martes, 18 de marzo de 2014

Descubrindo as cores...

Alfaya, An (1997): ¡Sireno, Sireno! Vigo. Xerais ISBN: 9788483021972

A obra ¡Sireno, Sireno! trata un tema tabú, como é o da morte e a súa aceptación. Comeza contando como un neno, de xeito inesperado , se encontra sen o seu pai o cal lle morre nun accidente de tráfico.
A autora amosa dende o primeiro momento a actitude derrotista da nai a cal se deixa levar pola pena, sen ter en conta os sentimentos do seu fillo, polo que o neno comeza a somerxerse no mundo da arte, que lle ven herdado polo seu pai. Comeza debuxando unha estatua (O Sireno) que lle recorda a seu pai, pero está somerxido nun mundo tan onírico que só pinta en branco e negro, debido a súa perda. Así pois, o Sireno axúdalle a camiñar na procura das cores.

O tema principal é a morte, aínda que trata outras ideas secundarias como a amizade, algo moi importante para poder superar este tipo de vivencias, e de cómo o egoísmo non pode ter lugar nestes acontecementos, xa que, só serven para afundirte máis.

Con respecto ao desenvolvemento da obra, leva un transcurso lineal, comeza falando sobre a perda do seu pai (pasado) e continua narrando como vive unha familia tras ese acontecemento tráxico, enfocado na visión da nai, da avoa e do neno. Deste xeito nos amosa diversas maneiras de sobrevivir ante unha situación complicada, é dicir, que a xente non reacciona da mesma forma.

Unha das  ideas que nos transmite An Alfaya mediante esta obra é a de apoiarnos na xente que nos quere, buscar vías de fuga para poder superar dificultades que nos pon a vida e a importancia de non rendernos.

Esta autora amósanos como tratar un tema tabú, como é o da morte, que en anos anteriores non se trataba con moita frecuencia, pero na actualidade comeza a integrarse máis polo miúdo nas aulas, incluso en Educación Infantil. Así mesmo, ofrécenos unha maneira distinta de tratalo, dende unha perspectiva de fantasía, feito que aos nenos lles resulta máis ameno para somerxerse neste mundo tan negro e triste.  Por outra banda, tamén nos amosa unha forma de resolver esta problemática dun xeito aventureiro e menos doloroso para á infancia, que os enganchará e conseguirá metelos na pel do protagonista.

A modo de conclusión e de xeito persoal, podemos dicir que é un bo libro para abordar esta temática dun xeito entretido, xa que, o encamiña cara o fantasioso. Pode ir dirixido tanto para nenos como para adultos, debido a que nos amosa as dúas caras da moeda, isto é, por un lado o sufrimento do neno e a súa soidade e por outro lado de cómo unha nai sufre e por mor dese sufrimento deixa un pouco de lado ao seu fillo.

Por outra banda, e malia que o libro vai dirixido a nenos de primaria, pódese adaptar á etapa de Educación Infantil, resumindo a historia e facéndoa máis gráfica, xa que cremos que ten un argumento bo.

Por último, despois de ler e analizar a obra cremos que é un libro recomendable para ler, posto que te atrapa na aventura do protagonista.

Para rematar poñemos unha frase que dixo a autora que atopamos na páxina web da Editorial Xerais: “O sireno sérvelle ó protagonista de escusa para saír da escuridade na que quedou preso trala morte do seu pai e descubre nela a beleza do deforme como aposta persoal”

Grupo composto por:
Noelia Rey Bello
Paula Roca Lema
Sandra Romero Pato
Natalia Sánchez Martínez
Sandra Verdes Pico


Bibliografía e Webgrafía

-  Alfaya, A. (1997). ¡Sireno, Sireno! Vigo: Xerais.

Ningún comentario:

Publicar un comentario