xoves, 27 de marzo de 2014

Lemos, aprendemos e soñamos

"Lemos, aprendemos e soñamos" é o subtítulo con que quixen titular este blog. Porque sabía que, dalgunha maneira, eran as tres accións que iamos facer repetidamente todas e todos -incluída eu- os que participamos nesta bitácora. Porque tiñamos que ler, tiñamos que aprender e tiñamos que soñar. Ningunha de nós, ningún de nós sabía en que orde fariamos cada unha destas cousas, pero si estaba claro que as tres se ían combinar para que o traballo coas -xa nestas alturas- "nosas" escritoras fose saíndo adiante.

Precisamente, porque estamos aprendendo, é posible que en certos posts haxa grallas: algunha fonte mal citada, unha confusión cun nome do personaxe e mesmo... -isto tamén pasa- algunha falta de ortografía. Debido a todo isto, pode suceder que leses unha entrada unha vez e que, días despois, se volviches á mesma, te atopases con que está modificada. Pode conter máis datos, ter unha orientación máis crítica, ou estar mellor escrita. Porque queremos lembrar, querida lectora, querido lector, que isto é -principalmente- un blog de aprendizaxe, inda que tamén de difusión e de coñecemento das obras das que son algunhas das escritoras de literatura infantil e xuvenil máis significativas de diferentes latitudes. Por iso, esta mesma bitácora podería chamarse "relemos, reaprendemos e volvemos soñar". Porque escribir, neste caso, é moito máis un proceso ca un fin.


Montse Pena Presas
@penapresas

A fotografía que acompaña esta entrada é de Iria Pena
@penovska

Ningún comentario:

Publicar un comentario