guía a trama. Todas as personaxes recorrentes da obra teñen poderes e pertencen a un clan de bruxas con habilidades diferenciadas segundo o clan ó que pertenzan. Como subtema poderíase considerar a adolescencia, dende o punto de vista da protagonista, Anaíd. Ela ten os seus momentos de rebeldía, desobediencia de normas, moitas preguntas, etc.
 
A modo de resume, a obra conta a historia de Anaíd unha rapaza que un día esperta e se atopa con que a súa nai, Selene, desapareceu. Tras buscala soa, aparecen na casa a súa tía, unha veciña, a súa médica e a súa mestra, todas amigas da súa nai, e intentan axudala a que a atope. Entre os diferentes problemas e historias que ocorren (unhas guiadas polas catro mulleres adultas e outras ás agochadas, por Anaíd), a nena empeza a descubrirse un segredo: a existencia na familia de poderes. As catro mulleres, ó lado da súa avoa e da súa nai, xa os posuían e os controlaban, posto que pertencían ó Clan da loba, pero Anaíd non sabía que ela tamén os tiña, posto que estaban reprimidos por unha apócema. Tras coñecer isto comeza unha longa e rápida aprendizaxe para controlar os poderes adquiridos do seu clan e, á súa vez, unha viaxe e conquista das habilidades doutros clans de bruxas para poder atopar a súa nai. A medida que transcorre a historia, vaise descubrindo que a desaparición de Selene foi motivada pola busca da Elixida.

Nun segundo plano cóntase o relato da creación dos clans de bruxas Omar: o da loba, o da serpe, o dos delfíns, etc. e a historia das bruxas Odish. Todo comezou coas súas antecesoras que eran O e a súas fillas Om e Od, as cales comezaron unha guerra entre irmás polo cetro do poder. Isto motivou a O a crear a profecía da Elixida, que acabaría coas guerras entre as Odish e as Omar. Non tedes ganas de coñer un pouco máis a estes dous clans?

Por outra banda, podemos falar da distribución dos capítulos do libro. A obra está composta por 33, os cales se agrupan en 12 partes. No principio de cada unha destas cóntase unha profecía, lenda ou historia das antecesoras dos clans das bruxas. Dentro de cada parte, dous ou tres capítulos que levan á explicación destas lendas, a entender porque pasa o que se narra no argumento e onde comezou todo.
 
En canto ás solucións e alternativas que se ofrecen a un certo tema do relato, podemos destacar o tema da discriminación que recibe a protagonista polo seu físico por parte dos seus compañeiros de clase que son, á vez, os seus veciños do pobo. Non se explica moito a intencionalidade, pero pódese deducir que intenta darlle importancia á propia autoestima e ó problema da discriminación e acoso que sofren moitos mozos no seu día a día. A puberdade é un momento de cambios, para ben ou para mal, antes ou máis tarde, dependendo da persoa nunha parte do seu físico ou noutra e adoita ser un tema que condiciona moito as relacións entre iguais. A solución que se poden ver é que a protagonista pasa do tema, centrándose no que máis lle gusta (estudar e deixar o tempo que sexa necesario para medrar). As críticas diminúen cando comeza a dar o mesmo cambio que o resto dos seus compañeiros. Ademais, caracteriza as bruxas como mulleres modernas que teñen un traballo, coidan dos fillos e son moi belas, o que non se fai habitualmente nas novelas, nas que estas son vellas, moi feas e non teñen outro oficio que traballar nas súas apócemas e conxuros. Pensamos que opta por esta alternativa coa intención de aproximar a obra á actualidade, o tipo de mulleres que forman parte dela.
 
Os temas propostos non son de gran actualidade posto que a maxia e as profecías non son algo que se trate no día a día, pero si é unha temática que gusta á xuventude, e máis, cando os protagonistas son mozos. A intencionalidade da autora é achegar estes temas (que quedaron máis no pasado, onde tiñan máis auxe), á actualidade e ao mundo xuvenil, para que coñezan máis desta materia dende outro punto de vista. Podemos ver como se trata esta temática en diversas series infantís e xuvenís de canais como Disney Chanel, en sagas de libros como pode ser Harry Potter, os poderes característicos dos protagonistas das series ou cómics de Marvel, no Señor dos anillos...
 
