luns, 24 de marzo de 2014

As mulleres de An Alfaya

Nesta entrada vamos a afondar  nas figuras femininas das obras de An Alfaya, tituladas: “¡Sireno, sireno!” e “A sombra descalza”. Cómpre destacar que o motivo polo cal decidimos analizar as dúas obras, é debido a que na segunda a trama é máis atraente e trata de cheo a figura da muller. Malia isto, na primeira obra aparece a muller dende unha visión loitadora.

Na obra ¡Sireno,sireno!, aparecen tres mulleres, a nai do protagonista, a avoa e unha amiga do pai (pintora).
Nai do protagonista: preséntasenos unha muller abatida pola dor e chea de pena, que non é quen de levantar cabeza trala morte do seu marido. Polo tanto, visión dunha muller viúva ao que o mundo lle cae enriba e non é quen te tirar polo seu fillo, até que a súa nai lle fai entrar en razón.
Avoa do protagonista: muller chea de vida e moi positiva que, a pesares de sentir tristeza pola morte dos seu xenro, intenta poñer boa cara e facerllo pasar o mellor posible ao seu neto, o cal non pode apoiarse na súa nai.
Pintora: foi amiga do pai do protagonista, co que tiña moi boa relación e pola cal a nai chegou a ter celos.  A autora non dá moitos datos sobre ela, a pesar disto, consideramos que é unha muller creativa e chea de vida, á que lle gusta axudar aos demais, entre eles aos protagonistas desta obra.

En canto á obra A sombra descalza, podemos contabilizar até cinco mulleres, que  viven nunha época complicada, na que a figura da muller estaba desvalorizada polas miserias da Guerra Civil.



“Elsa” (protagonista), é unha nena adolescente de 16 anos que vive asfixiada nun mundo de segredos, silencios , medos e falsas verdades ás que lles quere buscar resposta. A pesar da súa inocencia, intenta furgar nas feridas abertas dos homes e mulleres que viven na casa familiar, pero todo isto tivo unha alto custo para ela, debido a que cando se atopa coa verdade desexaría non coñecela.  En resumo, ela fai que as voces das mulleres da casa, Amadora, Esperanza e Florinda, caladas durante moitos anos, rebelen os misterios que envolvían as súas vidas.

“Amadora”, é a avoa da protagonista, unha señora típica da época, dedicada ao seu marido e ó seu fogar, unha muller sen voz nin voto nas decisións familiares. Non obstante, a vinganza que levara a cabo na súa xuventude, contra a súa irmá, pasoulle factura toda a súa vida,  debido a que arrebatou a súa felicidade e máis a da xente que a rodeaba. A obra quérenos dar a entender que por medo a que o seu marido a deixe, non é quen de contarlle o seu erro.

“Florinda”, tía da protagonista. Tiña o seu futuro planeado e debido ás débedas da súa familia, tivo que renunciar á súa felicidade e ó amor da súa vida, para casarse cun home cun poder adquisitivo moi alto. Como consecuencia disto, Florinda, mantén unha relación a escondidas con Rafael, o seu amor verdadeiro.  Cando o seu marido descobre o engano, ela vai en busca de Rafael, pero este xa morrera. Polo que poderiamos dicir que a súa vida non foi un camiño de rosas.

“Esperanza”, nai da protagonista. Nun principio non foi querida na familia do seu marido, debido a que a súa tiña outros ideais políticos. Este personaxe ocupa un segundo plano na obra, polo que non temos moitos datos sobre ela, a pesar disto nós interpretamos que é unha muller calada que acata as ordes sen protestar. Porén, apoiaba as accións da súa filla ás costas do resto da familia. O final da obra, ela  adquire un “roll” máis importante no fogar coa enfermidade de Xuliano.

“Sagrario”, tía avoa da protagonista. Personaxe que, debido a un erro cometido na adolescencia, vese somerxida nunha vida de escuridade, tristeza  e soidade. Todo isto sucedeu por mor do rancor que súa irmá tiña cara ela. En definitiva, era unha muller sen personalidade que fixo todo o que a súa irmá lle mandou, sabendo que iso a ía prexudicar. Así mesmo, era cómplice de Florinda, axudándolle a gardar o segredo do seu amante.

Para rematar, facendo unha valoración global da figura feminina, podemos dicir que hai unha clara diferenza entre as dúas obras, porén da época en que se desenvolven.

En ¡Sireno, sireno!, a muller ten un papel loitador, cunha gran intención de saír cara adiante e deixar de lado as dificultades da vida.
En A sombra descalza, a muller estaba nun segundo plano, posto que a sociedade non tiña en conta a súa opinión, vivindo por e para os seus fogares e familias. Debido a esta represión, moitas delas víanse obrigadas a vivir entre segredos e levar unha segunda vida, buscando así a súa felicidade.


Animámosvos a que leades os dous libros e podades comparar o papel da muller na época da Guerra Civil e na actualidade. É posible que algún ou algunha de vós vexa reflectida a vivencia dalgún familiar nestas liñas. 


Grupo composto por:
Noelia Rey Bello
Paula Roca Lema
Sandra Romero Pato
Natalia Sánchez Martínez
Sandra Verdes Pico

Convidámosvos a seguirnos no twitter: @AlfayaSireno

Ningún comentario:

Publicar un comentario