luns, 24 de marzo de 2014

Visión das personaxes femininas

Neste post imos facer unha pequena descrición e reflexión das personaxes femininas que aparecen na obra O misterio dos fillos de Lúa

Lúa é a propia protagonista, isto é, dálle nome á historia. Sen a súa existencia non habería misterio que resolver. É unha gata branquiña, cunhas unllas longas pero, non rabuña, a súa lingua é áspera e pódelle aos cans coa súa forza. A desaparición dos gatiños que tivo son o motivo polo que, Branca e David, comezan as súas pescudas para resolver a trama. 

Branca é unha nena de 9 anos, que colabora co seu mozo, David, na resolución do misterio, tendo o mesmo papel ca o neno. Branca é unha nena moi guapa que, segundo David “ten os ollos bonitos, o pelo longo e bonito, a cara bonita, a voz bonita e tamén é a máis lista de todas”. Preséntase como unha personaxe intelixente e astuta que, aporta as ideas fundamentais na investigación. Consideramos que esta visión é así, porque está descrita dende o punto de vista dun neno e ve a Branca como un ideal, co que soñamos cando somos pequenos, aspecto que vai cambiando na adolescencia e na madurez, cando xa empezamos a ser conscientes de que as persoas temos defectos.  

Outros personaxes femininos, pero cunha participación secundaria, son  a nai, a tía e a avoa de David. A nai é unha muller que, a pesar de que non ten moito aprecio pola gatiña e de que se comporta ás veces de xeito histérico, é unha boa persoa, lista e tamén moi guapa; aínda que, non tanto coma Branca, segundo confesa David. Esta visión tamén é típica dun neno xa que aínda non está condicionado por moitos pensamentos da sociedade. Posiblemente dentro duns anos verá a súa nai menos idealizada. 

A tía, Sita, aparece na historia para coidar de Lúa, mentres o resto da familia marcha de vacacións. É algo despistada porque durante ese tempo, a gatiña fuxiu varias veces, pero sempre axudaba a ir na súa procura. Pensamos que a figura da tía aparece como ese familiar ao que sempre recorremos cando necesitamos algo, mais ,no día a día, non lle prestamos demasiada atención. 

Por último, a avoa, descrita como unha anciá media tola, debido a que, sofre demencia, tamén lle ten teima aos gatos. Sempre lles di a Branca e a David, o que pasara cos gatiños de Lúa, pero nunca lle facían caso. Finalmente, cando se desvelou o misterio, resultou que a avoa non estaba tan tola como parecía, xa que tiña parte de razón. Esta visión é propia dun neno cando temos un familiar con demencia e non entenden o transcurso desta enfermidade. 

Consideramos que a presentación do papel de Branca e de David de xeito igualitario á hora de levar a cabo a investigación, é interesante para fomentar na aula un valor de igualdade, aspecto que, por desgraza, aínda non está de todo consolidado socialmente. 

AUTORAS:
Saínza Paz Caamaño
Susana Pereiro López
Jéssica Silva Rodríguez
Marta Sobrado Díaz
Verónica Tuñas Gómez

Ningún comentario:

Publicar un comentario