domingo, 12 de abril de 2015

NAI, PROFESORA, GUIONISTA E ANTROPÓLOGA: ESA É MAITE CARRANZA


Iniciámonos no blog falando dunha das referentes da literatura xuvenil española: Maite Carranza. Imos?


Biografía da autora
 
Maite Carranza, extraída de fototext BCN en https://www.flickr.com/

Seguro que moitos de vós escoitastes o que se di de que os homes só saben facer unha cousa, pero que as mulleres chegan a realizar dúas a vez. Maite Carranza supera isto, non lle chega con ser nai e profesora, senón que tamén é escritora, guionista e antropóloga. Alguén se anima a seguir os seus pasos? Continuade lendo e coñeceredes un pouco máis da súa vida e das distintas facetas que desenvolve a autora.

Maite Carranza Gil-Dolz naceu o 25 de Febreiro de 1958 en Barcelona. Na universidade desa mesma cidade, licenciouse en antropoloxía. Antes de comezar a súa recoñecida carreira como escritora, traballou como mestra de lingua e literatura catalá nun instituto de Barcelona. Redactou a súa primeira obra, Toma castaña!, en Cerdanya, mentres gozaba dunha das súas afeccións, a montaña. Esta saíu á luz no ano 1986 e recibiu o “Premio de la Crítica Serra D’Or”. A esta publicación inicial, seguíronlle máis libros e premios que a converteron nunha ilustre escritora de temática infantil.

Coñecemos que se chegaron a publicar máis de corenta obras de narrativa infantil e xuvenil, as cales se poden dividir en tres grupos: contos (por exemplo, Margarida Metepatas), novelas (entre as que se atopa, Palabras envelenadas) e coleccións seriadas (unha delas, Colección Sefa Ceferina). Tal é o recoñecemento do que gozan os seus libros que a súa triloxía A guerra das bruxas chegou a traducirse a máis de vinte idiomas. Tampouco se esqueceu dos adultos e para eles estivo nas librarías Sin invierno no ano 1999.

Nos 90 deixou o seu traballo como mestra e comezou unha nova etapa como guionista. Para elo, fixo un máster en escritura audiovisual. Tamén é durante os anos 90 cando unha das súas obras se leva o teatro, en concreto, Cleques, no 1994. Xa no 2007, seguíralle Sopa de Piratas.

Ademais da montaña, Maite Carranza ten outras grandes afeccións, como é o cine e viaxar. Esta última, debido a súa profesión, brindoulle a oportunidade de coñecer innumerables países como Italia, Holanda, Estados Unidos, etc…

Maite Carranza é unha autora que nalgunhas das súas producións trata temas espiñentos como o maltrato ou os abusos sexuais, catalogados como temas tabú e os que moitos outros autores prefiren non tocar, pero que son necesarios na nosa literatura,xa que pode ser de axuda a moita xente, sobre todo a que sofre os abusos e se sinte indefensa.

Na actualidade, Maite Carranza vive en Sant Feliu de Llobregat e ten tres fillos. Continúa coa súa carreira como escritora, guionista e profesora de dous másteres sobre a escritura de guión, un na Universidade Autonómica de Barcelona (UAB) e outro, na Universidade Internacional Menéndez Pelayo (UIMP) en Valencia. Tamén, en Barcelona imparte o “Taller de guionistas” na Universidade de Barcelona (UB). Ademais, recorre institutos e bibliotecas dando charlas acerca da súa extensa obra chea de éxitos literarios.

Maite Carranza nunha escola. Extraída do usuario biblioteca1 en https://www.flickr.com/


 

Bibliografía da autora

Maite Carranza dispón de gran variedade de obras para un amplo abano de lectores. Dende os máis pequenos da casa, os nenos, pasando por aqueles dos que se di que están na chamada “idade do pavo” ata chegar ós adultos.

A primeira das obras coas que se iniciou foi Toma Castaña! a que para aqueles que entendades o catalán ven sendo “Ostres, tu, quin cacau!”. Publicouse no ano 1986 e un dos galardóns que recibiu por esta foi o "Premio de la Crítica Serra D´Or de narrativa xuvenil” e o “White Raven”.

