CONTRASTE ENTRE AS OBRAS MATAPITOS.COM E TEATRO FEROZ
1. ANÁLISE DAS OBRAS
Matapitos.com
Datos fundamentais da obra
Autor: Gloria
Sánchez
Ilustrador: Fran
Jaraba
ISBN: 84.8302.519.1
Editorial: Xerais
Ano de edición:
2000
Análise do contido
Temas e subtemas:
Tema principal:
Matapitos é unha bruxa que entra nunha escola para intentar apoderarse da
enerxía vital dos nenos.
Subtemas:
Xorde unha historia
de amor entre a profesora Casilda e
Mocho o conserxe.
A amizade e o
compañeirismo móstrase na relación entre os nenos da escola, así como na
relación entre a mestra e o conserxe.
Resumo:
A protagonista da
obra, Marta Matapitos, era unha de esas bruxas que vampirizan a enerxía vital
dos nenos.
Xa que os nenos
hoxe en día están moi protexidos, Marta Matapitos ingresou como directora nunha
escola, para estar máis cerca das súas víctimas.
Marta, accedía
dende o ordenador a Ordenator (arquivo de meigas que contiña bruxedos,
apócemas, armas químicas...) e o día que chegou a escola, Ordenator díxolle que
había unha mestra máis sabia que ela: Casilda Belinda.
Marta enfadouse
tanto que enviou a Casilda a aula de tres anos, pensando que se volvería tola
limpando mocos. Pero o que sucedeu foi todo o contrario. Casilda estaba
encantada cos seus nenos e os nenos con ela.
A directora, ao
darse conta de que o perverso plan non lle funcionara, ideou outro: envelenou
un conto e levoullo a Casilda facéndose pasar por unha vendedora de libros.
Casilda abriu o
libro e caeu fulminada, pero Moncho, o conserxe, que estaba namorado de
Casilda, conseguiu desfacer o feitizo botándolle por riba un xarro de auga.
Dende ese intre
Casilda e Moncho namoráronse, marcharon vivir xuntos, e deixaron a escola, polo
que a directora tivo que contratar outro mestre: Maximiliano Caracortada (un home
ruín, desagradable e mala xente).
Maximiliano era o
novo profesor de tres anos. Os nenos tíñanlle medo, e ata chegaron a pensar que comera a unha das súas
compañeiras, e cando o mestre durmía, quixeron quitarlla da barriga, furándoo
con unhas tesoiras.
Para Maximiliano
era un inferno a clase de tres anos, e non quería ir a traballar máis a escola,
pero Matapitos obrigouno. Entón ideou un plan para desfacerse dos nenos:
levounos o monte de excursión e mandounos agocharse, como se dun xogo se
tratara.
Maximiliano esperou
a que se agocharan e marchou para non volver. Cando os nenos saíron víronse sos
perdidos no medio do monte, entón puxéronse a camiñar ata que atoparon unha
casa, unha casa marabillosa, con un xardín de gominolas, patacas fritas e ata un
regato de cocacola. Ademais tiña moitos xogos. O que non sabían os nenos e que
a casa pertencía a malvada directora Matapitos.
Mentres os pais
buscaban desesperadamente os seus fillos, Matapitos tiña aos nenos encerrados
nun cuarto escuro, onde lles daba de comer sopa de sobre para engordalos e logo
sorbérlle-la enerxía. Ademais quería que fosen máis intelixentes e púñalles
durante todo o día un vídeo que repetía constantemente a táboa do seis.
Matapitos ía a
escola cada día para non levantar sospeitas e controlaba aos nenos mediante un
tamagochi espía.
Un bo día Matapitos
quedouse sen forzas e colleu a unha nena para chucharlle a enerxía. Escolleu a
máis lista (a que sabía a táboa do seis) e conectouna o aparello, pero a nena,
que era máis lista ca bruxa, conseguiu burlar a Matapitos e o aparello, liberou
os seus compañeiros e volveron as súas casas sans e salvos.