Personaxes de Marvel. Extraída do usuario Brigante, 
Richy de http://www.insidethemagic.net/
 
II) Conexións e repercusións das obras

Elaboralo sobre outras obras da autora
Neste apartado simularase unha entrevista a una aficionada de Maite Carranza. No vídeo que poñemos a continuación poderase visualizar parte da entrevista, que se expoñerá completa despois deste. Nela aparecen dúas persoas, unha fai de periodista e outra de aficionada e seguidora de Maite Carranza. Falarase de Palabras envelendas e O clan da loba.
 


 
- Bos días, hoxe estará connosco Cristina Bouso, aficionada á literatura de Maite Carranza dende as súas primeiras publicacións. Vainos falar de dúas das obras, as que máis lle interesaron: Palabras Envelenadas e o Clan da Loba. Ola Cristina, que tal?
 
Ola, ben, un pouco nerviosa pola entrevista.
 
- Non te preocupes, para unha gran seguidora de Maite Carranza coma ti vai ser moi doado responder a estas preguntas. Que che parece se empezamos por que nos contes as similitudes que se poden atopar nestes dous libros de Maite Carranza?

O Clan da Loba e Palabras Envelenadas son dúas obras moi distintas, con temáticas moi ben diferenciadas, pero a pesar disto tamén teñen outras similares. Pois podemos sinalar varias: en primeiro lugar, en ámbolos dous libros a protagonista é unha rapaza nova. No caso do Clan da Loba, Anaíd ten 14 anos; pola outra banda, Bárbara xa ten 19 cando se consegue dar con ela.

Nos dous casos son mozas moi fortes e valentes, capaces de aguantar todo o sufrimento que se lles pon no camiño, loitando pola súa supervivencia ante as dificultades. A maiores, tamén podemos dicir que as protagonistas están rodeadas de natureza. No caso de Anaíd, vive no medio do bosque aragonés; Bárbara, está secuestrada nunha masía rodeada de vexetación.

Tamén xogan un importante papel as emocións e as relacións entre nai e filla xa que nos dous casos teñen unha gran relevancia, aínda que a relación que se establece entre as dúas personaxes é diferente dependendo do libro. En Palabras envelenadas, a nai, Nuria e a filla, Bárbara, van perdendo o contacto. Nuria evita falar dalgúns temas como do amor coa súa filla, pois pensa que aprenderá pola propia experiencia e cando Bárbara desaparece, cúlpase de darlle tanta liberdade. Polo tanto, a comunicación entre a nai e a filla é escasa. No Clan da Loba, están moito máis preto, nai e filla van de compras e polas noites xogan a recoñecer as constelacións. Anaíd, a filla cre na súa nai ata o final xa que opina que a pesar das súas tolerías, a súa nai non marchou por propia vontade e vai na busca dela.

Nos dous libros está presente o misterio arredor de como continuarán as historias e os enganos. En Palabras envelenadas, Pepe engana a súa muller, Nuria. Ocúltalle que na masía é onde ten a Bárbara. No Clan da Loba, Selene faille tomar a Anaíd un xarope que fai que a nena non alcance os cambios propios da puberdade.

Finalmente, non podemos esquecernos, que nas dúas obras está presente unha desaparición. En Palabras Envelenadas, Bárbara, que está encerrada polo seu pai e no Clan da Loba, Selene, a nai de de Anaíd, desapareceu sen deixar rastro e dende ese momento a filla emprende unha busca da nai, o que a levará a coñecer que forma parte dunha xeración de bruxas, pertencentes ás Omar e que loitan contra as Odish.  Por último, teño que dicir que as dúas obras sitúanse no século XXI, o cal aproxima máis ós lectores novos á historia.

- Ah! Pois non me decatara de que tiñan tantas similitudes, pois parecen moi diferentes. E, consideras que estas obras reflicten algún trazo característico da literatura de Maite Carranza?