Despois desta primeira, seguíronlle outras moitas, as cales vamos explicar tendo en conta o lectorado para o cal foron redactadas. Esperamos que así sexa un pouco máis sinxelo, coñecer, a grandes trazos, as obras máis importantes.


Non vos asustedes, o plan non é que memoricedes as obras máis importantes, senón que imos saber un pouco máis delas, o que nos facilitará que nos mergullemos definitivamente nas obras de Maite Carranza. Seguide lendo!

As obras máis importantes da autora teñen certas diferenzas, pero tamén moitos puntos en común. Comezando polas semellanzas, as obras producidas por Maite Carranza, na maioría dos casos, teñen moi presente na historia que se lle presenta o lector, o núcleo familiar. Así é o caso, por exemplo de Toma Castaña!, Frena, Cándida, frena, Queres se-lo noivo da miña irmá?, Mauro Ollos Brillantes... Dentro da familia é onde se asentan tamén as dúas obras que lemos, tanto Palabras envelenadas como O clan da loba, mostrando especial atención á relación que se establece entre a nai e a filla. En Palabras envelenadas a nai non sabe ver os abusos que a súa filla ten que soportar do pai a pesar das sinais que a rapaza lle deixa. No Clan da loba a relación entre a nai e a filla é moi estreita, polo que a filla, Anaíd, arriscara todo por ir a buscar a súa nai, Selene. As emocións tamén están moi presentes.

Será tamén no Clan da Loba, onde se vexa a importancia que Maite Carranza lle da ás mulleres nas súas obras xa que se lemos o libro, podemos observar que as protagonistas, as bruxas, son todas mulleres e elas son poderosas. As mulleres tamén se ven involucradas en outras das súas obras, como poden ser Fruto del baobab, na que as tres protagonistas principais, Lola, Aminata e Binta, son mulleres. En Palabras envelenadas repítese o caso, é unha rapaza a que sofre os abusos e a nai a que fai caso omiso xa que está completamente silenciada polo seu marido.

Nunha sociedade que leva anos loitando pola igualdade, a tradición sempre foi que o poder estaba nas mans dos homes, Maite, no encontro na libraría Simsalabim di "fixádevos que houbo chamáns, magos, feiticeiros, sacerdotes [...] pero as bruxas xamais ocuparon lugares de poder, sempre exerceron o seu poder [...] dende a privacidade e en momentos difíciles dende a persecución máis dura". O coloquio completo pode verse no seguinte vídeo. Tras este vídeo, podemos observar así a desigualdade que sempre existiu entre o home e a muller, sobre a que ela quere chamar a atención, porque esa desigualdade segue presente en pleno século XXI.

A figura dos homes nas obras de Maite Carranza tamén ten unha certa transcendencia, pero neste caso negativa, xa que os homes tratan as mulleres como sumisas e sobre elas queren levar a cabo un control psicolóxico. Así é que en Palabras envelenadas, o marido, Pepe trata a Nuría Solís, como se de unha enferma mental se tratase e esta non lle causa moitos problemas a el porque toma unha medicación que a mantén coma se dun corpo sen vida se tratase. No libro Fruto del baobab tamén se ve como nalgunhas culturas, a muller, ten a única posición de sumisión.

Tamén hai que comentar que Maite Carranza usa como personaxes principais dos seus libros os adolescentes. Así é o caso de Frena, Cándida frena, Queres se-lo noivo da miña irmá?, Magia de una noche de verano... Igualmente, nos libros de Palabras envelenadas, na que a protagonista que está encerrada e no momento actual en que se narra a historia ten 19 anos, cando rememora a historia dos abusos que tivo que soportar, vemos que sucedeu en anos anteriores, na súa adolescencia. Ó mesmo no Clan da loba, a protagonista, Anaíd, experimenta os cambios propios das mulleres na adolescencia.
 
