Título: Ás de bolboreta
ISBN:
- Edicións Xerais 978-84-9914-028-5
- Fundación Caixa Galicia 978-84-96982-41-3
Ano de edición: 2009
Análise da obra
O argumento central da obra
desenvólvese no Luzada, unha cafetería de Santiago de Compostela que anos antes se chamaba o City, en honra á cidade de Londres. Esta cidade é a onde Eusebio, un dos antigos donos, marchou ós 18 anos para traballar nun restaurante lavando a louza, ata a súa volta ós 30 anos. Na volta a Galicia, no City, é onde os protagonistas Eusebio e Lola, desenvolven a
actividade profesional ó longo da súa vida, ademais da súa historia de amor.
Nesta cafetería, e como na vida real,
conflúen as historias de moitas e moi diferentes persoas. Aínda así, tal e
como di a autora, "ningún ousa entrar nos territorios temporais nin espaciais
dos outros. Cada quen marca con teimosía o seu ferrado -enténdese por mesa-” (Aneiros, 2009: 19).
Patricia é a que se fai co Luzada e é arrendataria do segundo piso, mentres que Eusebio e Lola viven no primeiro e se necesitan mutuamente.
Por exemplo, isto déixase latente cando Eusebio de 82 anos e coa cadeira rota e
medio tolleito e Lola de 68 teñen un contratempo, a causa dun esvarón fatídico, e
teñen que chamar ó 061.
A postura de Patricia ante o
incidente, poderíamos dicir que é dunha proximidade distante, xa que non pode
ignorar o que acontece enriba da súa cafetería. Por outra banda, isto
contrasta coa pasividade dos clientes que acoden coas súas historias á
cafetería, e logo, liscan cara a súa rutina diaria. Patricia era unha estudante
que tivo que deixar os seus estudos para poñerse a traballar e poder saír
adiante. Por isto acorda con Eusebio e Lola o traspaso da cafetería e o aluguer
dunha das vivendas. Ela é unha muller forte, botada para adiante que atendía as
mesas sen protestar e cun sorriso.
Entre as demais personaxes da
historia pódese destacar, a interculturalidade e a mestura xeracional entre as
historias, que cada quen comparte con Patricia e entre eles. Por exemplo,
podemos falar das seguintes personaxes:
- Iqbal é un bo rapaz de epiderme de mel e mirada de monzón
tardío. Este londiniense de orixe paquistaní, viaxou a Santiago de Compostela fuxindo da súa familia e buscando o seu propio destino, á marxe da súa tradición
familiar adicada a un negocio de hostalería. Pero os seus intereses eran poder
acceder á universidade para ser profesor. Este rapaz consegue un traballo
mediante Patricia, xa que ela o pon en contacto con Eusebio e Lola, para que
lle axude a coidar a Eusebio levantándoo e deitándoo, cumpríndolle o
gusto a Patricia. Este home estaba moi occidentalizado, bebía cervexa
aínda que a súa relixión non o permite.
- Mohamed na mesma rúa que a Luzada, cinco números máis adiante, abriu
un restaurante de comida turca. Pola súa
condición, moitas veces sentía que cando ocorría un accidente as olladas caían
nel, e por iso non quería saír do seu restaurante preferindo seguir cortando a
carne. A través da práctica da súa relixión explica o Ramadán, mostrando como se
sacrificaba pasando unha fame doente e achéganos á idea de que o Islam é unha
relixión de paz e convivencia.
- Manuel e o seu avó. Manuel é un neno moi observador que sorbía o
cola-cao na cafetería onde pasaba as tardes xunto ó seu avó, mentres agardaba
polo seu pai. É un neno que foi adoptado en África polos seus pais e perde á súa
nai nun accidente, o que fai que o avó se afaste da familia e viva nunha residencia.
