Proposta
didáctica
Xustificación da nosa
elección
Trala
lectura do libro Stefano decidimos elaborar
a nosa proposta didáctica sobre a emigración, tema principal desta obra.
Decantámonos
por este, xa que consideramos que ten unha importancia fundamental na
actualidade. A pesar de ser un tema complicado, xa que son moitos os factores
que inflúen na vida dunha persoa emigrante, consideramos que é un feito ó que
debemos achegar ós nenos posto que xa é unha realidade observable dentro das
aulas, onde cada vez se atopa unha maior diversidade de culturas.
Non
só pretendemos que comprendan que os emigrantes buscan unhas mellores
condicións de vida, que se ven obrigados a fuxir dos seus países para atopar
algo digno para eles e as súas familias, senón tamén que vaian vendo a
diversidade cultural como algo positivo do que poder beneficiarse, podendo
aprender así os uns dos outros. Tamén será beneficioso á hora de evitar futuras
problemáticas de discriminación racial e para fomentar unha serie de valores
como o a igualdade e o respecto.
Somos
conscientes do serio e formal que pode resultar este tema, por isto imos
abordar os aspectos básicos do mesmo sen profundizar demasiado, buscando a
comprensión por parte dos nenos, resolvendo os interrogantes que se lles
presenten e evitando xerar confusión nos mesmos.
Obxectivos da nosa
proposta
-
Coñecer o significado
de migración
-
Indagar sobre as causas
e as consecuencias que provocan a migración
-
Promover a empatía
- Establecer relacións de
confianza, afecto, colaboración e comprensión entre os compañeiros
-
Potenciar os valores de
respecto, formas de vida e diversidade cultural
-
Valorar positivamente
os vínculos establecidos tanto na familia como na escola
-
Mellorar o dominio da
linguaxe verbal
-
Perder o medo a
expresar as opinións ante os demais compañeiros
Actividades
A
nosa proposta está formada por un conxunto de cinco actividades ordenadas de
tal xeito que a introdución dunha ven dada pola realización da anterior, é
dicir, que todas elas están relacionadas. Así, comezamos coa primeira na que se
lles introduce o tema da emigración ós nenos, para logo pasar a segunda e
contarlles unha adaptación da historia de Stefano.
A continuación pasaremos á terceira actividade na que se tratará de
investigar sobre o tema coa axuda das familias, á cuarta na que representaremos
aspectos da obra tratada e, por último, á quinta na que faremos un mural con
todo o material recopiado.
Como
expuxemos anteriormente as actividades precisan as unhas das outras, pois para
contar un conto sobre a temática da emigración é importante antes tratar o tema
e para facer a representación é preciso escoitar previamente a historia.
Actividade 1. ¡Comezamos
falando!
A
primeira actividade desta proposta será de achegamento ó tema da emigración.
Levarase á aula unha caixiña que terá no seu interior unha serie de fotografías
de xente marchando nun barco, persoas portando maletas, etc. Imaxes da
emigración tanto de épocas antigas como de actualidade.
A
continuación mostraranse ditas imaxes para que os nenos comenten o que ven en
cada unha delas e a súa vez que expliquen o que lles suxiren, intentando
conducilos ó tema a tratar a través de preguntas en caso de que sexa necesario
(por exemplo: que significará a imaxe da maleta?, por qué están chorando o neno
e o seu papá?, etc.).
Con
esta actividade o que se pretende e introducirlle ós nenos o tema da migración,
invitándoos a que observen as imaxes e reflexionen a través delas.
Actividade 2. Érase
unha vez...
Tras
isto lévase a cabo unha segunda actividade que consiste en contarlles ós nenos
a historia de Stefano adaptada a súa idade. Desta maneira poderán entender a
situación de migración pola que ten que pasar o personaxe, comprender o seu
significado, e empatizar con el.
Da
mesma maneira o propio conto da lugar a falar das situacións actuais, pois hoxe
en día moita xente emigra para buscar ao igual que o protagonista unha vida
mellor e cada. Ao poñerse na situación de Stefano evitamos que os alumnos desenvolvan
pensamentos racistas e promovemos os valores de aceptación, de sociabilidade,
de axuda ós demais, comprensión, diversidade e, especialmente, valorar os bens
que temos, pois non todos contamos coas mesmas oportunidades.
