xoves, 16 de abril de 2015



Ficha técnica da obra

Imaxe da portada do libro
Stefano. Procedente da páx.
web de María Teresa Andruetto
Título: Stefano
Tradutor: Ánxela Garcián
ISBN: 978-84-9865-165-2
Editorial: Editorial Galaxia 
Ano da primeira edición: 1997
Ano da última edición: 2010







Análise da obra

O tema principal deste libro é a emigración de Stefano e a historia de amor con Ema, a cal xira entorno a toda obra. Ademais, a autora incorpora outros subtemas:
  •             A forma de vida do lugar ó que o protagonista emigra: os lugares nos que vive, os traballos que desempeña e as persoas coas que se relaciona.
  •       O mundo sentimental de Stefano: os diferentes amoríos que se dan ó longo da mesma.


Argumento: Stefano era un mozo que vivía coa súa nai en Italia ata que a situación de pobreza na que ambos se atopaban lle obrigou a tomar a decisión de emigrar.
Soñaba cunha vida mellor, con atopar un bo traballo e con gañar para axudar a súa nai. Así, en contra da vontade da mesma, emprendeu a viaxe xunto con outros catro amigos(Pino, Ugo, Remo e Bruno), embarcando no porto de Xénova con rumbo a Arxentina.
Esta viaxe non resultou ser o esperado, pois o barco no que viaxaban os cinco mozos naufragou. Stefano foi rescatado, así coma o seu amigo Pino co que se atopou ó chegar o porto de Arxentina. Neste momento comeza a nova vida destes dous rapaces que se dirixiron cara á Montenievas onde Vittorio, o tío de Pino, os esperaba.
Neste momento Stefano consegue o seu primeiro traballo, (que non será o único ó que se fai mención ó longo das páxinas deste libro), atopa o seu primeiro amor e descubre un novo divertimento que lle axudará a sobrepoñerse dos duros golpes da súa vida; a música.
Ó final desta historia estará marcado por un fermoso feito, presente tanto directa como indirectamente, dende o comezo da mesma. Coa omisión desta final buscamos animar á lectura desta obra.

En canto á estrutura da obra poderíase falar de tres fases concretas da historia do protagonista. Na primeira delas o tema principal maniféstase co desexo de Stefano de marchar de Italia e emigrar a Arxentina. A situación de pobreza que o protagonista está a pasar é a causa principal das súas ansias de fuxir en busca dunha vida mellor, mais tamén se reflexa de maneira especial a dor da nai ante a saída do fillo da aldea mentres ela queda alí, aferrada a a súa terra e a do seu marido, cousa na que fai fincapé de xeito habitual dicindo: “esta é a terra do teu pai”.
A travesía no barco e o naufraxio do mesmo cara ás Américas, dá lugar á segunda fase da historia, o tempo que viviu en Arxentina. Nestes anos Stefano desempeña dous traballos: un axudando na facenda do tío dun amigo seu e outro tocando o saxo no circo. Vencellados a cada un deles vive dous amoríos que cobran importancia na historia: Lina e Tersa.
Xunto con estas vivencias o pensamento e a preocupación pola situación da nai en Italia, e o sentimento de culpa tras marchar e deixala alí, supón para o protagonista o seu principal tormento. É a morte da mesma o que leva á terceira e última fase da historia, pois a promesa de encontrar a unha amiga da nai e finalmente conseguilo, axúdalle a encontrar ao seu verdadeiro amor.