Finalmente, hai que dicir que a autora fai uso da súa realidade máis próxima e incluso da súa propia familia para plasmala nos libros.  Na entrevista na que se fala de Magia de una noche de verano e que realiza María Dolores García (n.d.) na páxina de Anika entre Libros, Maite Carranza di que esta obra xurdiu “dunha historia anterior comezada no ano 2000 e inspirada nunha viaxe da miña filla a Irlanda para aprender inglés”(...). Para ver a entrevista completa nesta páxina web. Non sempre a realidade é amable, por iso trata aquelas temáticas actuais como os abusos que se ven en Palabras envelenadas ou temas que non nos tocan tanto, pero son a realidade diaria doutras sociedades como a ablación do clítoris, da que se fala en “Fruto del baobag”. Ademais, a temática fantástica ten unha importancia relevante nas súas obras, chegando a aparecer nas súas obras bruxas (O clan da loba) ou fadas (Magia de una noche de verano). No emprego destas personaxes tivo moito que ver a tese que fixo sobre demonioloxía durante os seus estudos de antropoloxía. Como nos di Maite Carranza na entrevista de Edurne Luque no blog Pizca de Papel:

intereseime especialmente na figura do demo na tradición folclórica catalá e a partir de aí aparecéronme as bruxas por todas partes, xa que estas eran las acompañantes habituais dos elementos demoníacos na tradición oral, o folclore, as cancións… e pensei que o tema das bruxas e a bruxería actual era moi interesante

Nas obras de Maite Carranza obsérvanse grandes semellanzas. A maior diferenza é que pasa nun principio de novelas con moito humor a aquelas máis fantásticas, ata achegarse a temas cruentos da realidade.

Despois de que xa esteades un pouco mareados de tantos libros, gustaríanos facer tamén unha pequena referencia a faceta de guionista desta muller. Elaborou guións para series de televisión como Pinnic (1992-1994), para parte dos episodios de Poblenou (1993), Nissaga de Poder (1995), e da segunda temporada de Isabel (2011-2012). Tamén para telefilmes Valeria (2000) e Las hijas de Mohamed (2004). Xa polos títulos se ve o protagonismo que, de novo, se lle dá ás mulleres.

Contexto social da escrita

Maite Carranza iníciase na súa faceta como escritora nun momento en que a literatura infantil está en pleno auxe, o cal xa comezara a principios dos anos 80. É neste momento cando xorden editoriais, premios, revistas especializadas… O emerxer das editoriais leva a unha gran competencia entre elas, o que fai que aparezan innumerables coleccións e títulos, que provocan que exista unha literatura moi variadada.

Nos anos 80 e 90, atopámonos no “boom” da literatura infantil. Así é que no ano 1987 se chegan a editar un número superior a 35.000 libros para os nenos, o mesmo ano en que Maite Carranza saca a luz Toma castaña!; Vaia coincidencia!

Nos seus inicios Maite Carranza encamiñouse dentro da literatura propia da última década do século XX. Esta literatura caracterízase pola permisividade infantil que se observa nas protagonistas. Tamén se dá paso a unha literatura na que están moi presentes as emocións e os desexos que nun pasado se reprimían, dando lugar a situacións máis violentas. Nas obras pódese apreciar unha clara transgresión da norma, do que sería o correcto. Como exemplo, temos a obra de Toma Castaña! na que se mostra o mal comportamento de dous nenos e unha avoa certamente singular. Esta obra supuxo un gran cambio na literatura que ata aquel momento se publicaba, pois tiña un carácter didáctico e con Toma castaña!, a autora deixa a un lado o didáctico para darlle un carácter lúdico a súa obra.  Os libros que publica durante estes primeiros anos destacan polo humor e as aventuras.

A partir dos primeiros anos do século XXI, a autora achégase a unha literatura máis xuvenil, na que está moi presente a fantasía. É o caso de Magia de una noche de verano e A triloxía das bruxas. Nesta segunda centrámonos un pouco máis por ser unha das obras que lemos e describimos o seu contexto dunha maneira máis minuciosa.

Bruxa. Extraída de http://es.forwallpaper.com/
Trátase da primeira parte dunha triloxía denominada A guerra das bruxas dirixida a un público xuvenil-adulto.

Alentada a escribir este libro pola filla, Maite Carranza redacta unha obra fantástica con elementos imaxinarios como as profecías, os clans ou as personaxes. Tamén hai elementos como o “atame” (coitelo que usan as bruxas para defenderse e recolectar herbas) e escenarios imaxinarios (a conxunción dos planetas, o Mundo Opaco, o Monte Domen e O Coven do Bosque). Aínda así, todo isto xúntase con outros elementos do mundo real: a illa Sicilia, a cidade de Barcelona e o Pirineo Aragonés. Na parte fantástica desta triloxía tiveron moito que ver a tese sobre demonioloxía que fixo nos seus estudos en antropoloxía. No real ten moito que ver a procedencia da autora e o Pirineo porque de pequena se trasladaba ata estes paraxes.

