domingo, 30 de marzo de 2014

Sen límite de idade: maxia para todos!


Si, estamos de volta e a verdade e que fixémonos de pregar un pouquechiño pero merece a pena. Segue a ler...
                      
Esta nova aventura consiste en facer unha adaptación de "Sólo un Pie Descalzo" para o alumnado de educación infantil, co fin de amosar que moitas veces non deberiamos poñer límites respecto aos destinatarios dun libro. Acompáñasnos unha vez máis?

Como xa comentamos en entradas anteriores e se non nos perdiches a pista, saberás que a esencia de "Sólo un Pie descalzo" é a maxia e a fantasía, ademais da atención particular que Matute lle outorga á diversidade, ás diferenzas. É nesta liña pola que decidimos levar a cabo da man de Gabriela, esta pequena proposta didáctica, ao ser por desgraza, a discriminación e a marxinación un tema presente en tódalas etapas educativas, e, polo tanto, consideramos de vital importancia o tratamento da diversidade e dos prexuízos dende a base do sistema educativo.

Os obxectivos que pretendemos acadar son os seguintes:
- Atender á diversidade e ao valor da inclusión social
- Consolidar o coñecemento do esquema corporal
- Fomentar o interese pola lectura
- Fomentar valores como o respecto ou a diversidade
- Traballar de maneira conxunta e cooperativa mediante o debuxo e traballos manuais
- Potenciar o corpo como medio de expresión corporal

Proposta didáctica
En primeiro lugar, decidimos levar a cabo un conto introdutorio que amosamos a continuación:



- Onde está o meu zapato? Outra vez volvín perdelo … Ah! Ola, non me decatara de que estabades aí. Chámome Gabriela e son tan tan pequena que nin os maiores nin os rapaces me ven, eu creo que non me queren e que tampouco me escoitan. Vos védesme? – preguntou Gabriela.





- Vaia… pois entón o meu amigo Homolumbú axudaravos a debuxarme tal como e son.
- Nenos e nenas, eu son Homolumbú e…
- Ei, ei, máis a modiño! Nosoutras tamén somos as súas amigas! – exclamaron as teteiras.


- Ben … Entón como o podemos arranxar? Xa sei! Farémolo entre todos/as: Homolumbú, a teteira, o cucharón e o azucreiro axudaranvos a imaxinar como son. Poñámonos mans a obra! – propuxo a nena.
- Pois Gabriela ten a cara redonda, con dous grandes ollos como dous soles, e unhas orellas moi grandes para escoitarvos mellor. – dixo Homolumbú.


- A nariz e a boca son pequenas xa que a ela non lle gusta falar porque lle parece que naide a escoita. – matizaron as teteiras.
- Ademais, é baixiña, co pelo louro como o ouro e sempre leva dous chichos, e é branca como a neve. – comentou o azucreiro.
- Sabedes que? Ten unhas mans como as de unha pianista … E… unha cousa!  Sempre, sempre, leva o pixama posto cando está na casa. – aclarou Homolumbú.
- Non vos esquezades de que acostuma a levar un pé descalzo! – lembraron todos/as á vez. A vosoutros/as gustaríavos xogar con ela?



- Moi ben! Como xa sabedes, debemos xogar con todo o mundo porque así é moito máis divertido, ou non?
- Que vos parece se xogamos todos/as xuntos no noso rinconciño? – preguntaron as teteiras.


            Como vedes trátase dun conto interactivo, mediante o que pretendemos que os nenos/as participen á vez que perciben as diferenzas de Gabriela respecto aos demais. Deste xeito o debuxo desenvolverase de maneira conxunta e colaborativa, xa que se trata dun debuxo que irá rotando por todos/as membros dun mesmo equipo, é dicir, a medida que se vai describindo os atributos de Gabriela, vanse rotando o folio. Así, un mesmo neno/a poderá debuxar a cara de Gabriela nun folio e as orellas no do compañeiro/a, de maneira que o resultado que se acadará consistirá nun debuxo realizado entre todos/as.

                                       
                                                         

- Recreación dun espazo: tan real como a vida mesma, recrearemos na aula un espazo da cociña o máis parecido á realidade. É dicir, con elementos e utensilios reais, que amosen ser como aqueles erroneamente etiquetados como vellos e inservibles. Deste xeito, os nenos/as decataranse de que son utensilios como outros calquera cos que o pasan igual de ben.


 - “Se eu fose ti”: unha actividade sen dúbida moi divertida que causará máis dunha risa entre os cativos/as e mesmo a mestra/e, e non se trata de máis que de poñerse na pel dun compañeiro/a empregando unha careta. Así, nos nenos/as fomentarase o respecto polos demais e así mesmo, a capacidade empática de cada quen.
                 

- “Derribando prexuízos”: trátase dunha actividade cun fondo especial, pois consiste no que coñecemos como xogar aos bolos, pero neste caso, estes simularán ser prexuízos e etiquetas, e serán os nenos/as os encargados de derribalos, simbolizando así a acción de xogar aos bolos.




- Cantamos e bailamos a canción “Soy una taza” dos Cantajuegos. É un exercicio de carácter motriz no que os nenos e nenas deberán expresarse a través do corpo ao tempo que imitan trazos característicos de diversos utensilios de cociña que forman parte da vida cotiá de calquera fogar. http://www.youtube.com/watch?v=fTzTFQbdYEQ

- “O zapato de Gabriela”. Nesta actividade o que se pretende é que entre todos/as os alumnos/as fagan o zapato que tantas veces perdeu Gabriela ó longo do libro. Para elo cada grupo pequeno de traballo aportará detalles do zapato ata que quede rematado. Empregarán multitude de materiais como plastilina, cartolinas, ceras, diferentes tipos de papel, etcétera.




Por último, engadimos un vídeo realizado por nós no que amosamos a través de varias fotografías cal é a visión que ten Ana María Matute sobre a personaxe denominada Gabriela, protagonista, como xa sabemos, do conto “Sólo un pie descalzo”. 


Esperemos que vos gustase esta nova aventura blogueira! Non dubides en deixar o teu comentario, tanto se che gustou como se non, axúdasnos a mellorar :)

Twitter: @pie_descalzo

Pamela Campos Andión
Beatriz Castiñeira Barreiro
Ana De La Calle López
Rocío Fernández Rodríguez
Raquel Fernández Sanfiz


Ningún comentario:

Publicar un comentario