martes, 21 de abril de 2015

¡A min que me importa!

“Ás veces, ós grandes non hai quen os entenda. Mirade, a miña avoa, o outro día, chegou á casa, dixo que viña morta e estomballouse nunha butaca... iXa! Deben pensar que somos parvos. Cómo ía vir morta se falaba e todo... Chámome María e estas cousas déixanme algo pampa, pero como eu digo... iA min que me importa!” (Concha Blanco, 1998)

ANÁLISE DA OBRA

Portada do libro ¡A min que me importa!
      Título: "¡A min que me importa!"
Autor: Concha Blanco
Ilustrador: Xan López Domínguez
ISBN: 84-216-3417-8
Editorial: Bruño
Ano: 1998

Temas e subtemas da obra
O tema principal serían as inquedanzas dunha nena respecto ao mundo adulto.
Miña irmá ten quince anos. Estuda no instituto 2º de ESO. De ESO que xa todo o mundo sabe o que é porque dis: estuda ESO xa chega. Pero si ti non entendes aguantas, porque eu non cho podo dicir; dáme vergoña preguntar cando todo o mundo o sabe”(Blanco, 1998:15).
Ao longo da obra podemos encontrar gran variedade de subtemas (despedidas, nacementos, accidentes, cometas) entre os cales destacaríamos as relacións familiares e a amizade xa que son os que se atopan presentes na maior parte dos capítulos.

Resumen do argumento xeral da obra
¡A min que me importa! relata o día a día dunha nena chamada María. Ao longo dos distintos capítulos vemos como non entende a linguaxe nin certos aspectos do mundo dos adultos, cousa que a ela non lle importa demasiado e segue adiante coa súa vida.

Estrutura da obra: relacións de capítulos
A obra estruturase en dezaoito capítulos, estes non se denominan como tal senón que os introduce con unha frase que nos adiante o tema a tratar.
A relación entre capítulos é cronolóxica xa que conta a historia dunha nena seguindo un orde lineal.

Solución proposta pola autora para a estrutura de diario
Como ben xa dixemos a obra conta cunha estrutura típica dun diario pero engade un factor novidoso. Este sería que non divide os relatos segundo o día que acontecen, senón que se dividen por anécdotas que lle resultaron interesantes a protagonista. Ademais, non se relata un día enteiro senón que soamente o feito que ela quere destacar.

Intencionalidade da obra
Desde a nosa perspectiva, a intencionalidade da autora é lúdica pretendendo que os nenos pasen un bo momento lendo e non vexan a lectura como unha tarefa escolar que non lles produza satisfacción. Ademais, poderán sentirse identificados coa protagonista da obra posto que a historia relatase desde o punto de vista dunha nena.


CONEXIÓNS E REPERCUSIÓNS DA OBRA

Análise da obra

Portada do libro Tita

Título: “Tita”
Autor: Concha Blanco
Ilustrador: Jesús Cruz
ISBN: 9788440305183
Editorial: Everest Galicia
Ano: 2006

Resumen do argumento xeral de "Tita"
Trátase dunha obra na que se fala sobre a Tita de Fina,  a nena protagonista. Fina di que a Tita é a terceira avoa que se ten, que ela e quen coida a casa e a todas as persoas que viven nela. Un día Fina descobre que a Tita xa non está na casa pero non sabe para onde foi, causándolle tristeza e incerteza. A par que conta a historia ocorrida coa Tita vainos contando as demais anécdotas que lle suceden día a día.

Temas e características en común
Nesta obra, ao igual que na obra ¡A min que me importa!, a temática principal son as inquedanzas e anécdotas dunha nena que vive na provincia de A Coruña.
Ademais do mencionado anteriormente, en ambas as dúas obras contase o que lles ocorre aos protagonistas tanto no ámbito familiar como escolar.
Estas obras teñen unha característica en común que segundo o noso criterio podería marcar un trazo típico da autora, esta é que son redactadas a modo diario, contando o día a día dos protagonistas desde a súa perspectiva.
Algo que nos chamou a atención é que na obra "Tita" podíamos encontrar unha referencia a obra ¡A min que me importa!, xa que ao principio da obra a protagonista di a frase "¡A min que me importa!".