Casilda, a que fora
mestra de tres anos, regresou a escola, e foi elixida directora. Mentres, Matapitos no cárcere planeaba a súa vinganza.
Un día na escola,
Casilda saíra a facer unhas fotocopias, e Matapitos que conseguira fuxir do
cárcere aproveitou para entrar na aula de tres anos. Os nenos non lle quixeron
abrir a porta xa que a recoñeceron, entón foi a buscar a un centro de
instrución de recrutas que había abandonado un tanque e metralletas, derrubou a
porta da aula, e levou aos nenos metidos no tanque.
Unha vez que
Casilda chegou a escola, un neno que lograra esconderse, contoulle o sucedido.
Casilda marchou na
procura dos nenos, e atopounos nunha gasolineira, onde Matapitos estacionara
para encher o depósito e ir o lavabo.
Mentres a malvada
bruxa ía o lavabo, Casilda aproveitou para sacar aos nenos do tanque e mais
para encherlle o depósito de combustible para aeronaves.
Cando Matapitos prendeu
o tanque saíu voando por os aires.
Casilda volveu a
escola cos seus nenos. E Moncho decidiu volver o seu posto de conserxe para
protexer os nenos e arranxar a escola.
Algúns anos despois
presentouse na escola un notario que buscaba o dono dun zapato de charón negro.
O dono dese zapato era herdeiro dunha pequena fortuna. O zapato foi probado por
todos os mestres pero a ningún lle servía. O zapato era de Moncho o conserxe,
pero nunca foi coñecedor desta historia
porque Casilda decidiu ocultalo para non revolver no pasado.
Estrutura da obra:
A estrutura da obra
é de corte clásico: formulación, nó e desenlace, esta estrutura queda xa
exposta no índice de capítulos, no que títulos como
"Marta Matapitos", "Unha fórmula mortal",
"Algúns anos despois", indican ao lector como evoluciona a
acción ata o seu mesmo final en "Case un final".
A obra comeza
coa exposición da situación inicial, presentando protagonista e aos personaxes principais.
A acción como tal comeza no segundo capítulo onde a protragonista maléfica entra en
conflito cos outros personaxes.
Ao longo dos demais capítulos vanse resolvendo os conflictos ata que nos dous últimos capítulos se relata o final feliz da historia.
Ao longo dos demais capítulos vanse resolvendo os conflictos ata que nos dous últimos capítulos se relata o final feliz da historia.
Solucións e alternativas que ofrece a autora aos temas propostos e explicación da súa intencionalidade:
A maldade da bruxa
protagonista é o tema principal da obra: a loita do ben contra o mal. Trátase
da típica confrontación entre personaxes "bos" e "malos"
que, naturalmente, culmina coa vitoria dos protagonistas bos sobre a malvada
bruxa.
A historia ten como
obxectivo unha aprendizaxe moral: a malvada bruxa con poderes máxicos, forte e
aparentemente invencible é derrotada por personaxes máis pequenos e débiles
pero de maior habilidade e intelixencia.
Neste caso, os
nenos de tres anos, débiles e indefensos , conseguen vencer non só a gran
bruxa, senón tamén o mestre Caracortada. Como nos contos clásicos, nin a idade,
nin o tamaño dos contrincantes impide que os protagonistas bos venzan aos
malos.
Alcance, novidade e consecuencia das ideas centrais da obra:
Como podemos
observar nesta obra existe unha mestura de elementos tradicionais e
contemporáneos ou actuais.
Por unha banda
atopamos elementos propios dos contos tradicionais como que a protagonista
malvada sexa unha muller, xa que neste tipo de contos os homes aparecen sempre
como “magos” e adoitan ser sabios e bondadosos.
Por outra banda nos
contos clásicos, as bruxas, coa súa clásica vasoira voadora, o seu sombreiro en
punta, as súas vestimentas negras e o seu rostro vello e diabólico
transformáronse nunha versión estereotipada das forzas do mal, sempre en eterna
pugna coas forzas do ben. En cambio, en “Matapitos.com” a fórmula
tradicional actualiza o aspecto da bruxa: xa non é tan doado descubrila, ten
unha aparencia "normal" e pasa desapercibida entre a poboación,
quedando impunes os seus peores delitos e maldades.
