venres, 14 de marzo de 2014

¡Adéntrate na Bolsa Amarela!


Lygia Bojunga regálanos grandes libros destinados a un público infantil e xuvenil, como o seu terceiro libro, A bolsa amarela. Este libro chega a nós a partir da materia de Literatura e dramatización infantil, na cal se nos propón tratar a esta autora. Así chega a nós a sexta edición do libro con este título, da editorial Espasa-Calpe (ISBN 84-239-2713-X), o cal foi editado por primeira vez en 1976 pola editorial Agir.


Neste terceiro libro a autora adéntrase no mundo da súa protagonista, Raquel, unha nena con grandes desexos na súa vida: ser maior, ser escritora e haber nacido neno, os cales van evolucionando ó longo de toda a historia. Raquel é a menor de catro irmáns e vive nunha familia humilde na cal sinte que non encaixa, “Raquel naceu tarde”, din.

A historia comeza cando a tía de Raquel, como en moitas outras ocasións, envía un paquete cheo de cousas para a familia. Sempre que ésta enviaba algo, Raquel quedaba sen nada, pero nesta ocasión ía ser diferente; a súa familia deixoulle o que sería para ela a súa prezada bolsa amarela porque ninguén a quería. A partir dese momento volvéronse inseparables, Raquel gardou nela os seus desexos, diferentes obxectos,… O que non se pode imaxinar e que coa súa chegada comezarán moitas das aventuras de Raquel. Atópase con Rei, un galo que ela mesma inventara nunha das novelas que escribir; xuntos atopan a Sombriña e o primo do galo, o Terrible.

A historia vai avanzando de xeito progresivo, o que permite ver a evolución da propia protagonista. Os compañeiros que a acompañan durante a historia forman gran parte desta evolución, grazas a todas as aventuras que pasa con eles, Raquel vaise percatando de que os seus desexos cada vez vanse facendo máis e máis pequenos, encontrando o sentido deles na súa vida, ata volvéndose prescindibles, agás o de ser escritora, o que tiña claro, que quería ser na súa vida. A autora conta as súas historias de maneira que permite que o propio lector se introduza nelas, tratando unha gran variedade de temas dentro de cada un deles, coma neste caso que trata temas como as dificultades nas relacións humanas, o sentirse fóra de lugar ou incomprendido/a, a realidade social do momento e os problemas da sociedade, a diferenza de clases, os desexos inalcanzables e o cambio do concepto de muller que se podía ter no momento. Estes temas están presentes durante toda a obra, aínda que en cada capítulo soe tratar unha historia concreta.

Para a nosa autora son importantes as ideas, o pensamento e a necesidade de ser escritora. Nas súas obras os personaxes adoitan aparecer nas primeiras páxinas e resolven os seus problemas con axuda de diversos compañeiros.

Ao igual que neste libro, os personaxes adoitan ser nenos e nenas, os cales son os que teñen problemas, pero que coa axuda da escritora imos coñecendo as razóns do seu mal e o modo en que o resolve. Ó mesmo tempo nesta obra anticípanos de algún modo a responder "que pasaría si...? ..." xa que nos dá diferentes posibilidades se escollese unha ou outra solución. Estes protagonistas soen estar acompañados, como xa vimos por outros compañeiros, que adoitan ser animais ou obxectos animados aos que lles da vida e que xogan un papel fundamental no desenvolvemento da historia e na evolución, neste caso de Raquel.


Personaxes como Raquel, nenos e nenas, permiten que os lectores se identifiquen con eles, coas mostras da protagonista dos seus desexos, pero que por diferentes motivos, non é capaz de atopar o seu lugar e por iso escribe a seres imaxinarios que saen a súa axuda. Algo qe moitos mozos e mozas poden sentir na súa vida, aínda que sexa relacionado con temáticas diferentes.

Os temas empregados pola autora seguen sendo temas actuais, como por exemplo, a marxinación da muller para realizar determinadas accións ao non darlle o papel protagonista, a importancia de non existir roles dentro dunha familia ou as diferenzas entre clases, día a día máis marcadas e visibles.

Unha idea moi importante é que non deberíamos estar suxeitos a pensamentos e ideas que nos veñen impostas pola sociedade ou nos obrigan a seguir. A obra de A bolsa amarela, é unha historia onde todo ten outro significado xa que os animais, os obxectos, etc. son utilizados pola escritora para tratar temas que nos concirnen nesta sociedade na que convivimos. A fantasía desempeña o papel protagonista principal da obra, xa que aparece reflexada ao longo dela; considérase o instrumento máis importante para tratar eses problemas psicosociais que acontecen na vida diaria, e polo tanto, próximos á realidade e que permiten ó lectorado máis xuvenil adentrarse en problemáticas que concirnen a toda a sociedade.


Webgrafía:       




AUTORES:
Natalia López Belón
Irene Maneiro Cuesta
Lucía Meijide Candal
Diego Moreiras González
Lara Mosquera López

Ningún comentario:

Publicar un comentario