Poderíamos dicir que os dous primeiros temas en común son característicos da autora: dálles poder ás mulleres, retratándoas como persoas fortes e loitadoras que non se renden e conseguen o que queren. Son protagonistas da súa propia historia, da que logran saír vitoriosas. Son mulleres intelixentes, que saben como actuar ante as dificultades que se poñan por diante. Tamén outra característica recorrente da súa literatura é a presenza da natureza, que case sempre aparece nos libros de Maite Carranza.

Ademais, nas súas obras a autora achégase á realidade de hoxe en día. Por iso é que en Palabras envelenadas a historia xira arredor da temática dos abusos sexuais, un problema das sociedades modernas e no Clan da Loba, as Omar son mulleres que se achegan ás da actualidade xa que como di Maite Carranxa na entrevista que lle fai Chus Sáez  (2005) e que se pode ver nesta web "as bruxas protagonistas (Omar) son mulleres modernas que traballan, namóranse e educan os seus fillos ó tempo que manteñen os seus rituais e están vinculadas o seu clan".

- Moi interesante. Queríache facer unha pregunta, ti como mestra de Educación Infantil, cal destas dúas obras pensas que é máis acaída para traballar na aula?

A temática de Palabras envelenadas é moi real nesta sociedade, demasiado, e os feitos relatados son arrepiantes. Quizais para unha clase de Secundaria si sería un libro que poderiamos tratar e analizar con profundidade, mais creo que para unha aula de Educación Infantil O Clan da Loba é máis apropiado porque tanto a temática como a fantasía que envolve todo o libro aproxímase máis á imaxinación dos nenos, o que lles permitirá soñar con bruxas, maxia e profecías.

- Parecen boas razóns. E unha última pregunta, a ti que obra foi a que máis interese che suscitou?

Pois por exemplo, Palabras Envelenadas. Como lectora tes moita curiosidade por saber quen é El, o home que a ten secuestrada, que a viola e a maltrata durante tantos anos (a ela, a Bárbara, a protagonista da historia), pois non se rebela quen é ata case rematar a novela. Despois, unha vez sabido o nome, o lector ten que atar cabos e rememorar todo o sucedido e contado durante a obra, xa que saber quen é o secuestrador resulta moi inesperado e tráxico. Finalmente, o libro tente en vilo ata a derradeira páxina para saber como se desencadean todos os feitos e se, por fin, Bárbara consegue saír do seu cativerio.

Por estas razóns considero que é a lectura que máis me gustou, aínda que O Clan da Loba tamén foi unha lectura interesante, pero igual para un público lixeiramente máis novo.

- Ai, pois agora que contas isto, lereino. Cristina, moitas grazas por concedernos a entrevista.

A vós, un pracer, ata outra.

- Ata a próxima
 

III) Síntese final
A lectura das dúas obras suxeridas de Maite Caranza e a posta en común foi unha dura tarefa, posto que eran temáticas moi diferenciadas. Aínda así soubemos sacar os trazos comúns grazas a que xa buscaramos parte da información para a anterior entrada referida á vida de Maite Carranza.

Así é que partindo de dous libros, a primeira vista, inconexos, descubrimos a importancia que nos dous teñen as mulleres, a presenza dunha protagonista en idade adolescente, a relevancia das emocións e a relación entre nai e filla (xa que as dúas obras se desenvolven dentro do núcleo familiar), unha localización da historia nun entorno rodeado de natureza... Ademais, a autora achégase ó real (por medio do tratamento dos abusos sexuais a menores en Palabras envelenadas e unha caracterización das bruxas no Clan da Loba como mulleres actuais, que traballan, que se namoran...).

Pensamos que son libros moi entretidos, aínda que nun comezo costa un pouco engancharse posto que supoñemos de antemán o que van contar e non damos o tempo necesario para que nos impresione, mais segundo se avanza nos capítulos, a trama é cada vez máis interesante. A autora sabe crear esa adicción que che impide pechar o libro e deixalo para outro día, faiche querer saber máis, investigar, informarte, sacar as túas propias deducións e logo, atoparte con toda a sorpresa que agochan os seus finais.

