venres, 21 de marzo de 2014

Achegándonos á obra de Alice Vieira

Alice Vieira (1990): Úrsula, a Maior. Vigo, Xerais. 192 pp.
ISBN: 84 – 348 – 3683 - 1

Úrsula a Maior é unha novela xuvenil que abrangue temáticas como a independencia, a convivencia e as relacións familiares. A través da historia de María Xoana, unha rapaza de 14 anos (filla dun matrimonio divorciado), Alice Vieira amosa as relacións desta cos seus pais e compañeiros/as da escola e fai fincapé, especialmente, na problemática convivencia con Xuxu, filla dunha amiga aristócrata da súa nai coa que comparte cuarto. As dúas loitarán pola construción do seu propio eu; aínda que non percorrerán o mesmo camiño debido a marcada diferenza de canons preestablecidos para cada estrato social. Xuxu, unha nena de comportamento exquisito, sumisa e cun  destino prefixado dende o seu nacemento, vai estar aconsellada por María Xoana quen se propón conducila polo “camiño do ben”. A coprotagonista iniciará unha andaina para gañar o dereito ao seu propio nome: Úrsula, o cal simboliza o paso da nenez á vida adulta. E a partir de aquí todo un exercicio de boa literatura, de acidez e de sátira, de finísima ironía e de intelixencia narrativa.






Nesta obra, ao igual que na posterior, Caderno de Agosto, Alice Vieira sorprende pola crítica aos modelos sociais e a reivindicación de valores como a liberdade, o respecto, a tolerancia e a igualdade. Co emprego do seu estilo narrativo habitual (natural e irónico), a autora, de novo sutil e transgresora, consegue romper os estereotipos da literatura xuvenil do seu contexto social. Do mesmo xeito repite, en ambas novelas, método e teimas pero coa capacidade de facer diferente unha mesma fórmula. 

Porén, Úrsula a Maior pareceunos máis amena é sinxela que Caderno de Agosto pois, nesta última, o emprego de dous planos narrativos dificulta a súa lectura e, como conseguinte, a comprensión da mesma. En canto a contidos, son de similares características ambas obras pero o ton sarcástico e humorístico que achamos en Úrsula a Maior invítanos a seguir viaxando polas súas páxinas  e esperta en nós o desexo de continuar lendo, co fin de saber que acontecerá.

Webgrafía:
  • https://www.google.es/search?q=%C3%BArsula+a+maior+alice+vieira&source=lnms&tbm=isch&sa=X&ei=FMosU-jdLtHn7AarwYDYBg&ved=0CAkQ_AUoAQ&biw=1366&bih=587

Entrada realizada por:
González Fernández, Sonia
Tajes Fernández, Ángela
Val Leiro, Olaya

Twitter: @Cadernodeagosto

Ningún comentario:

Publicar un comentario