Realizarase
esta actividade dunha forma lúdica e amena buscando fomentar nos nenos o gusto
pola lectura.
No seguinte enlace podedes ver o conto adaptado.
https://docs.google.com/presentation/d/120C02leHuFBYDcReaKpdj7Jxx1pubxy5qS2HU9nGYfU/edit?usp=sharing
https://docs.google.com/presentation/d/120C02leHuFBYDcReaKpdj7Jxx1pubxy5qS2HU9nGYfU/edit?usp=sharing
Actividade 3. Investigadores
O
conto abre a posibilidade de realizar unha tarefa de colaboración coas
familias, na que se levará a cabo unha busca de información e unha recompilación
de diversos materiais relacionados coa migración (fotografías, cartas, novas, etc.).
Sería
unha boa idea que os nenos indagasen sobre os seus familiares, saber se algún
emigrou do seu país de orixe. Compartir esas experiencias, curiosidades e
historias enriquece tanto ós nenos, como ós mestres e tamén ós familiares, pois
a parte de aprender sobre a emigración, é unha maneira de crear vínculos e de
que os rapaces coñezan mellor os membros da súa familia, facéndoos partícipes
en gran medida na educación dos seus fillos.
Así,
unha vez que dispoñamos da información será exposta na aula, de xeito que todos
poidan compartir o que descubriron cos demais compañeiros. Esta é unha forma de
potenciar a comunicación entre os nenos ademais de outorgarlle protagonismo a
cada un deles.
Actividade 4. Teatreiros
Unha
vez que indagamos sobre o tema levarase a cabo unha representación do conto de
Stefano, de maneira que os nenos sexan capaces de comprender e interiorizar
mellor a historia.
Para
isto dividirase a clase en dous grupos, un deles representará dita historia e o
outro fará de público. Esta actividade prolongarase ó longo da semana de xeito
que cada neno asumirá os dous papeis (actor e espectador).
O
que se pretende é que cada un deles teña un papel na obra, de xeito que a
medida que a mestra vai narrando o conto cada un teña unha acción que desenvolver.
Por exemplo, uns farán de emigrantes que se teñen que marchar e coller o barco
que os levará ás Américas, outros terán o papel das familias que con pena
despiden aos que emigran, outros nenos farán de campesiños que traballan no
campo para gañar cartos, etc.
Actividade 5. ¡Como
artistas!
Como
ultima actividade desta proposta crearemos un mural no que se poderá debuxar ou
pegar imaxes de todo aquilo que aprenderon ata o momento, empregando toda a
información recopiada coa axuda das familias. Tamén se poderán escribir as
ideas que teñan acerca disto.
O
que pretendemos con esta tarefa é que os nenos participen e que sexan
conscientes de todo o aprendido. Ademais potenciarase a creatividade, posto que
os nenos poderán empregar todo tipo de materiais dispoñibles, e o
desenvolvemento da motricidade fina.
Conclusións
Pensamos
que esta pequena proposta será de moita utilidade pola temática a tratar, xa
que non é un tema común dentro das aulas de infantil a pesar de ter unha grande
importancia na sociedade actual.
Pensamos
que ó ser unha temática tanto de actualidade como de tempos pasados é
importante tratala e introducila dende a etapa de infantil, sempre adaptada ás
idades e características particulares dos nenos.
Para
o noso parecer é algo fundamental e que deben coñecer, posto que é unha
problemática da que todos os días saen noticias e que está a orde do día. Son
temas que os adultos ás veces tratamos de ocultarlles ós nenos, ou simplemente
os evitamos xustificándonos como que non o comprenderían. Hoxe en día sabemos
que non é así, e que facendo as adaptacións pertinentes calquera temática se
pode traballar cos pequenos.
En
canto ó alumnado, cremos que esta proposta pode resultarlles bastante divertida
por ser dinámica e amena e permitir a participación activa en cada unha das
actividades: na actividade do mural, na de coñecementos previos coas
fotografías, etc. Ademais aprenderán aspectos dun tema importante de forma
lúdica e motivadora, que os enriquecerá e lles axudará a medrar como persoas.
Entrada escrita por:
Eva Pérez González
Alba Argerey Castro
Noa Prado Souto
Olga Barreira Alonso
Andrea Callejo López
Ningún comentario:
Publicar un comentario