xoves, 23 de abril de 2015

Proposta didáctica sobre os temas de Ás de bolboreta para Educación Infantil.

1. Presentación


Con esta proposta queremos achegar, dalgún xeito, a obra Ás de bolboreta ao alumnado de Educación Infantil. Por isto realizamos esta Unidade Didáctica na que tratamos algúns dos principais temas da obra. As actividades que presentamos son dinámicas, lúdicas e con elas pretendemos que os nenos/as reflexionen sobre os temas tratados.

2. Xustificación



A nosa Unidade Didáctica trata sobre os temas de actualidade que a autora reflicte na obra. Os temas cos que imos traballar son: a emigración, os diferentes tipos de familias, a violencia de xénero, a globalización e a morte. 



Decidimos facer esta proposta, xa que ó ler a obra, percatámonos de que son temas importantes e que na Educación Infantil non se adoitan tratar. Nós, como futuras mestras, entendemos que é importante falar destes temas debido a que conforman a realidade da aula en moitas ocasións. 

3. Obxectivos

Con esta Unidade Didáctica vamos a traballar os obxectivos das diferentes áreas do currículo: Área de coñecemento de si mesmo e autonomía persoal, Área do coñecemento do contorno, Área de linguaxes: comunicación e representación. Os obxectivos que pretendemos que adquiran son os seguintes:
  • Tomar a iniciativa, planificar e secuenciar a propia acción para realizar tarefas sinxelas ou resolver problemas da vida cotiá, aceptando as pequenas frustracións e manifestando unha actitude tendente a superar as dificultades que se presentan, reforzando o sentimento de autoconfianza e sendo quen de solicitar axuda.
  • Adecuar o propio comportamento ás necesidades e requirimentos das outras persoas desenvolvendo actitudes e hábitos de respecto, axuda e colaboración e máis evitando a adopción de comportamentos de submisión ou dominio.
  • Amosar unha actitude de aceptación e respecto polas diferenzas individuais: idade, sexo, etnia, cultura, personalidade, características físicas…
  • Descubrir, coñecer e vivir o xogo como medio que favorece a aceptación propia, a manifestación de emocións, o respecto ás demais persoas e a aceptación de identidade sexual e cultural.
  • Relacionarse coas demais persoas, de forma cada vez máis equilibrada e satisfactoria, interiorizando progresivamente as pautas de comportamento social e axustando a súa conduta a elas.
  • Coñecer distintos grupos sociais próximos á súa experiencia, algunhas das súas características, producións culturais, valores e formas de vida.
  • Utilizar as diversas linguaxes como instrumentos de comunicación, de expresión de ideas e sentimentos, de representación, de aprendizaxe e de gozo.
  • Comprender a intencionalidade comunicativa doutras nenas e doutros nenos, así como das persoas adultas, adoptando unha actitude positiva cara ás linguas.
  • Desenvolver o sentido de autoconfianza nas producións artísticas persoais, amosando interese pola súa mellora, respectando e valorando as creacións propias e as das demais persoas.

4. Contidos

Con esta proposta vamos a traballar os contidos das diferentes áreas do currículo: Área de coñecemento de si mesmo e autonomía persoal, Área do coñecemento do contorno, Área de linguaxes: comunicación e representación. Estas tres áreas serán traballadas de forma globalizada. Os contidos que traballaremos son os seguintes: 
  • Control progresivo dos propios sentimentos e emocións. 
  • Identificación, verbalización e expresión de sentimentos e emocións propias e das demais persoas. 
  • Aceptación e valoración axustada e positiva da súa persoa. 
  • Valoración positiva e respecto polas diferenzas, aceptación da identidade e características das demais persoas, evitando actitudes discriminatorias. 
  • Potenciación e gozo do xogo como elemento común a todas as culturas. 
  • Coordinación progresiva das súas habilidades psicomotrices grosas. 
  • Exploración das posibilidades perceptivas, motrices e expresivas propias e das demais persoas. 
  • Habilidades para a interacción e colaboración para establecer relacións de afecto aceptando a diversidade. 
  • Vivencia, representación e interpretación do espazo empregando a imaxinación en debuxos. 
  • Valoración das relacións afectivas que se establecen na familia e na escola. 
  • Interese e disposición favorable para iniciar relacións respectuosas, afectivas e recíprocas con nenos e nenas doutras culturas. 
  • Achegamento as funcións que cumpran diversas persoas evitando estereotipos sexistas. 
  • Utilización e valoración progresiva da lingua oral para evocar e relatar feitos, para expresar e comunicar ideas, sentimentos e emocións. 
  • Participación de forma oral en conversas, narracións, anécdotas, chistes, xogos colectivos e outros, incrementando o vocabulario. 
  • Interese e atención na escoita de narracións lidas por outras persoas. 
  • Diferenciación entre as formas escritas e outras formas de expresión gráfica. 

