venres, 28 de marzo de 2014

Secuencia didáctica dedicada a Beatrix Potter:

Nesta ocasión decidimos achegar ós máis pequenos a Beatrix Potter a través dunha secuencia didáctica relacionada cos seus contos, que serán o punto de partida da mesma. Para isto, proporemos diversas actividades dentro dunha mesma liña temática, a natureza, a maioría delas, enfocadas á vivencia por parte dos nenos/as de diferentes experiencias co medio. Partimos deste aspecto porque nos parece moi lúdico e interesante para traballar co alumnado de Educación Infantil e tamén porque é un elemento permanente en cada historia. Anímate e participa!

Os obxectivos que se desenvolverán coa realización destas actividades son variados; aínda que o principal é coñecer a natureza e o contorno que nos rodea e na medida que sexa posible interaccionar con el.




O primeiro día leremos o conto do coello Perico e falaremos sobre el para que despois nos dea pé a facer as seguintes actividades.












A primeira delas será plantar un horto no xardín do colexio, onde todos os nenos e nenas participarán para sementar e recoller cenorias, tomates e cogombros. O fin disto é observar os cambios naturais e coñecer de onde proveñen algúns alimentos.






Nos seguintes días acolleremos un novo compañeiro de aula, un coello, ó que lle chamaremos Perico. Co desexo de que o noso alumnado adquira responsabilidade sobre o animal e os seus coidados, pero tamén observe os seus comportamentos.












Para aprender un pouco máis sobre como coidar este animal poñeremos o filme “Miss Potter”, baseado na vida de Beatrix Potter.









Faremos unha excursión ó río onde iremos de pesca como algún dos personaxes dos contos que se van contando na clase. Neste caso a finalidade é que, ademais do medio terrestre, coñezan outros hábitats.






Para facer unha paréntese nestes aprendizaxes ,pero sen deixalo de lado, dedicaremos un día a aprender as cancións que aparecen no conto e outro día a unha clase de relaxación ó ritmo da música da banda sonora da película antes mencionada.





O noso seguinte propósito será facer unha empanada despois de escoitar o conto “a empanada e o molde”. A intención é practicar a motricidade fina moldeando un elemento diferente á plastilina, ademais de facer unha actividade de cociña.




Ó acabar de ler os contos, faremos unha votación para saber cal foi o que máis nos gustou, e así facer a representación teatral deste. O propósito é sentir o goce coas actividades dramáticas e representación.












O día que recollamos as cenorias do horto faremos un pastel con este vexetal, porque somos moi lambóns e lambonas!





Para rematar a nosa secuencia didáctica, faremos unha visita a unha granxa na que o propósito é que veña unha pai e unha nai por alumno/a. Alí poderemos observas diversos animais uns mencionados e outros non nas historias de Beatrix Potter. A meta é afianzar a relación familia – escola, e pasar un anaco moi divertido!


Durante a realización de todas estas actividades, á hora da merenda teremos as semanas das froitas e dos vexetais. Nesta última, colleremos produtos da nosa horta ecolóxica e o obxectivo desta actividade é adquirir hábitos saudables e unha alimentación equilibrada.

As  nosas perspectivas de éxito en canto á nosa proposta son altas, debido a que son actividades moi dinámicas e de variado contido. Isto favorece a interacción entre os nenos/ as e que o aburrimento non teña lugar na nosa aula. Ademais, valorase moito o traballo que imos realizando día a día, pois todo o que facemos ten un resultado moi gratificante para os nenos/as.

Con isto esperamos que os cativos que teñan a oportunidade de vivir estas experiencias descubran o marabilloso mundo rural! 


Imaxes sacadas de google.

Autores:
Luis Herrero Losada
Fátima Iglesias Núñez
Begoña López Ansemil
Tamara Mato Mella

Ningún comentario:

Publicar un comentario