Casalderrey, Fina (19964). O misterio dos fillos de Lúa. Madrid: SM (118 páx). ISBN: 84-348-4674-8. [1.ª ed. 1995].
O tema principal desta obra é a aventura; a acción de descubrir un misterio e as diferenzas que hai entre o mundo infantil e o adulto. Outros temas que se tratan nesta obra son a amizade, os primeiros amores da infancia e a ilusión de dita etapa, as relacións coa familia e o apego dos nenos aos animais.
A obra está protagonizada por un neno de 8 anos, David, que xunto ca súa moza Branca trata de descubrir o misterio dos fillos da súa gata Lúa, que sempre desaparecían despois de nacer. A través dunha viaxe cara o pasado, a autora asume a voz do protagonista e narra os inicios da chegada á casa da gatiña Lúa, que foi atopada por Xocas, o irmán de David, que a levou para a súa casa porque lle daba mágoa que estivera abandonada. Os pais, e en especial a nai de David, nun primeiro momento non estaban de acordo en adoptar a mascota. Co paso do tempo, a gata foi collendo o seu lugar na casa desta familia, ata chegar ao punto de que un día decidiu aumentar a familia e tivo descendencia; uns preciosos gatiños que, misteriosamente, desaparecen en dúas ocasións. David e Branca non entendían o por qué desta desaparición e por iso decidiron converterse en detectives ata conseguir resolver o caso. Nesta investigación hai varios sospeitosos pero o verdadeiro culpable é o menos esperado para todos.
En canto a estrutura da obra, consta de 28 capítulos que, como xa adiantamos, enlázanse mediante unha viaxe ao pasado a través da cal se vai resolvendo o misterio e se fai un proceso de toda a investigación que realizan os nenos para desvelar o enigma.
Ao longo de toda a obra, a autora, aborda a historia dende o punto de vista dun neno cos seus pensamentos e razoamentos propios; isto non é habitual xa que nos libros infantís o máis común é poñerse de parte dos adultos.
Fai referencia ao vencello dos problemas do neno coa realidade, dende unha perspectiva real, é dicir, trata de non taparlle os ollos e facerlle ver a realidade máis próxima.
O amor entre os nenos relátase dende ese mesmo punto. Unha ilusión que vai a durar para sempre, aínda que despois a realidade probablemente vaia a ser máis dura.
Ademais, os nenos móstranse como personaxes moi valentes, capaces de enfrontarse eles sós a calquera reto, aspecto que dende a escola actual se pretende fomentar, para formar nenos e nenas autónomos capaces de resolver calquera conflito da vida real.
Finalmente, a obra tamén nos achega a unha enfermidade moi actual como é a demencia, dende un punto de vista natural, xogando un pouco coa visión do neno, o cal primeiramente afirmaba que a avoa estaba tola, pero, finalmente, ao darse conta de que a versión da avoa sobre o misterio non estaba moi lonxe da realidade, remata por dicir que non estaba tan tola como parecía.
Como valoración persoal final, podemos dicir que esta obra nos parece moi interesante, xa que aborda temas moi actuais e sobre todo o máis importante é que o trata dende o punto de vista dun neno. Consideramos que non hai que esconder a realidade senón suavizala un pouco. Ademais, o feito de poñerse na pel dun neno, vai a permitir poder traballar mellor esta obra cos nenos, xa que se van sentir moito máis identificados co protagonista e van a comprender mellor os diferentes contidos que achega a obra.
O conto está dirixido para nenos e nenas de 9 anos, pero nós consideramos que podemos traballalo en etapas anteriores adaptando a historia á idade á que nos vaiamos enfrontar.
AUTORAS:
Saínza Paz Caamaño
Susana Pereiro López
Jéssica Silva Rodríguez
Marta Sobrado Díaz
Verónica Tuñas Gómez
Ningún comentario:
Publicar un comentario