luns, 31 de marzo de 2014

O misterio dos fillos de Lúa en Educación Infantil

Temas como a desigualdade de xénero, as enfermidades en nenos/as ou persoas adultas  e o abandono dos animais, están á orde do día nas nosas vidas. Moitas veces na escola e na casa, tapamos a realidade e só mostramos o lado positivo da vida, como a amizade e a colaboración entre todos. A partir da historia O misterio dos fillos de Lúa, directa ou indirectamente, transmítense estes valores, polo que nós decidimos levar esta obra ás aulas de infantil (aínda que por parte da editorial está dirixido á idade de 9 anos) e elaborar unhas as actividades centradas neses temas. Por unha banda, elaboraremos unhas preguntas antes e durante a lectura para sementar a intriga e a curiosidade e fomentar a creatividade e a atención dos nenos/as. Posteriormente, faremos unhas actividades para achegarlles eses valores tan presentes na sociedade e que cremos que é fundamental facelo dende idades temperás. Traballaremos temas duros, pero tamén o positivo da vida como a amizade e a relación cos demais. 

Con estas actividades, ademais de valores, imos traballar os seguintes obxectivos: coñecer o propio corpo e o dos demais nas súas posibilidades de acción e aprender a respectar as diferenzas; observar e explorar o seu contorno familiar, natural e social; adquirir progresivamente autonomía nas súas actividades habituais; desenvolver as súas capacidades afectivas; relacionarse cos demais e adquirir progresivamente pautas elementais de convivencia e de relación social, así como exercitarse na resolución pacífica de conflitos; desenvolver habilidades comunicativas en diferentes linguaxes e formas de expresión; sentir o xesto, o movemento e o ritmo como recursos para a expresión e a comunicación.

A secuencia de actividades que elaboramos parte de:

Antes da lectura
- Reflexionamos sobre o título. Que pode significar?, por que se chama así?, quen será Lúa?, etc.

- Unha ollada rápida ás ilustracións permitirá imaxinarmos a historia que se agocha detrás delas. 

Durante a lectura
- Fomentaremos a intriga durante toda a acción facendo preguntas como, que pasará agora?, que pensades que ocorreu antes?, como rematará a historia?

Despois da lectura
- Faremos preguntas como: gustouvos o final?, inventariades outro? Cal?

- Para traballar os diferentes valores presentes na obra, levaranse a cabo as seguintes actividades: 

A enfermidade
- Montar o recuncho do hospital, no que poidan desempeñar os diferentes roles (paciente-médico/a-enfermeiro/a) e concienciarse das funcións que ten cada un e de que hai nenos/as que sofren enfermidades máis graves ca un simple catarro.

A igualdade
- Para fomentar a igualdade de xénero nos diferentes oficios, montaremos un taller de cociña, no que faremos todo o proceso de elaboración da masa do pan e, posteriormente, a elaboración do noso nome con esa masa. Meterémolo ao forno e ,finalmente, comerémolo. Esta actividade, ademais de traballar a igualdade tamén nos permite traballar a motricidade fina.



(imaxes realizadas por nós)

- Montaremos un taller de bricolaxe, onde elaboraremos un taboleiro de cortiza  para a aula coa axuda da mestra. Para iso, empregaremos un taboleiro de cortiza, madeira para facerlles os marcos e cola para pegar dita madeira. Unha vez rematado, colgarase na parede e colocarán alí diferentes palabras que denoten igualdade. 

- Para fomentar a igualdade racial elaboraremos nun papel de estraza a nosa árbore xenealóxica. Para iso, empregaremos feltro de diferentes cores na realización das imaxes de cada familiar, así aqueles parentes que sexan doutra cor quedarán perfectamente representados. Para rematalo, escribiremos debaixo o nome de cada un.



(imaxe realizada por nós)


A amizade
- Na aula de psicomotricidade, colocaremos no chan unha serie de aros formando un círculo e todos os nenos xirarán ao redor dos aros ao son dun pandeiro. Cando a mestra pare de tocar, os nenos deben introducirse nos aros por grupos, de forma que en cada aro meteranse tantos nenos como collan dentro. Repetiremos isto ata que os tódolos nenos sexan capaces de meterse nun ou dous aros. Con esta actividade fomentaremos o traballo en equipo, a colaboración, a non discriminación e o compañeirismo, xa que os nenos non estarán pendentes unicamente deles, senón que tamén terán que axudar aos demais. 


(imaxe sacada de internet)

- Sentarémonos todos/as en círculo e iremos transmitir unha mensaxe un a unha ata que todos a reciban. Comezará un/unha pasándolle a súa mensaxe á persoa que temos ao lado, este pasará ao que teña ao lado e así sucesivamente. As mensaxes serán bicos, abrazos, caricias… fomentaremos deste xeito o contacto físico entre todos, as mostras de cariño cara os demais e tamén o feito de ter que pasarlle a mensaxe á persoa que teñamos ao lado que, ao mellor, non é aquela coa que máis afinidade temos. 

O respecto polos animais
- Para fomentar a colaboración coas familias enviaremos unha notificación pedindo a autorización e a participación (poden vir os pais/nais) nunha excursión a unha granxa-escola, para a observación dos diferentes animais e os seus coidados, tan importantes no día a día. 

- Traeremos unha mascota á aula (tartaruga/peixes/hámster …), a cal terán que coidar todos os días (darlle de comer, de beber, limpar o seu hábitat …). Cada fin de semana levaraa un neno/a para a casa, onde a seguirá coidando.

Como conclusión, pensamos que a obra de Fina Casalderrey é un bo recurso nas aulas de educación infantil, xa que con ela se poden traballar valores moi positivos que contribuirán a formar mellores persoas, que saiban comportarse adecuadamente na sociedade e tratar a todos por igual, independentemente da nosa raza, sexo, cultura, diferenzas, etc. Consideramos que son temas básicos que se deberían fomentar en todas as aulas e, sobre todo, en todos os fogares; xa que non hai que agocharlles aos nenos/as a vida mesma, senón que hai que saber educalos en valores para que sexan capaces de se desenvolver en calquera situación da sociedade. 

A obra O misterio dos fillos de Lúa pode ser moito máis ca un conto. Nós con estas actividades pretendemos sacarlle máis partido a esta historia, e esperamos que as tarefas resulten motivadoras e atractivas para o alumnado, creando así un bo clima de traballo na aula, no que se goce xogando ao mesmo tempo que se aprende. 

AUTORAS:

Saínza Paz Caamaño
Susana Pereiro López
Jéssica Silva Rodríguez
Marta Sobrado Díaz
Verónica Tuñas Gómez

Ningún comentario:

Publicar un comentario