Lendo o xornal La Voz de Galicia do venres 14 de marzo, atopamos un pequeno artigo de Marilar Aleixandre, e pareceunos oportuno compartilo convosco:
"Hai feiras nas que se trocan queixos, noutras vacas e bois e noutras camelias. O Salón do Libro é unha feira especial: nela trócanse soños. Ao contrario dos queixos, os soños, por seren inmateriais, non se poden mercar con cartos. Que facer para levar un soño novo? As soñadoras, os soñadores adoitan agasallar con soños a quen visitan o Salón. Dificilmente podería ser doutro modo, os soños son valiosos de máis, nin todo o ouro do mundo podería mercar o máis pequeneiro. O único que se pode trocar por un soño é outro soño. No salón hai soños que voan contados a través do aire e outros que acougan escritos no papel. As historias contadas son como polas novas que agroman da árbore, a madeira flexible dos vimbios ou das codias de castiñeiro usadas para armar cestos. Porén o traballo de escribir, como a carpintaría, consiste en dar forma ás historias coas trenchas, puílas coa garlopa, ás veces cortar un anaco que sobra coa serra. Sexan cestos ou pezas de ebanista, os soños son necesarios para alimentar a imaxinación. Precisamos soños para que a nosa imaxinación medre, para percorrer os sete mares a bordo de goletas ou dornas, mesmo sen movernos da casa mentres fóra brúa o temporal. Soños para atravesar fronteiras fechadas con arames de espiño, con coitelas que parecen instrumentos musicais, mais só tanxen unha melodía atroz. Para atravesalas nós e que outros as atravesen. Para soñar nós e para compartir historias e soños. Un soño compartido é máis forte, perdura a través de anos e séculos e até os nosos días a historia da rapaza que conseguiu escapar das gadaloupas de Barba Azul, o seu home que pretendía asasinala, coa súa afouteza e a axuda da súa irmá, a historia de Rañolas, ou a da guerra de Troia. Aínda que hoxe quedan poucas lareiras para xuntármonos en torno a elas e escoitar ou contar historias, temos o lume do salón prendido cada ano, para quecernos ao amor dos libros. Esta é a nosa feira de construír soños compartidos, a nosa dorna, a nosa lareira iluminada pola luz dos libros".
Ningún comentario:
Publicar un comentario