Fronte á
indeterminación dos contos clásicos, nos que tanto o espazo coma o tempo
aparecen indefinidos e confusos, a autora sitúa a súa historia nun lugar e
un tempo concreto, fala de lugares reais doadamente identificables; de igual
forma, advírtese que é esta unha historia contemporánea, ao igual que no mundo
que rodea o lector, nesta historia existen coches, teléfonos, ordenadores,
internet... Conseguindo con iso un maior
achegamento e identificación entre os protagonistas das súas historias e os
lectores contemporáneos.
Actualidade da temática. Persistencia das problemáticas amosadas e resolución das mesmas:
Matapitos.com é
unha historia intelixente, que se move entre dous planos ben diferentes: unha
trama clásica de unha bruxa malvada e unha historia fantástica de maxia e
acción do máis actual.
Nesta análise
observamos como a autora combina tradición e innovación nunha historia
ocorrente e moi divertida que pode estar dirixida a lectores de calquera idade,
época e lugar.
Teatro Feroz
Datos fundamentais da obra:
Autor: Gloria Sánchez
Ilustrador: Xan López Domínguez
ISBN: 9788482883069
Editorial: Galaxia
Ano de edición:
1999
Análise do contido
Temas e subtemas:
O libro está
composto por tres obras independentes pero todas eles teñen un elemento común:
animais que adoptan comportamentos humanos. Ademais todas elas teñen como
obxectivo unha lección moral.
Na “Ratiña Feroz” o
tema principal é o amor. A ratiña busca o amor ideal en distintos animais. En
“Zongalo Quirico”, o engano, lévao a quedarse sen amigos, e en unha Farsa Bufa
o home é tratado como un obxecto que se pode comprar.
Resumo:
O libro está
composto por tres obras de teatro.
A primeira,
titulada “A ratiña feroz” narra como unha ratiña atopa no chan unha moeda de
ouro. Cando a ratiña vai a tenda disposta a comprar unha morea de cousas o
tendeiro examina a moeda decátase de que non é de ouro e que non lle serve para
comprar nada. A ratiña desgustase tanto que o tendeiro para animala lle regala
un lazo para poñer no rabo.
A ratiña toda
contenta marcha a presumir diante dos mozos. A pretendela foron o porco, o
burro e o galo. Pero ningún agradou a ratiña, xa que, segundo ela, fan uns
ruídos moi desagradables pola noite.
Por último chegou o
rato despistado, que se esquecía de pretender a ratiña. Ela recordoullo e
finalmente pediulle para casar, e como o rato de noite durme e cala a ratiña
aceptou a proposta.
Unha vez xuntos, na
cociña da súa casa, Rato empezou a ter fame, e Rata dicía que estaba a dieta
polo tanto non cociñaba nin comía. Entón Rato dispúxose a preparar un caldo, e
caeu na ola. Cando Rata volveu a casa non atopaba a Rato, pero non puido
resistir o olor do caldo e púxose a comelo ata que se deu conta de que Rato
estaba no caldo.
Rata, do desgusto
só sabía chorar. Tal foi a tristeza que a vasoira varría sola, a nube púxose a
chover, o sol deixou de quentar e a raíña pisou a coroíña.
A segunda obra
titulada “Zongalo Quirico”, conta a historia dun galo (Quirico), que vai a
perruquería de Verme a tinguir as plumas, xa que está convidado a festa do Tío
Perico. O Galo fanfarronea de que será unha festa a rachar, para xente
distinguida e con moita comida, e a Verme, éntranlle ganas de ir a festa e
pídelle ao Galo que o leve con el. Galo que empeza a ter fame engana a Verme,
dille que o levará agochado no papo e aproveita para comelo.
Logo chegan a
perruquería Herba, Ovella, Lobo, Pao e Lume e Galo pídelles que lle limpen o
pico pero estes decátanse de que Galo comeu a Verme e néganlle a axuda.