Aínda que consideramos que estes libros son moito máis recomendables para mozos e adultos, imos intentar nun futuro sacar proveito para o ámbito que nos atinxe a nós, a Educación Infantil.

Antes de poñer punto e final a esta entrada, gustaríanos que coñecerades as respostas correctas ó test que se vos mostrou na anterior entrada de Maite Carranza xa que por problemas coa web na que se elaborou, non se facilitan as respostas correctas. Estas serían as solucións:

1. Cerdanya.
2. Palabras envelenadas.
3. Pola permisividade infantil que se observa nas protagonistas.
4. Mulleres.

Estade atentos! Na próxima entrada mostrarémosvos una entrada unha proposta didáctica sobre a obra O clan da loba. Sempre que queirades facernos un comentario, podedes poñervos en contacto con nós mediante o noso twitter.

Anotación: A pesares da utilización predominante do masculino, non só nos referimos a este, senón que incluímos a homes e mulleres sen ningún tipo de discriminación. Fixémolo para simplificar a lectura.
 
IV) Referencias

Referencias bibliográficas
 
- Carranza, M. (2008). O clan da loba. A Coruña: Rodeira
- Carranza, M. (2010). Palabras envelenadas. A Coruña: Baía Edicións.

Referencias webgráficas
 
Entradas en blogs sobre Palabra envelenadas ou o Clan da loba:

Dieva, E. (2013). Reseña El clan de la loba [blog] Recuperado o 13/04 do 2015 de http://cronicasdelosreinos.blogspot.com.es/2013/07/resena-el-clan-de-la-loba.html

Kayano. (2012). Reseña de el clan de la loba [blog] Recuperado o 12/04 do 2015  de http://kayanoblog.blogspot.com.es/2012/07/resena-de-el-clan-de-la-loba.html

Ruescas, J. (2010). Palabras envenenadas, de Maite Carranza [blog] Recuperado o 13/04 do 2015 de http://javierruescas.blogspot.com.es/2010/10/palabras-envenenadas-de-maite-carranza.html
 
Información sobre películas e libros que tratan a temática dos abusos sexuais na infancia:
 
Boyero, C. (2011). El hombre del saco está en casa [html] Recuperado o 12/04 do 2015 de http://elpais.com/diario/2011/04/29/cine/1304028003_850215.html

Gómez Portalatín, B. (2013). Las cicatrices de los abusos sexuales [html] Recuperado o 12/04 do 2015 de http://www.elmundo.es/elmundosalud/2013/06/03/noticias/1370241839.html
 
El séptimo arte. (n.d.). Secretos de familia (2009) [html] Recuperado o 12/04 do 2015 de http://www.elseptimoarte.net/peliculas/secretos-de-familia-3957.html

Gonzoo.com. (2014). 'Unspoken', proyecto de Lorena Ros <<El abuso a niños es algo tan horrible que no se habla de ello>>[web] Recuperado o 12/04 do 2015 de http://fundacionphi.org/blog/post/unspoken-proyecto-de-lorena-ros-el-abuso-a-ninos-es-algo-tan-horrible-que-no-se-habla-de-ello

Lueiro, L. (n.d.). Sleepers, los hijos de la calle [web] Recuperado o 12/04 do 2015  de http://www.ojocritico.com/criticas/sleepers-los-hijos-de-la-calle/

Mebes, M. e Sandrock, L. (n.d.). Ni un besito a la fuerza [pdf] Recuperado o 12/04 do 2015 de http://www.coeducaccio.com/wp-content/uploads/2012/09/ni-un-besito-a-la-fuerza.pdf
 
Páxina da fundación Vicky Bernadet:

 
Páxina principal da autora, en concreto, o apartado de entrevistas:




 
Autores de la entrada
Álvarez López, Carolina
Bouso García, Cristina
Díaz Portillo, María Noelia
Diéguez Porto, Nerea
Fernández Otero, Joel

Ningún comentario:

Publicar un comentario