A pesar de que levaba tempo pensando en escribir esta triloxía, o asoballante éxito da saga de Harry Potter fíxoa meditar, parar e publicar máis tarde, pois non quería que ámbalas dúas historias se comparasen, como ela mesma nos conta na páxina web da súa triloxía: "porque Harry Potter e outras novelas fantásticas beben de raíces celtas nas que os poderes máxicos están en mans de homes, druídas e sacerdotes".

Segundo se vai avanzando no século XXI, Maite Carranza comeza a dar un espacio na súa literatura a aquelas temáticas máis controvertidas: o abuso sexual infantil en Palabras envelenadas e a ablación infantil en El fruto del baobab. Tamén nos centraremos na primeira delas e en explicar que contexto provocou a redacción desta obra.


Está considerada unha obra dramática adulto-xuvenil que conta a historia dunha rapaza desaparecida.

Esta obra está ambientada na Barcelona do 2009. Neste mesmo ano ocorre un caso de desaparición dunha rapaza sevillana, Marta del Castillo. Este feito e o que a autora escoita en relación coas rapazas que estiveron secuestradas 8 e 23 anos en Alemaña e Austria, levou a que se interesase en escribir en relación con esta temática. Aínda así, como di a escritora nunha entrevista realizada tralo premio Edebé, xa quería anteriormente redactar unha obra que tratara esa dominación que reciben moitas rapazas por persoas do seu círculo próximo.  Achegouna ós rapaces porque según di Maite Carranza na entrevista que lle fai Edebé con motivo do “Premio Edebé de literatura Juvenil” no 2010:

Creo que é moi importante que os rapaces o lean. Esforceime para que o puideran ler e non hai escenas que poidan ferir a sensibilidade. Pasei por enriba do detalle da agresión, pero enténdese moi ben polas consecuencias que sofre a vítima. Gustaríame que os rapaces leran esta obra para que servira de denuncia e de reflexión, y para que tivera unha función pedagóxica e de servizo, por se alguén se encontra nunha situación parecida.

Os feitos contados son realidades que viven unha gran cantidade de rapaces. Para a elaboración deste libro serviuse da súa cidade natal, falando con todo detalle dos barrios da cidade condal e tamén de determinadas actuacións policiais coa axuda da súa propia investigación e  as colaboracións dos Mossos d’Esquadra.


Chica encerrada como Bárbara Molina. Extraído del blog empezandoapintar en https://www.google.es/images

LibrosTest sobre Maite Carranza
Despois da lectura desta primeira entrada, quen se atreve cunhas cantas preguntas? Non seades galiñas e a por el!

Onde estaba Maite Carranza cando escribiu a súa primeira obra?


. Cerdanya
. Garrotxa
. Osona
Cal dos seus libros se publicou no ano 2010?


. Palabras envelenadas
. El fruto del baobab
. O clan da loba
Por que se caracteriza a literatura da última década do século XX?


. Pola gran cantidade de metáforas que se usan
. Pola permisividade infantil que se observa nas protagonistas
. Polo uso de unha gran cantidade de adxetivos na descrición das personaxes
Cales son as personaxes ás que Maite Carranza lles dá máis importancia nas súas obras?


. Mestras
. Mulleres
. Ananas


Continuaremos sabendo máis sobre dous dos seus libros na seguinte entarda. Se non podedes esperar a saber máis antes da súa publicación, tamén podedes visitar o noso Twitter, que está cheo de cousas interesantes. Esperamos que vos guste! 

Anotación: gustaríanos dicir que aínda que moitas das obras de Maite Carranza están traducidas ó galego, noutros casos non é así e só as poderemos atopar en castelán, de aí que citemos eses libros neste idioma.