O pai ten moito traballo polo que non pode estar moito tempo co seu fillo. Podemos
ver a Manuel como un neno con carencias afectivas, polas que crea na súa
imaxinación que a súa nai é unha heroína que volverá nalgún momento. Ó final da obra,
cando ocorre o accidente no que a muller se inmola, o pai cambia de actitude
dándolle máis importancia ó seu fillo que ó traballo, ademais, este final fainos
pensar que o avó marcha a vivir con eles á súa casa.
- Filomena e Raúl. Filomena é unha muller grosa, de varices, e
respiración entrecortada que leva a radio coma quen leva un escapulario.
Encargábase de limpar o colexio e a farmacia. O seu fillo, Raúl, estaba no exército
en Darfur, Sudán, cando de repente sofre un accidente e resulta gravemente
ferido. Chaman á cafetería para dar a noticia e, é Patricia quen lle da a
noticia a Filomena. É destacable o feito de que para evitar que Filomena coñeza
a noticia por outros medios, Patricia apaga a televisión.
- Milhomes e Paco. Son dous homes que pasan o día na cafetería, onde ás
veces as súas conversas soben de ton. Sobre o Milhomes sabemos que é un home
que traballa nun taxi, pero que a maior parte do tempo pásao na cafetería. Este
home maltrata á súa muller sen deixala saír da casa, pechándolle a porta, non
lle deixa as chaves, etc, xa que ten medo de que atope outro mellor que a leve,
por iso di É mellor que quede na casa. Onde mellor están as mulleres. Na
casa. Este home ten tres fillos e mesmo netos, e a súa muller é procedente de
Bos Aires.
De Paco podemos
dicir que é un home que non ten unha boa relación, nin cos seus fillos nin coa
súa muller. Isto ocorría por mor de que entre as disputas entre os seus fillos e
a súa muller, el sempre se poñía do lado da muller. É unha personaxe que remata
soa polas súas malas decisións.
- Os alpinistas do monte Gurugú e a muller da túnica. Os alpinistas son dous
irmáns que tratan de saltar o valado da fronteira de Melilla para pasar a
España. Un deles morre no primeiro intento, mentres que o outro volve probar sorte e por fin chega ó mediterráneo, comezando así o seu soño.
Mentres tanto a súa tía, espera na cafetería a chamada dos seus sobriños, unha
chamada que nunca chega.
- Adolfo, Fiño e Lucía. Adolfo é un home que bebe coñac e
toma o café con sacarina, logo de comer dous donuts.Ten que ver ós seus fillos,
Fiño e Lucía, pola fiestra da cafetería cando entran e saen do colexio.
- Aysel e Daray. Aysel é unha muller que trata cos turistas, e que busca en
Istambul, unha pista que a leve ó paradoiro do seu home, Daray, a quen perdeu 3
anos atrás. Desgraciadamente nunca o atopou.
- Quays e Laila. Cando o pai de Laila lle nega a man a Quays, tamén coñecido
como Majnún, este mozo tolea e marcha para unha cova no deserto. Logo da desilusión con esta rapaza soamente
se relacionaba con animais salvaxes, converténdose nun eremita. Nesta situación o que facía este home era inventar
poemas adicados a Laila, os cales os transeúntes lle recitaban a ela. Unha
destas persoas cóntalle a Quays que a xente lle recitaba os seus poemas a
Laila, ademais dille que podería levalo a ver á súa namorada. Quays acepta e
cando a lúa alumeou o rostro da súa namorada, caeu desplomado polo que o levan de
novo á súa cova onde se recupera. Finalmente Laila morre, e cando Quays se da
conta, déixase morrer xunto á súa tumba.
- Ana e Roberto. Ana é unha teleoperadora que bota moitas horas por poucos
ingresos. Gústalle moito tratar coa xente sen vela e é capaz de coñecer a súa
disposición grazas a súa intuición. Poderíamos dicir que é unha psicóloga de a pé a pesar de que aínda non teña os estudos. Faise co traballo non pola súa valía, senón por
pertencer á pirámide máis feble da poboación activa. Deste xeito a empresa
recibe por ela unha subvención. Espertaba a envexa
dos seus compañeiros.
