xoves, 20 de marzo de 2014

Interese por outras obras de M.Aleixandre? Atopádesvos nun bo lugar blogueiros!!!

Abordaremos neste post outras dúas obras de M.Aleixandre:

A Cabeza da Medusa
Unha violación? Si, é o argumento do libro no que dúas mozas son violadas tras unha festa de disfraces. Ninguén presaxia que algo semellante pode ter lugar, mais o seu xeito de ser, ao que se lle suma o alcol, lévaos a cometer actos violentos. Isto levaba consigo un longo proceso de probas, interrogatorios, charlas, noites en vela, e mesmo duras actuacións por parte dos compañeiros de Sofía e Lupe, que parecían non ter consideración polo que lles acababa de acontecer.

Somos conscientes de que te sentes intrigado... non si? Pois recomendámosche que te adentres nesta historia que, de seguro, non te deixará indiferente.

Que foi o que máis nos gustou? Sen dúbida, toda a obra ten un argumento interesante, que non está lonxe de moitos casos da realidade, pero que nos mostra como, pouco a pouco, o van superando coa axuda de familiares e doutras persoas.

A través da súa historia transmítenos unha serie de valores como a amizade e o compañeirismo, a forza de vontade por esquecer o ocorrido, a importancia do papel da familia e dos profesores e o respecto cara aos demais e dos dereitos de cada un.


A banda sen futuro
Inseguridade na adolescencia? Si. A través do diario de Carlota, unha rapaza de dezaseis anos, descubrimos que a súa vida se trunca tras sufrir un eccema e ter que levar o pelo rapado. Isto empeora cando cambia de cidade e a súa nai a matrícula na escola. Nun primeiro momento, Carlota non quere ir por medo á reacción dos seus compañeiros e compañeiras ao sentirse diferente por ter que levar un gorro. Así, ao longo da obra, aparecen temas como o acoso escolar, a amizade, o compañeirismo, a incomprensión por parte dos pais, o amor e o desamor, a inseguridade, o optimismo, a morte…

Estamos seguras de que queredes coñecer a historia de Carlota… ou equivocámonos? Recomendámosvos que vos adentredes nela que, de seguro, vos levará a identificarvos con moitos dos aspectos das vivencias desta adolescente.

O que máis nos  gustou é o argumento, que trata temas moi presentes nos nosos días, o que provoca que a lectura sexa amena e interesante, reflexionando sobre estas situacións. 

Tratan temas comúns, e os seus personaxes principais son todos dunha mesma franxa de idade, tendo unha visión da vida semellante. Ambas historias se desenvolven no contexto dun instituto, onde os mestres/as se mostran moi sensibles coas problemáticas e mostrábanlles todo o apoio que fose posible pola súa parte.

Nestas dúas obras, observamos camiños paralelos: por unha banda, compañeiros/as que apoian ás vítimas e se mostran empáticos coa situación e, por outra, persoas que as ven diferentes, as desprezan e as humillan publicamente.

Consideramos ambos libros moi interesantes e útiles para tratar estes dous temas de tanta complexidade: enfermidade e violación, a través dos cales podemos mostrarlles aos nenos/as dous xeitos tan diferentes de comportase, intentando en todo momento espertar a súa sensibilidade.

Como grupo, recomendariamos estas lecturas a todo o público a partir dos 12 anos, sen restrinxilo a aquelas persoas que pasaron por situacións similares, xa que se mostra como unha persoa pode refacer a súa vida logo dun acontecemento tan tráxico.

Elaborado por:
María José Varela Herrero
María Veiga Facal
Eva María Veiga Real
María Adelaida Veiga Teixeira
Patricia Vidal Jartín

Ningún comentario:

Publicar un comentario