5. Metodoloxía e actividades propostas.

Debido a que non todos os nenos teñen as mesmas necesidades, a nosa metodoloxía está encamiñada a satisfacer as necesidades e intereses propios de cada neno. Intentaremos crear ambientes acolledores para que se sintan seguros.

Tamén, debido a que a nosa aula é bastante grande, os nenos terán varios espazos aos que acudir cando eles queiran, asi como dispoñer dos materiais libremente. Pretendemos que o neno adquira maior dominio sobre o seu propio corpo, isto verase reflectido nun maior control da lateralidade, da carreira, etc.

Como xa dixemos, a forma de relacionarse dos nenos é mediante o xogo, por iso realizaremos actividades nas que se favoreza a súa interacción.


1. Actividade sobre a emigración.

Falamos sobre a emigración na asemblea. Os nenos falarán un a un do que eles pensan que é a emigración, e despois, veremos o vídeo Marco: O barco dos emigrantes, que reflicte o que é a emigración. Tamén, na hora do conto, veremos o libro Nicolás. Despois falaremos do monte Gurugú, un monte preto da fronteira entre España e Marrocos. Logo miraremos toda a información que trouxeron os nenos sobre o monte coa axuda dos seus pais. Para rematar, traballaremos a psicomotricidade grosa cunha xincana. Para iso dividiremos a clase en dous grupos. Un deles terá que subir por unha rede, imitando aos emigrantes que queren pasar a fronteira; o outro grupo terá que mandarlles pelotas brandiñas para intentar tiralos, imitando así á policía que intenta impedir con pelotas de goma a entrada dos emigrantes. Despois intercambiaranse os roles e comentaremos o que sentiron en cada un dos papeis.

Temporalización:

  • 1 sesión dun día de 5h. 
Obxectivos:
  • Coñecer o que é a emigración e todo o que ela conleva. 

2. Actividade sobre a morte.

Un luns pola mañá entramos na clase e na alfombra atopámonos a un animal morto (un peluche ferido realizado pola mestra). Ao velo alí tirado os nenos preguntarán: que lle pasa, está enfermo, podémolo curar, etc. Despois de examinalo ben, comprobamos que está morto. Deixámolo na alfombra e reunímonos na asemblea para ver que podemos facer con el. Deixaremos que os nenos digan o que cren que debemos facer. Ao final chegamos á idea de que debemos facerlle un enterro, para elo, saimos ao patio e dirixímonos ao céspede. Alí facemos un burato para enterrar ó animal.

Cando volvemos a clase, decidimos poñerlle flores e facerlle unha tabliña co seu nome para ir a visitalo sempre que queiramos. A mestra encárgase de facer a tabliña e os nenos de traer da casa as flores, unha ou dúas por alumno.

Ao día seguinte, o martes pola mañá, reunímonos para elixir que nome lle vamos a poñer ó animal. Despois de elixilo, escribímolo na tabliña e vamos ao céspede a poñerlle a tabliña e as flores. Cando voltamos a clase facemos unha asemblea na que lemos o álbum ilustrado “El pato y la muerte”. Unha vez lido o álbum, falamos sobre el, sobre o que pasa, sobre a morte e todo o relacionado con ela. Tamén respondemos a todas as súas preguntas acerca do tema, intentando que non lles queden dúbidas.

Ese mesmo día, ó volver do tempo de lecer, dámoslles aos nenos uns pequenos papeis nos que poderán escribir o que queiran a alguén que perderan (un familiar, un amigo, un animal…). Cando todos teñan rematado, dobraremos os papeis e meterémolos dentro de globos (os globos terán atados uns fíos para poder suxeitalos). Inflarémolos, iremos ao patio e soltarémolos cara ó ceo.

Deste xeito, queda reflectido que da morte fanse diferentes tratamentos dependendo da cultura na que nos atopemos.

Temporalización:
  • 2 sesións de dous días de 5 horas cada unha. 
Obxectivos:
  • Concienciar ao alumnado de que a morte é algo natural que ocorre na vida de todas as persoas e seres vivos. 
  • Romper coa visión da morte como algo malo e negativo. 
  • Evidenciar temas ocultos pola sociedade (a morte). 

3. Actividade enfocada contra a violencia de xénero.

Nun primeiro momento, na hora da asemblea leráselles aos nenos o álbum ilustrado “Arturo y Clementina”. Este libro cóntanos a historia de dúas tartarugas que cando se coñeceron namoráronse rapidamente e casaron. Clementina soñaba que tras a voda eles compartirían cousas, como viaxar e coñecer mundo xuntos. Isto a Arturo non lle convencía demasiado, xa que con un simple “si” acompañado de un sorriso a contentaba.