Referencias bibliográficas:
Carranza, M. (2010). Palabras envelenadas. A Coruña: Rodeira
Carranza, M. (2010). O clan da loba. A Coruña: Rodeira

Referencias webgráficas:
Web principal da autora:
Carranza, M. (2015). Maite Carranza [web] Recuperado o 05/04 do 2015  de http://maitecarranza.com/

Web principal da triloxía da autora:
Grupo Edebé. (n.d.). La guerra de las brujas de Maite Carranza [web] Recuperado o 05/04 do 2015   de http://www.elclandelaloba.com/

Vídeos de YouTube:
Librería SINSALABIM. (2010). Maite Carranza en librería SIMSALABIM 1/4  [vídeo] Recuperado o 06/04 do 2015 de https://www.youtube.com/watch?v=dfMNcKbCfXI
Librería SINSALABIM. (2010). Maite Carranza en librería SIMSALABIM 2/4 [vídeo] Recuperado o 06/04 do 2015  de https://www.youtube.com/watch?v=Rb29SbmW8Lw
Librería SIMSALABIM. (2010). Maite Carranza en librería SIMSALABIM 3/4 [vídeo] Recuperado o 06/04 do 2015 de https://www.youtube.com/watch?v=eeg0G2EdKXM
Librería SIMSALABIM. (2010). Maite Carranza en librería SIMSALABIM 4/4 [vídeo] Recuperado o 06/04 do 2015 de https://www.youtube.com/watch?v=9GoEEX5Beek
Grupo Edebé. (2010). XVIII Premio edebé Juvenil Maite Carranza [vídeo] Recuperado o 06/04 do 2015 de https://www.youtube.com/watch?v=u9VkpQs0xzQ

Entrevistas:
Calle Morales, R. A. (2008). Entrevista Maite Carranza [web] Recuperado o 05/04 do 2015 de http://www.eltemplodelasmilpuertas.com/entrevista/maite-carranza/83/
El País. (2011). Entrevistas digitales [web] Recuperado o 05/04  do 2015 de http://www.elpais.com/edigitales/entrevista.html?encuentro=8675
Luque Álvarez, E. (2013). Entrevista a Maite Carranza [blog] Recuperado o 05/04 do 2015   de
Grupo Edebé. (n.d.). Maite Carranza gana el Premio Edebé de Literatura Juvenil 2010 [web] Recuperado o 05/04 do 2015     de https://www.edebe.com/premios/XVIII_premio_edebe_entrevista_maite_carranza.asp
García Pastor, M. D. (n.d.). Entrevista a Maite Carranza [web] Recuperado o 05/04 do 2015   de http://libros2.ciberanika.com/desktopdefault.aspx?pagina=~/paginas/entrevistas/entre443.ascx
Ojeda, D. (2012). Entrevista a Maite Carranza [web] Recuperado o 05/04 do 2015   de http://www.fantasymundo.com/articulos/4680/entrevista_maite_carranza

Noticias:
La Vanguardia. (2011). Maite Carranza, Premio Nacional de Literatura Infantil y Juvenil [web] Recuperado o 05/04 do 2015  de

Información sobre literatura infantil e xuvenil:
Sáiz Ripoll, A. (n.d.). La literatura infantil (2) [web] Recuperado o 07/04 do 2015 de http://www.islabahia.com/culturalia/04literatura/laliteraturainfantil2.asp
Colomer, T. (n.d.). La literatura infantil y juvenil en España (1939-1990) [pdf] Recuperado o 07/04 do 2015  de

Información sobre a autora e as súas obras:
Escritores.org. (2014). Maite Carranza [web] Recuperado o 07/04 do 2015   de http://www.escritores.org/index.php/biografias/11816-carranza-maite-
Canal lector. (n.d.). Prohibido llover los sábados [web] Recuperado o 07/04 do 2015   de http://www.canallector.com/1111/Prohibido_llover_los_s%C3%A1bados
Plan lector. (n.d.). ¿Quiéres ser el novio de mi hermana? [pdf] Recuperado o 07/04 do 2015 de http://www.planlector.com/descarga.asp?idDoc=1169&d=fttrcas13b.pdf
Anita. (2013). Reseña Magia de una noche de verano-Maite Carranza [blog] Recuperado o 07/04 do 2015 de http://perdidaenunmundodelibros.blogspot.com.es/2013/08/resena-magia-de-una-noche-de-verano.html

 Autores
 Álvarez López, Carolina
Bouso García, Cristina
Díaz Portillo, María Noelia
Diéguez Porto, Nerea
Fernández Otero, Joel



Ningún comentario:

Publicar un comentario