Roberto tiña
moitas experiencias laborais, xa que traballou nunha chea de sitios: pintor, aprendiz de
bombeiro, electricista e violinista. Finalmente chegou a ser repartidor na
oficina na que traballaba Ana.
Como podemos observar nesta obra, hai
un fito histórico que son os atentados de Londres do ano 2005, feito a partir
do cal nace a historia. Nesta historia tamén se tratan outros temas da
actualidade como son: a adopción, a emigración e inmigración, o maltrato, a
violencia de xénero, o terrorismo, os traballos precarios, as penurias que
carrexa a vellez, a morte, a integración e os amores imposibles.
Cremos que a autora con este libro
pretende achegarnos á actualidade dende outro punto de vista, a través das súas
personaxes, que reflicten os temas dos que falamos anteriormente.
Síntese final:
Logo da posta en común levada a cabo
polos membros do equipo de traballo, gustaríanos salientar o feito de que a
obra Ás de bolboreta, aínda que é
unha lectura enfocada a público xuvenil, poderíanos servir para artellar unha
proposta didáctica para a Educación Infantil. Parécenos que pode haber
unha similitude entre o que ocorre na cafetería e o que ocorre nunha aula. Todas apuntamos a que igual que na cafetería, nunha aula, tamén nos
atopamos coa persoa de referencia como é Patricia e que pode ser unha mestra.
Ademais, os clientes poderían ser os cativos que tamén acoden a nós, cada un coa
súa historia, ca que trazan os vínculos que establecen cos iguais.
Cabe destacar que a autora pola súa
profesión de xornalista, achéganos unha visión da actualidade moi realista, dura e triste, a través das historias que artella por medio das diferentes
personaxes. Isto queda claramente recollido na historia dos dous alpinistas do
monte Gurugú, que narra a historia de dous marroquís que tratan de chegar a
Melilla, para poder reunirse coa súa tía. Esta agárdaos todos os días en Galicia
ao carón do teléfono, mentres eles intentan saltar o valado e fuxir da garda civil que trata de evitar que alcancen un futuro mellor.
O libro trata moitas historias
entrelazadas, nas que nós atopamos unha similitude entre Milhomes e Paco, e
entre a parella Patricia e Iqbal e a dos anteriores donos do bar. Isto é debido, a
que recoñecemos fragmentos nos que parece que se repiten as historias co paso
dos anos, como no caso dos segundos ou na actualidade no caso dos primeiros.
Por unha banda, chamounos a atención
o vocabulario empregado que deu pé a que entre nós xurdiran debates sobre a
dureza das expresións, que eran mal soantes como do tipo: mecaghonacona!. Pero, por outra banda, fainos reflexionar sobre os
sentimentos e problemas das personaxes. Ademais, hai que destacar que na
cultura oral este tipo de expresións están comunmente aceptadas e empréganse
con naturalidade, sendo o rexistro que empregan algunhas das personaxes e que
dota de riqueza ao relato. Esta autora séntese identificada e ten as súas
raíces na literatura popular oral, aínda así impáctanos ver escritas estas
expresións. A pesar disto,
consideramos a obra como realista e triste, pero tamén ten un matiz
esperanzador porque a pesar de todo sempre se consegue saír a diante.
Esta é unha obra que nos parece que
se pode adaptar a outros medios, a pesar de que aínda non se realizou ese
traballo. Parécenos que pode dar moito xogo levada ó teatro, pola variedade dos
diálogos e rexistros empregados polas personaxes e porque ademais, os feitos
ocorren nun mesmo espazo volvendo ás orixes da autora.
Bibliografía
Aneiros, R. (2009). Ás de bolboreta. Vigo: Xerais
Ningún comentario:
Publicar un comentario