martes, 1 de abril de 2014

Achégadevos a Amar e outros verbos

    Con moita mágoa temos que dicirvos que este será o derradeiro post que publiquemos sobre a autora Ana Mª Fernández, polo que o dedicaremos a unha visión máis práctica do seu poemario principal, Amar e outros verbos, xa que, ao fin e ao cabo, a labor que desempeñaremos como docentes nun futuro é achegar a lectura aos nenos/as da nosa aula de Educación Infantil. Seguides interesados? Pois continuade a ler!

    Para fomentar a lectura e o gusto pola mesma entre o noso alumnado deberemos propoñer secuencias didácticas creativas, motivadoras, isto é, que capten a súa atención. Facendo un recordatorio por entradas anteriores saberedes que este poemario permite achegar os versos ao público xuvenil, e a pesares de ter un léxico complexo de comprender, nós tentaremos levalo a unha aula dos últimos cursos do segundo ciclo (4-5 anos).
    Deixade voar a vosa imaxinación, tal e como o farían estes nenos/as. Esperamos que vos guste!
 O tema principal que abordaremos é o relacionado coas emocións, xa que consideramos que nesta primeira etapa da vida é moi importante que os nenos e nenas as recoñezan e lles saiban dar nome, así como o motivo/s que as causan. Outras temáticas que trataremos son diversos aspectos da vida cotiá como o camiñar, escribir, medrar, etc.

    Os obxectivos que pretendemos desenvolver con esta secuencia didáctica son os seguintes:
•  Achegar a literatura e, en concreto, a poesía aos nenos/as.
•  Fomentar a lingua oral.
•  Recoñecer os sentimentos e os estados de ánimo propios e alleos.
•  Fomentar o uso das novas tecnoloxías dun xeito responsable.
•  Fomentar o gusto pola lectura e a escritura.
•  Mellorar a motricidade.

    Para dar comezo as actividades, leriámoslles os poemas da obra sobre sentimentos contrapostos (rir, enfadarse, chorar...) e tamén os que tratan temas cotiás como envellecer,medrar, escribir e andar. As propostas que elaboramos son as seguintes: 

Como nos sentimos hoxe?: Para esta actividade ensinarémoslles aos nenos/as varios flashcards con debuxos que representan diferentes emocións. Posteriormente, pedirémoslles aos nenos/as que elixan aquela tarxeta coa que se sintan identificados e que nos expliquen o por que.

Nenos e nenas con diferentes características (diversidade)

Flashcards de sentimentos elaborados por nós



•  Relacionamos as emocións: Poñerémoslles un vídeo de curta duración con imaxes de varias caras que amosan estados de ánimo, así como o nome deles en dúas linguas, inglés e en castelán.


  Despois disto presentarémoslles unhas imaxes de distintas situacións (nenos/as xogando no parque, xogando sos, nenos/as con feridas, unha praia, un colexio…) e a continuación indicarannos como se sentirían ante esas situacións. O que pretendemos e que recoñezan as distintas emocións e as relacionen cunhas situacións determinadas.


•  Dramatizamos: Empregaremos diversos monicreques elaborados por nós para interpretar determinadas frases sobre diferentes estados de ánimo. Despois pedirémoslles aos nenos/as que imiten eses sentimentos cos xestos que eles consideren oportunos. Todo isto acompañarémolo de música suxerinte que axudarán a identificar esas emocións.

Teatrillo con monicreques elaborados por nós


•  Todo medra? Para tratar o tema da vida e o crecemento dos seres vivos faremos un experimento entregándolles un ser inerte coma unha pedra e un ser vivo como unha semente, xa que os nenos/as poden pensar que a semente tampouco medra, porque non todos saberán a orixe das cousas diarias. Para saber cal medrará plantaremos ambas en vasos de plástico cubertos de algodón para que os poidan observar. Con isto fomentaremos a responsabilidade dos nenos/as, xa que deberán regalos todos os días ata que se decaten de que será a semente a que xermine e vaia medrando.

Semente xerminada


•  Facémonos maiores: Abordaremos o tema do crecemento cos propios nenos/as pedíndolles que traian fotos de cando eran bebés e comentar se pensan que agora son iguais. Podemos repetir o mesmo con fotos dos seus pais/nais e dos seus avós/as, semellando unha árbore xenealóxica da infancia.

Foto semellante ás que traerán os nenos/as


•  Enviemos as nosas mensaxes: Lerémoslles aos nenos/as o poema do verbo "Escribir", o cal comeza cuns versos moi suxerintes:


Elaborando o buzón






Os poetas escriben
con lapis namorado,
con tinta de laranxa, [...]
Os poetas escriben
porque soñan[...] (p.30)

 






Compoñendo o buzón





    Despois de motivar nos nenos/as o gusto pola lectura e pola escritura tentaremos que sexan poetas ou escritores por un día. Para isto realizaremos uns sobres que os nenos/as empregarán para introducir os seus escritos. Ademais, elaboraremos uns buzóns por cada neno e nena que temos na aula, nos cales irán depositando as súas cartas a aqueles compañeiros/as que eles queiran.
 






Elaborando os sobres






   Como son nenos de 4-5 anos, a súa lectura e escritura non son precisas,   polo que lles axudaremos a ler as cartas e a escribilas transcribíndoas por debaixo das súas frases.
  Con todo isto pretendemos que o alumnado coñeza a funcionalidade da lectura e da escritura e disfruten empregándoas.










Introducindo as cartas


•  Os versos motores: Para a elaboración desta actividade empregaremos varios poemas coma por exemplo o que trata sobre o verbo "Andar" e pedirémoslle aos nenos/as que se movan por toda a clase mentres llo imos recitando. Uns versos deste poema que nos permitirían levar a cabo esta proposta son os seguintes:
"Podemos andar con pés enormes
de xigante, que se cravan na terra,
con pés pequenos
de teixugo ou de esquío,
con pés nerviosos[...],
con pés pesados,
de chumbo ou de penedo[...]" (p.13)



   Malia que nun primeiro momento esta obra parecíanos complexa para tratar en Educación Infantil, pero, despois de analizala polo miúdo este mes, decatámonos de que pode dar xogo para tratar temas interesantes e necesarios nesta etapa tales como: o ciclo da vida, os diferentes sentimentos e emocións, a funcionalidade da lectoescritura...
   En xeral, con esta secuencia didáctica pretendemos que os nenos/as valoren a poesía e se divirtan con ela, con propostas creativas, atractivas e motivantes.

    Futuros mestr@s animádevos a empregar os libros de Ana Mª Fernández nas vosas aulas e a poñer en prácticas as actividades que vos propuxemos neste post. Aos nenos e nenas encantaranlles!



WEBGRAFÍA:




Entrada realizada por:
Lorena Fernández Rodríguez
Natalia Sangil Regueiro
Lara Mª Silva García
Ana Varela Darriba
Ángeles Vázquez Coira

Ningún comentario:

Publicar un comentario