xoves, 30 de abril de 2015

Tove Jansson, A chegada do cometa

Proposta Didáctica para a obra A chegada do cometa


·         INTRODUCCIÓN

A nosa proposta para introducir o libro A chegada do cometa, irá destinada a nenos do segundo ciclo de Educación Infantil, coa que pretendemos traballar de forma lúdica, pero sen lela, xa que é de gran complexidade para nenos desta idade.

            En primeiro lugar, durante a asemblea faremos unha pequena introdución do libro contando brevemente o argumento, desta forma poderán ir facendo preguntas para que a mestra resolva as súas incógnitas, e comprendan mellor as actividades posteriores.

            Pretendemos que as actividades que presentamos a continuación, sexan o máis motivante posible para os nenos, pero ao mesmo tempo que teñan relación co libro.

·         ACTIVIDADES

1.    Figuras de barro
Esta actividade ten como finalidade que os nenos, mediante o barro,  interioricen e recorden os personaxes da obra, así como as súas características físicas. As figuras faranas do tamaño que eles desexen, en función do personaxe que elixiron (os nenos que rematen primeiro, poderán coller máis barro e facer outro personaxe).  A través disto, traballarán a motricidade fina potenciando a presión e a prensión, ao moldear as figuras.  

A duración para esta actividade será dunha sesión aproximadamente para realizar as figuras con barro, e mentres estas sequen, faremos unha asemblea para que os nenos digan que personaxe elixiron e porqué. Na seguinte sesión, que durará unha hora como máximo, pintarán as figuras de barro con diferentes pinturas de cores, podendo axudarse uns aos outros.

A aula estará adaptada para a actividade, é dicir, realizaranse nas mesmas mesas desta, cubríndoas con periódicos e colocando o barro e a auga (para abrandar o barro) para que así os nenos comecen o exercicio.

2.    Disfraces de los Mumin
            Para comezar esta actividade presentarémoslles as diferentes personaxes do libro mediante imaxes, para que eles posteriormente con diferentes materiais como bolsas de lixo, goma eva, telas, periódicos, cartolinas, pinturas, etc., poidan investigar e manipular con eles, e así a mestra pode ver a representación e como interiorizan o esquema corporal dos personaxes, desta forma fomentaremos a creatividade dos nenos.

            Para finalizar esta actividade faremos unha última tarefa que é a representación teatral dun anaco da obra, para iso levaranse a cabo unha serie de obradoiros onde se lles dará aos nenos unhas pautas para que realicen un disfraz da personaxe que elixiron. Ademais podemos decorar, cos materiais anteriores, o lugar da representación encadrando o fragmento seleccionado. Neste caso será a aula de infantil, onde por turnos irán representando a obra diante do resto dos nenos de Educación Infantil. Tamén poderíamos facer unha variante en canto o público, xa que poderíamos representalo diante dos pais. Esta actividade terá unha duración dunha semana aproximadamente, adecuándoa ao ritmo do traballo dos nenos.

Con estas actividades traballamos a motricidade fina realizando os disfraces, ademais afianzan as súas habilidades lingüísticas, capacidade memorística e van perdendo o medo escénico ao representar o fragmento da obra.

3.    Refuxio simulando la gruta
            Nesta actividade os alumnos utilizarán diversidade de materiais, segundo o seu gusto, como por exemplo: caixas de cartón, teas, papel celofán, pedras, bancos, etc., co fin de crear un refuxio como o que crean os Mumins no libro. Entre todos, irán debatendo sobre a forma que terá a gruta, probando e mesturando materiais ata que decidan a forma final.

            Esta actividade terá unha duración de 3 sesións, na primeira analizaran e aportarán os materiais, e na segunda e na terceira comezarán a montar a gruta. A actividade se levará a cabo na aula, separando previamente as mesas e demais material se fora necesario, para poder manipular libremente no chan.

            Con esta actividade traballarán a motricidade fina e grosa ao ter que desprazar os diferentes materiais e ao recortalos ou collelos, traballarán a conciencia espacial ao ter que imaxinarse a forma que terá o refuxio e potenciarán o traballo en grupo dividíndose as tarefas.
           
4.    Investigación sobre o cometa
Nesta actividade traballaremos coas familias e coas novas tecnoloxías. Pedirémoslles aos nenos, que nas súas casas lles pregunten aos pais polos cometas e que traian a clase todo o que desexen en relación aos cometas e ás estrelas. A continuación, na asemblea, faremos unha posta en común, facéndolles preguntas sobre o tema, e despois con axuda buscarase información en internet.

            Esta actividade ocupará unha hora da sesión aproximadamente para a busca e posta en común e podendo ser alargada a outra sesión, para que os nenos debuxen libremente cometas ou estrelas formando un mural común, traballando de este modo a motricidade fina (prensión, presión e pinza).
           
5.    ¡Somos transportistas!
            Nun fragmento da obra teñen que transportar obxectos imprescindibles para os protagonistas, deste xeito terán que levar unha bandexa con diferentes obxectos (pelotas pequenas, figuras xeométricas e paus) ata a meta sen que caia ningún. Con esta actividade pretendemos potenciar a motricidade grosa e a fina mediante a coordinación óculo- manual. Para aumentar a complexidade, e tamén para favorecer a cooperación, os nenos formarán parexas para transportar a bandexa. Cando realicen o recorrido cambiaranse as parexas para potenciar a interacción entre todos os compañeiros. Ademais, con esta actividade pretendemos traballar os últimos capítulos da obra.

            A duración aproximada desta actividade será media hora, dependo da motivación e do interese dos nenos.

            6. Andar cos zancos
            Esta actividade irá relacionada coa parte do libro na que teñen que atravesar o fondo do mar, polo tanto, os nenos usarán uns zancos cos que terán que pasar polo areeiro (simulando o fondo do mar). Polo camiño atoparanse con diferentes obstáculos (colocados pola mestra previamente), como por exemplo: pedras, cubos, paus, cunchas, etc.

            Os obxectivos que se pretenden alcanzar con esta actividade, son potenciar a motricidade grosa ao ter que usar os zancos, a capacidade de imaxinación ao ter pasar os “obstáculos” que simulan aos do libro, e traballar o equilibrio ao ter que irse movendo cos zancos sen caerse.
            A duración aproximada de esta sesión será de 30/45 minutos aproximadamente.

·         Conclusión
            Dende o noso punto de vista, cremos que o libro A chegada do cometa é unha obra complexa para levala a cabo nunha aula de Educación Infantil, que ten aspectos positivos e negativos, os cales foron expostos ao longo dos posts. A  pesar disto pensamos que as actividades que presentamos adáptanse ao argumento do libro e ao ritmo madurativo dos nenos.

            As actividades que plantexadas son, na súa maioría, para potenciar a motricidade fina e grosa, así como a comprensión lectora e a memoria á hora de recordar o conto. Todas as actividades presentadas ao longo da proposta están totalmente ligadas con algunha parte do libro, permitíndonos traballar a fondo con el.

            Para finalizar, aínda que a obra non sexa do todo divertida, cremos que as actividades que propuxemos son amenas e motivadoras para os nenos, podendo estes familiarizarse máis co libro. A través das actividades creadas poderían xurdir outras novas adaptándose as necesidades e ritmos dos nenos.





Ningún comentario:

Publicar un comentario