venres, 21 de marzo de 2014

Atrévete a descubrir máis mundos, máis maxia!

Tras a lectura de “Sólo un pie descalzo”, quedámonos con ganas de máis e decidimos somerxernos de cheo noutras obras da autora, para así poder coñecela mellor e facer deste xeito unha análise máis completa.


En “El saltamontes verde”, unha fábula sobre a importancia das palabras e da voz propia, un neno orfo vai polo mundo buscando a súa voz perdida. Un día, como recompensa de salvar a un saltón verde, ambos comezan unha viaxe coa finalidade de atopar a voz perdida de Yungo, o protagonista desta historia. O saltón asume o rol de conciencia ao longo de todo o traxecto, murmurando ao oído de aqueles que se van atopando o que precisan escoitar nese momento.
Como ensinanza desta narración podemos concluír, que ao longo de toda a historia se manifesta a importancia de intentar que todas as persoas que vamos deixando atrás no noso camiño, sexan máis felices despois de pasar polas súas vidas. 


Gustaríanos destacar a estreita relación que gardan dúas das obras de Ana Mª Matute como son “Sólo un pie descalzo” e “El saltamontes verde”, pois ambas presentan como protagonistas a dous nenos cunha infancia atormentada e solitaria; tanto Gabriela (Sólo un pie descalzo) coma Yungo (El saltamontes verde) son vítimas da marxinación e discriminación, debido ás súas diferenzas persoais con respecto ó resto de nenos e nenas que os rodean, e como esta soidade os leva a evadirse da realidade dando paso ó mundo da fantasía; caracterizándose así ambas obras de Ana M.ª Matute pola esencia da maxia e da imaxinación dos nenos e nenas.

              

Outro dos aspectos que comparten estas dúas obras é o valor da esperanza, pois os protagonistas viven na súa fantasía ata o momento en que atopan o seu verdadeiro lugar no mundo impulsados pola súa forza de vontade e sen renderse nunca. Así mesmo, os valores que predominan nas obras de Matute son a amizade ou o compañeirismo que van da man dos nosos protagonistas, fronte á discriminación e ó rexeitamento que sofren por mor da incomprensión ante as súas diferenzas.
En definitiva, o antagonismo que presenta Matute nas súas obras pódese ver influenciado polas súas vivencias persoais na época do franquismo; así por unha banda podemos apreciar o optimismo e a esperanza e pola outra banda a desgraza e a desesperación.

Pasando agora a outra das obras de Matute, “El País de la Pizarra”, diremos que se trata dunha obra ambientada no país de Cora-Cora, onde é típico celebrar cunha gran festa anual: o aniversario do pequeno rei, que tan só  ten 4 anos.
Neste país, cando está preto o día da celebración, todos e todas traballan moito: o carpinteiro e os seus fillos, o real profesor e os seus fillos … pero de repente, o día antes do aniversario do rei, desaparece a princesa máis princesa de todas, irmá do mesmo, mentres está a realizar unha gran suma na lousa que lle encomendara o real profesor. Xusto neste momento, a princesa foi absorbida pola lousa debido a que non sabía a solución de dita conta, e neste momento, os catro protagonistas da historia, Moncho e Felpa (fillos do carpinteiro) e Pelusa e Caracol (fillos do real profesor), emprenden un largo viaxe ao País da Lousa e á cidade da Táboa de Multiplicar, coa finalidade de rescatala.
Finalmente, tanto os catro nenos/as, como o Capucha (un espía que os seguiu durante todo o viaxe), conseguiron rescatar a princesa resolvendo a suma, e deste xeito foron premiados por ese espía, que resultou ser o pequeno rei.
Tomando como referencia de novo as obras de Ana M.ª Matute que anteriormente comentamos, diremos que “El saltamontes verde”, “Sólo un pie descalzo” e “El País de la Pizarra”, comparten un aspecto tan importante como é o valor da amizade e o compañeirismo, posto que os catro protagonistas emprenderon unha viaxe para rescatala princesa. E, sen dúbida, a esencia das tres obras é o factor máxico, cheo de fantasía e mundos inventados e imaxinarios, propios dunha mente infantil totalmente inocente.
Porén, mentres que nas dúas obras anteriores se fai unha especial mención aos temas da marxinación, a discriminación e a unha infancia tormentosa, en “El País de la Pizarra” son temas inexistentes.


             

                                              


En definitiva, cómpre destacar que tanto unha como outra, apaixonáronnos as tres eleccións persoais, pero se tiveramos que decantarnos por unha, consideramos que “El saltamontes verde” é un relato sinxelo, cheo de mensaxes positivas e cargadas de esperanza, no que a riqueza narrativa fai que o lector se manteña atento e a esperas de máis, ata que se atopa cun factor sorpresa que é o que cremos que fai que nos decantemos pola historia de Yungo, a súa voz perdida e o saltón verde.
Bibliografía
Matute Ausejo, Ana M.ª (2013). Sólo un pie descalzo. Madrid: Editorial Destino. 
Matute Ausejo, Ana M.ª (2013). El saltamontes verde. Madrid: Editorial Destino.
Matute Ausejo, Ana M.ª (1957). El país de la pizarra. Madrid: Editorial Molino.


Twitter: @pie_descalzo


 Pamela Campos Andión
Beatriz Castiñeira Barreiro
Ana De La Calle López
Rocío Fernández Rodríguez
Raquel Fernández Sanfiz




Ningún comentario:

Publicar un comentario