As obras na aula
Sería difícil destacar unha das obras, xa que as dúas seguen unha liña moi similar. Aínda así poderíamos dicir que nos resultou mais interesante a primeira que lemos, a obra "¡A min que me importa!", porque tiña o humor mais presente, é dicir, a protagonista a través da súa inocencia transmitía as vivencias con un sentido do humor que che facía esbozar un sorriso. Pola contra, a obra "Tita" recorría ao humor pero en menor medida.
As dúas obras serían igual de apropiadas para traballar na aula xa que ambas tratan temas que poderían ocorrer na vida de calquera neno e nena, e polo tanto ao lelas sentiríanse identificados. Por exemplo, a obra "Tita" reflectiría unha problemática moi común nos nenos, a de non recibir agasallos nos aniversarios. Os nenos e nenas amólanse se non reciben agasallos, ao igual que lle pasou a Fina, a protagonista, coa broma que lle gastou seu pai ao gardar el todos os agasallos dos amigos e darlle cadernos para unha colección que estaba facendo. Ao principio pareceulle mal, pero despois xa non lle importaba.  Con este suceso a protagonista demostrounos que non era preciso enfadarse senón que había que pasalo ben cos amigos e amigas e non darlle tanta importancia ao material.
Ademais nesta obra da que estamos falando tamén reflexa as reaccións que poden ter os nenos e nenas cando unha persoa anciá do seu entorno acode a un asilo ou atopa parella, como lle pasou a  Fina coa súa Tita que considerou que o mellor sería trasladarse a un centro deste tipo debido a súa idade no cal atopou un compañeiro sentimental. Isto pode provocar que o neno ou nena se mostre reancio cara a nova persoa que pasa a formar parte da súa vida xa que modifica o esquema da súa familia e a actuación destes ante a nova situación.  Os adultos non lle comunicaron a Fina desde o primeiro momento que a súa Tita se trasladaba ao asilo e ela preocupouse moito xa que cría que estaba morta. Con isto plantexa un claro exemplo de que aos nenos e nenas, aínda que sexan pequenos, haille que explicar todas as situacións que ocorren no seu entorno e non ocultárllelas porque eles percíbenas ao igual que os adultos pero por falta de coñecementos sobre o mundo pódenas interpretar mal.
Esta obra sería un bo exemplo para dar pé na clase a traballar estas dúas situacións para que os nenos e nenas, se algún día teñen que enfrontase a elas, saiban como reaccionar e as vexan coa naturalidade que teñen.
Na obra "¡A min que me importa!" non se reflicte ningunha problemática que nos poidamos atopar en concreto, senón que se trata de unha obra que traballa todas as inquedanzas e pensamentos que poden ter os nenos e nenas en xeral. O motivo polo que a obra nos parece axeitada para a aula non  é por traballar unha temática en concreto como a obra citada anteriormente, senón por abordar as inquedanzas e pensamentos en xeral pero dun xeito mais lúdico que a anterior, podendo chegar a facerse mais amena para os cativos e cativas.
                                                                                         
SÍNTESE FINAL
Logo de realizar unha análise da obra “¡A min que me importa!” de Concha Blanco e comparala coa obra “Tita” desta mesma autora chegamos a conclusión de que teñen unha estrutura moi semellante, xa que ambas contan o día a día visto dende a perspectiva dunha nena.
Poderíamos afirmar que Concha Blanco, a través das súas obras, pretende captar a atención do lector recorrendo ao humor e expoñendo situacións coas que calquera se podería sentir identificado, xa que todos as vivimos nalgún momento da nosa vida.
Resulta interesante unha característica presente nas dúas obras, esta sería o feito de que sexa narrada en todo momento por o neno ou nena protagonista sen a presenza de ningún narrador externo permitindo empatizar máis coa historia.
O feito de que o narrador sexa un neno ou nena da lugar a que a linguaxe empregada sexa sinxela e comprensible para os lectores mais novos, o que axudará a que se sintan máis identificados e motivados cara a lectura ó non atopar ningunha dificultade salientable que impida ou dificulte a correcta comprensión da historia.

Por último, podemos dicir que nos parece unha autora con obras interesantes para traballar na aula porque dun xeito lúdico podemos fomentar nos mais pequenos o gusto pola lectura a través de diversas temáticas na aula.

Ningún comentario:

Publicar un comentario