Arturo pensou que el podía saír fóra, deixando a Clementina na casa e el abasteceríaa de todo o que ela quixera. El cría que Clementina era demasiado parva e despistada para ter un pasatempo, pero el queríaa e por iso lle traía todos os días diferentes cousas: un gramófono para que escoitase música, un cadro para que vira pintura. E todo isto atáballo a súa cuncha. Pouco a pouco, Clementina viu crecer unha torre de obxectos sobre a súa cuncha que a ataba e lle facía incómodo o seu día a día. Un día decide saír da súa cuncha, sentíndose lixeira e feliz polo que marchou da casa para coñecer mundo, pintar cadros ou, tal vez, tocar a frauta. Arturo non comprendeu porqué ela marchou do seu lado e indignado comentaba que Clementina era unha ingrata que o deixou sen terlle faltado nada.

Con esta actividade queremos que os nenos se acheguen á realidade dunha situación que é moi frecuente en moitos fogares. A través desta obra e da súa protagonista, faranse conscientes de que a violencia pode ser de moitos tipos. Este caso é denominado violencia silenciosa, pero igualmente dañina, como na obra de Ás de bolboreta. Ademais, transmite unha mensaxe moi importante, e é que por moito que queiramos a unha persoa, se non nos valora, nin nos quere e o que fai é menosprezarnos, sempre temos unha porta para marchar. A historia pode cambiar, non temos que quedar quietas.

Despois, os nenos pensarán os motivos que levaron a Clementina a marchar, e terán que facer un debuxo para compartir e explicar posteriormente aos seus compañeiros.

A continuación, entre todos pensaremos algúns dos sitios aos que puido ir Clementina, intentado continuar a súa historia.

Temporalización:
  • 1 sesión dun día de 5h. 
Obxectivos:
  • Facerse conscientes de que a violencia pode ser de moitos tipos. 
  • Adquirir unha autoestima positiva para enfrontar os problemas. 

4. Actividade sobre a concienciación da multiculturalidade.

Comezamos nunha asemblea na que trataremos sobre as diferenzas que o alumnado atopa entre Marrocos e o noso país. Neste momento, intentamos buscar as diferenzas e similitudes que hai na forma de escribir. Logo de poñer en común as ideas que temos sobre esta nova escritura, buscaremos na pantalla dixital un periódico árabe ou calquera outro escrito. Con este feito, será posible observar as características desta escrita: dende os diferentes símbolos, a orientación da escritura e as relacións e características dos símbolos.

Posteriormente, compararemos os símbolos árabes coas letras do alfabeto para extraer as nosas conclusións. Máis tarde, proxectaráselle ó alumnado unha aplicación na que será posible transcribir cada un dos nomes ó árabe. Con isto, o que faremos será que un por un, irán saíndo os alumnos para escribir o seu nome que aparecerá transcrito grazas á aplicación. Por suposto, deixaremos que no caso de que haxa dúbidas, se presten axuda entre eles e mesmo lle facilitaremos a información necesaria se é preciso.

Transcritos os nomes, o que faremos será colgalos pola clase para que todos poidan ver como se escribe o seu nome e tamén o do resto dos seus compañeiros.

Finalizada esta grande tarefa, e se a motivación do alumnado o permite, será posible que cada un dos nenos elabore o seu libro dos nomes árabes. Esta actividade terá dous momentos.Por un lado, as fotos dos seus compañeiros da aula para que as recorten e peguen nos folios ou cartolinas. Por outra parte, os nomes dos seus compañeiros e a súa transcrición ó árabe, para que logo de recortalos, os peguen xunto á fotografía correspondente.

Aproveitaremos o momento da asemblea do final da mañá para introducir o tema das comidas árabes. Neste caso comezaremos por preguntarlles que lles gustaría comer ó chegar á casa. Logo, continuaremos lanzándolle outra pregunta coa que lles fagamos chegar a dúbida de que se come en Marrocos. Agora faremos unha posta en común para ver canta información temos: Por último comentarémoslles ós pais, mediante unha nota, se é posible que ó día seguinte traian receitas típicas de Marrocos.

Unha vez recompiladas todas as receitas, porémolas en común e trataremos de descubrir os ingredientes que non coñezamos. Feito isto, entre todos acordaremos elaborar unha receita de durum ó día seguinte. Pero antes, escribirémola entre todos para que a nosa mascota poida ir ó supermercado a mercar ditos ingredientes. Conseguidos todos os ingredientes, aparecerán na aula pola mañá, para que todos os poidamos ver e manipular durante a asemblea, na que os coñeceremos.