Galo chega a festa
do Tío Perico co peteiro sucio, e este invítao a bañarse nunha cazola. Cando se
mete na cazola dase de conta de que a auga está fervendo e que as intencións de
Tío Perico (que en realidade é o Zorro) eran facer Galo cocido para xantar.
A terceira e última
obra titúlase “Unha farsa bufa”. Narra a historia de unha muller que vai a
tenda comprar un marido (grande, co pelo cor acibeche, os beixos de cereixa,
que saque o can a mexar, o lixo o colector, que saiba arrolar o neno e que
herdara moitas leiras). O tendeiro ofrécelle a Manolo. E de regalo tres
chourizos. Á muller non queda moi convencida e o tendeiro rebáixalle o prezo, e
ademais dille que se non queda satisfeita pode devolvelo.
Estrutura da obra:
As tres obras teñen
en común unha breve extensión propia dunha fábula e manteñen unha estrutura
interna común simple e propia dos contos: introdución, nó e desenlace. Estes
contos non comezan como os tradicionais "Érase unha vez...
" pero manteñen a característica dos contos infantís: historias
protagonizadas por animais ou seres inanimados que falan e que comparten
sentimentos e actitudes propias dos humáns.
As dúas primeiras
obras están divididas en dous actos. A terceira, “Unha farsa bufa”, está composta
por un único acto.
A división en actos
corresponde co corte da trama: inicio, conflito ou desenlace. No conto da
Ratiña Feroz o final do primeiro acto supón un primeiro desenlace do conto: a
Ratiña atopa o amor. No segundo acto atopamos unha segunda parte na que a
felicidade dos ratiños se ve troncada pola morte de Rato.
No conto “Zongalo
Quirico” o cambio de acto supón un conflito sen resolver, e móstrase o
desenlace no segundo acto.
Solucións e alternativas que ofrece a autora aos temas propostos e explicación da súa intencionalidade:
A intención comunicativa
deste tipo contos con moralexa ou fábulas é ofrecer un ensino moral. Son
principalmente dirixidos aos nenos xa
que son protagonizados por animais que exemplifican comportamentos humanos.
Alcance, novidade e consecuencia das ideas centrais da obra:
Nesta obra podemos
apreciar algunha característica típica dos contos tradicionais en canto a
transmisión de estereotipos sexistas:
No caso da Ratiña
Feroz, a protagonista móstrase superficial, de feito, os animais que a
pretenden namóranse dela pola súa beleza. Ademais, nesta historia, son os homes
os que pretenden a dama. Por outra banda, o marido, Rato, pídelle a Rata que
lle faga a comida como se fose a súa obrigación.
No mesmo conto,
tamén podemos observar elementos máis actuais como a negación de Rata a
facerlle a comida o seu marido, ou que sexa ela a que toma a decisión de casar,
cando antigamente era decisión do home.
Unha vez analizados
estes puntos podemos dicir que esta obra mestura elementos tradicionais con
elementos actuais.
Actualidade da temática. Persistencia das problemáticas amosadas e resolución das mesmas:
Algunhas das obras
que compoñen este libro gardan certa semellanza con contos tradicionais como “A
ratiña presumida” e “O galo Quirico”.
Tanto os contos
tradicionais mencionados como a obra analizada teñen en común parte do
argumento e o ensino moral.
Por este motivo
podemos dicir que son unha versión actual destes contos tradicionais con
elementos añadidos.
2.CONEXIÓNS E REPERCUSIÓNS DAS OBRAS
Teñen temas en común?
Os principais temas
en común que nos atopamos en ambos contos son: o amor e a amizade. En Matapitos.com vemos o tema do amor entre
Casilda ( a mestra) e o conserxe; en Teatro
Feroz tamén vemos este tema na
primeira das obras, A ratiña feroz, na
que vemos que a ratiña busca o seu amor ideal.
