Unha das obras máis recentes de
Paula Carballeira é o libro de xénero teatral O Refugallo editado no 2013, pola editorial Xerais de Galicia, S.
A (ISBN: 9788499145730).
O argumento xeral trata sobre o
refugallo,un lugar no que viven catro nenos: Isolda, Hipatia, Borboronte e Lustucrú
os cales anteriormente vivían nas súas casas coas súas familias e agora comparten
aventuras nun vertedoiro de lixo, deixando voar a súa imaxinación, utilizando
cousas que van atopando. Cada un deles ten algo de seu; Isolda un libro de
viaxes, Hipatia un telescopio, Borboronte unha tartaruga e Lustucrú unha pata
de pau.
A obra está estruturada en seis escenas que se relacionan entre si pola sucesiva construción dun barco. Na primeira preséntanse os personaxes da obra e o mundo onde viven; na segunda escena, a protagonista é Isolda e o seu libro de viaxes, o cal lles permite trasladarse e imaxinar como serían outros lugares no mundo. O protagonista da terceira escena é Borboronte xunto coa súa tartaruga, que co seu marabilloso olfacto lles axuda a atopar comida. Na escena cuarta Hipatia co seu telescopio descobre que a Lúa é un lugar moi tranquilo no que reina o silencio e que está máis preto do que eles pensaban. Na quinta elixen como capitán do barco a Lustucrú coa súa pata de pau; na última escena os catro amigos somérxense nunha travesía cara ás Illas Galápagos no seu barco de refugallo.
Con esta obra cremos que a intención que ten a
autora é mostrar que moitas veces nos desfacemos de cousas que nos parecen
inútiles, pero que en realidade poderían ter múltiples funcións, simplemente
con usar a nosa imaxinación e atopar novas posibilidades. Tamén que aos
nenos/as lles damos todo feito, un exceso de xoguetes e de cousas que ao final
non lles fan caso e acaban xogando co máis insignificante que nos poidamos
imaxinar, como o caso dos catro protagonistas, que de cousas desbotadas recrean
todo un mundo fantástico para eles/as.
A temática da obra está de
actualidade, pois o que nos pretende amosar é que vivimos nun mundo de
consumismo no que non valoramos o que temos, xa que temos tantas cousas ao noso
alcance, tanto exceso que fai que non gocemos realmente do que nos rodea.
Persoalmente, a obra gustounos, xa
que nos fixo reflexionar sobre a importancia de que deixando libre a nosa
imaxinación e creatividade, calquera cousa, por moi insignificante que pareza,
pode chegar a ser algo marabilloso. No noso caso, como futuras mestras de
Educación Infantil, cremos que a imaxinación e a creatividade é algo que se
debe potenciar nos nenos/as dende os primeiros anos; unha actividade que se
podería comparar coa temática da obra, sería por exemplo, o cesto dos tesouros,
unha caixa chea de obxectos cotiás e variados, como teas, pinzas, culleres… cos
que os nenos/as poden xogar libremente dándolles a utilidade que eles/as
desexen, tal e como fan os protagonistas da obra co refugallo.
Webgrafía:
http://www.vigocultura.org/es/content/o-refugallo
Cabarcos Camba, Laura
Carballo Pena, María
García Montes, Mª Jesús
Gómez López, Jennifer
González Martínez, Estefanía
Ningún comentario:
Publicar un comentario