Por útlimo pasaremos a elaborar a receita, seguindo os pasos indicados coa axuda da mestra para que o resultado sexa favorable.

Nesta actividade seguiremos a receita do durum:
  • 200 gr. de año
  • 4 tortiñas de millo 
  • 2 follas de leituga 
  • 1/2 pepino 
  • 1/2 cebola 
  • 1 tomate 
  • Queixo feta 

Para adobar a carne do año: 
  • 1 dente de allo 
  • Pirixel fresco 
  • Pementa negra 
  • Pementón 
  • Aceite 
  • Sal 

Para a salsa: 
  • 1 iogur natural 
  • Maonesa 
  • Allo en pó 
  • Pementa negra 
  • Sal 

Temporalización:

  • 3 sesións de 40 minutos. 
Obxectivos:
  • Percatarse do fácil que resulta atopar información sobre calquera outro lugar. 

5. Actividade para traballar os diferentes tipos de familias.

Esta actividade divídese en tres partes: lectura dun álbum ilustrado, resposta ás preguntas e elaboración individual dun debuxo.
A primeira actividade é a lectura do libro Unha chea de familias. Trata a diversidade familiar dende a visión de Mariña. Esta nena non ten nai e na busca de respostas, emprende xunto ao seu pai, unha curiosa excursión polo edificio no que viven. Descubren así que hai moitos tipos de familias e que todas son válidas. 

A segunda actividade está deseñada para ser traballada no momento de asemblea. Indicaráselles aos pequenos que presten especial atención, porque logo faremos preguntas sobre a lectura. Plantéxanse as seguintes preguntas de resposta curta e de verdadeiro e falso para traballar a comprensión da lectura. 

1. Que pregunta lle gusta facer a Mariña os Domingos pola mañá?

-Onde está a súa mamá.

2. Que pregunta fai Mariña diferente?

-Pregúntalle ó seu pai por qué todos os nenos teñen a súa mamá e ela non.

3. Quen tiña un hámster chamado Chon?

-Pedro e André.

4. De onde era a familia de Aicha?

-De Marrocos.

5. Que lle gustou especialmente a Mariña da casa de Aicha?

-Que estaba chea de alfombras, tiña moitas lámpadas de cores e un olor perfumado e atraente.

6. Cando empeza a entender Mariña que as familias poden ser moi distintas?

- Logo de visitar á familia de Carme, que tiña dous bebes xemelgos e na casa non había papá.


1. Ao pai de Mariña gústalle durmir.

V

2. Na mesiña de noite do pai de Mariña hai unha foto dos avós.

F

3. Cando chaman á porta do 4º, Pedro e André están en pixama.

V

4. O timbre da casa de Mariña soa como un chifre.

V

5. A casa de Mariña tiña sete pisos que recorre co seu Pai.

V

6. Os bebes de Carme chamábanse Lois e Brais.

F

A terceira actividade e unha festa para todo o mundo. Proponse que os nenos fagan un debuxo nunha folla en branco na que están presentes os diferentes tipos de familias. Traballamos a lectura divertíndonos xuntos nunha festa e evocando á diversidade familiar. 

Temporalización:
  • 3 Sesións de 20 minutos.
Obxectivos:
  • Aprender a convivir cos distintos grupos sociais coñecendo a relación que neles se dan como é o parentesco, veciñanza, amizade, etc.
  • Contribuír a identidade social e individual dos nenos e nenas.
  • Relacionarse cas demais persoas de forma cada vez máis equilibrada e satisfactoria.
  • Coñecer os distintos grupos sociais próximos a súa experiencia.
  • Establecer relacións de confianza, afecto, colaboración, comprensión e pertenza baseadas no respecto ás persoas.
6. Avaliación

A avaliación das actividades será continua e participativa, promovendo que os nenos tomen conciencia, ao longo do proceso a modo de autoavaliación e coavaliación, do seu aprendizaxe. 

7. Bibliografía
  • Aneiros, R. (2009). Ás de bolboreta. Vigo: Xerais.
  • Arnal, T. e Gallego, P. (2012). Nicolás. Barcelona: Editorial grupo Edebé.
  • Erlbruch, W. (2014). El pato y la muerte. España: Barbara fiore editor.
  • Neira Cruz, X. e Chao, R. (2008). Unha chea de familias. Vigo: Editorial Galaxia.
  • Turín, A. y Bosnia, N. (2012) Arturo y Clementina. Andalucía: Kalandraka.
  • Páxina web para transcribir os nomes: http://lexiquetos.org/
  • Enlace no que atopamos a receita do durum: http://durum-kebab.recetascomidas.com/

Ningún comentario:

Publicar un comentario