O tema da amizade en Matapitos.com
vémolo no compañeirismo que hai entre os nenos e nenas, un claro exemplo é
cando se poñen todos de acordo para evitar que a malvada bruxa entre na aula
para collelos. En Teatro Feroz tamén
temos presente este tema en cada unha das obras, en Ratiña Feroz preséntase a amizade en varias ocasións, un claro
exemplo é cando o tendeiro lle regala un lazo para o pelo, ou ben cando as
nubes e o sol reaccionan de distintas formas pola tristeza que sofre a ratiña.
Por outra parte, en Zongalo Quirico o
tema da amizade vémolo cando o galo come ao vermillo e lle pide a outros
animais que lle limpen o pico pero ninguén o fai porque o galo non se comportou
correctamente ao comelo.
Hai algún trazo concreto que considerades “ propio” da escrita desa autora?
O principal trazo
en común é que nas súas historias teñen presenza contos tradicionais que ela adapta
e lles da outro punto de vista, pero o significado do conto segue a ser o
mesmo. Por exemplo en Matapitos.com,
preséntasenos a bruxa da escola e o seu
ordenador como se fose a malvada bruxa de Brancaneves e os sete enaniños co seu espello máxico.
Outro exemplo deste rasgo é cando os nenos atopan no bosque a casa encantada,
ateigada de chucherías e que un dos nenos fai un carreiro de migas de pan ata
ela, igual que no conto de Hansel e Gretel.
En Teatro Feroz, tamén se nos da algo semellante, o
libro está composto por tres obras de teatro tradicionais que a autora adapta.
A primeira das obras é A ratiña feroz, que
se corresponde coa Ratiña presumida
tradicional, a segunda obra é Zongalo Quirico e a terceira Unha Farsa Bufa.
Cal vos interesou máis? Por que?
A que máis nos gustou foi Matapitos.com, xa que nos
pareceu máis entretida e divertida. Ademais os fragmentos que introduce de
contos tradicionais, captaron a nosa atención, xa que nos parece unha idea moi
interesante e enriquecedora á hora de traballar con este libro na aula. Cremos
que é algo que pode chamar a atención dos máis pequenos e á vez que
introducimos unha historia na aula podemos introducir tamén historias
tradicionais.
Cal pensades máis acaída para traballar nas aulas?
Como dixemos
anteriormente a obra que nos parece de maior interese para traballar na aula é Matapitos.com , xa que pode dar a opción
de realizar múltiples actividades dirvertidas e inxeniosas para os máis
pequenos. Con isto non queremos dicir que Teatro
Feroz non sexa unha boa obra, pero quizais se limita máis á representación
teatral, por iso nos inclinamos por Matapitos.com.
3. SÍNTESE FINAL
En xeral a todos os
membros do grupos nos gustaron as dúas obras sobre as que traballamos, en
especial Matapitos.com. Algo que nos
chamou a atención desta autora e que fixo que as súas obras nos engancharan e
nos motivaran para indagar sobre a súa
literatura foi o feito de reescribir o conto marabilloso tradicional. Xa que
este tipo do conto fantástico popular que, transmitido de xeración en xeración,
se fixo clásico da literatura infantil, baixo o noso punto de vista segue
suscitando interese.
A lectura da obra
desta autora é moi amena, con certos rasgos de humor que motivan ó lector,
convertendo o momento de lectura nun momento lúdico e de diversión. Isto é algo
que nos gusta e que vemos de gran interese á hora de traballar con estas obras
na aula, xa que a diversión e o aspecto lúdico na lectura é algo fundamental
para que o alumnado se sinta motivado, e non vexa o hábito lector como un
aburrimento.
4. REFERENCIAS BIBLIOGRÁFICAS E WEBGRÁFICAS
Román García José Carlos. Libro
abierto. Recuperado de: http://www.juntadeandalucia.es/educacion/webportal/web/portal-libro-abierto
Benjamín Hernández. Analizar
una obra de teatro. Recuperado de: http://suite101.net/article/como-analizar-una-obra-de-teatro-a31621#.VTJ0bfmsXw8
Ningún comentario:
Publicar un comentario