Alcance, novidade e consecuencia das ideas centrais da obra

Como xa mencionamos anteriormente, o fundamental desta obra é o tema da migración, algo moi presente tanto na actualidade como en tempos pasados.
Que é o que acontece para que os personaxes teñan que tomar unha decisión tan drástica como esta?; que situacións son as que levan ás persoas a deixalo todo e fuxir da súa terra? A resposta é moi sinxela á vez que complicada, esta xente busca fóra do seu entorno unha vida mellor, sufrindo as consecuencias de teren quedeixar atrás todo o construído ata ese momento.
A pobreza e a fameforon o motivo da fuxida de Stefano, protagonista deste relato, quentivo que atravesar trala súa marcha unha serie de circunstancias negativas, como foi deixar a súa vida, a súa nai e vivir a soidade á que se enfrontan os emigrantes. Así mesmo, non todo é negativo posto que avanzar, perseguir os teus soños e buscar oportunidades para lograr unha vida mellor son aspectos dignos de admirar.
En relación a isto cabe dicir que a emigración foi un fenómeno que tocou moi de cerca ós galegos de antano, que durante anos se viron obrigados a emigrar e deixar os seus fogares para mellorar as vidas das súas familias. Este feito aparece recollido no segundo capítulo desta obra, na que se fai referencias á emigración da comunidade galega: “Pero non só hai italianos no porto. Xa o segundo día se fixeron amigos, nin sequera saben como, duns galegos que limpan peixe onda a costa e van pola mañá velos, axudan un pouco e regresan, aos tres días, con algunhas moedas”.


Actualidade temática

Esta temática á que nos estamos a referir está moi presente na sociedade, non só pasada senón tamén na actual. Hoxe en día o fenómeno da emigración está moi presente e cobra unha grande importancia, feito que se pode apreciar nos xornais e nas noticias de cada día, nos que o común é que haxa sempre algunha relacionada con este tema: masas de emigrantes que chegan ás costas, naufraxios, mortes masivas, asaltos as vallas, etc.Son estas as  historias de persoas que á fin só buscan oportunidades de vida.
Un dos titulares co que nos atopamos recentemente con respecto a Italia foi o seguinte:“Italia rescata más de 5.600 inmigrantes en tres días. Nueve cadáveres han sido recuperados este lunes en el Canal de Sicilia, a los que hay que sumar otros 500 desde principios de año” (ElPaís, 13/04/15).
Como se pode comprobar na noticia anteriormente citada, moita xente ve a necesidade de emigrar cara a outro lugar en busca dunha vida e dunhas circunstancias mellores das que teñen no seu país. Desgraciadamente a maioría deles non cumpren o seu obxectivo dado que nesta viaxe perden a vida ou son devoltos ós seus lugares de orixe, tirando por terra os soños que estaban a perseguir.
Isto ocorre a nivel mundial pero centrándonos na poboación española podemos observar unha especie de situación cíclica. En épocas pasadas, os nosos bisavós, tataravós, etc. tiñan que emigrar de Galicia a Arxentina para anos despois cambiar as tornas, sendo a xente doutros países a que chegaba a España en busca dunha vida mellor. Na actualidade a situación volve ó principio e ó entrar España nunha situación de crise son os españois os que se ven obrigados a marchar ó non veren aquí oportunidades de futuro.


Conexións da obra

Unha obra de María Teresa Andruetto que abarca a mesma temática de Stefano é El país de Juan. Ámbalas dúas falan da migración pero a distintos niveis, na primeira dun país a outro e na segunda do mundo rural á cidade. Isto é un trazo común destas obras, ó igual que a súa linguaxe formal e a súa distribución en capítulos. Tamén o feito de que a autora reflexa nestes escritos situacións propias da súa vida como a emigración, mostrando situacións de pobreza que obriga ós protagonistas a tomar medidas. 

Imaxe da portada do libro El país de Juan. Procedente da páx. web de
María Teresa Andruetto
http://www.teresaandruetto.com.ar/
Cabe destacar tamén que están ambientadas en Arxentina: El país de Juan,que se desenvolve integramente neste lugar e Stefano, que comeza unha nova vida neste lugar. A presenza do amor detéctase en ámbalas dúas obras posto que é un tema que á autora acostuma a tratar.


A obra que máis nos interesou foi a de Stefano, dado que foi na que máis afondamos e coa que estamos a traballar. Parécenos que trata un tema moi interesante e ademais de actualidade, pois todos os días recibimos noticias acerca disto. A pesar disto, pensamos que de entre estas dúas, a obra máis acaída para traballar nas aulas de infantil é El país de Juan xa que a pesar de que ambas falan das migracións, neste faino a un nivel inferior, do campo á cidade, o que pode ser un tema que os nenos vivan máis de cerca e que teñan máis presente.


Documentos consultados: Periódico El País. Recuperado de: http://elpais.com/




Eva Pérez González
Noa Prado Souto
Alba Argerey Castro
Andrea Callejo López
Olga Barreira Alonso

Ningún comentario:

Publicar un comentario