Ola, aquí estamos cunha nova entrada. Desta vez, cunha proposta didáctica para os máis pequenos sobre O clan da loba. Esperamos que vos poda dar certas ideas para facer un proxecto semellante nas vosas aulas e conseguir presentar a lectura dunha forma máis lúdica para que os nenos a vexan como un momento de goce.
Introdución
Topamos de fronte coas bruxas na obra O clan da Loba e non por elo nos deixamos amedrentar cos seus conxuros, senón que soubemos facerlles fronte e convertelas no elemento principal que guiará a nosa proposta didáctica.
Decidimos traballar con este libro porque nel está moi presente a fantasía, un xénero literario que engancha moito ós nenos de Educación Infantil. Non pensamos en lerlles un fragmento da obra, pois resultaría un pouco difícil mergullarse na dinámica da historia. Queremos fomentar a curiosidade dos máis pequenos, a súa imaxinación e creatividade. Vemos que na sociedade actual, os rapaces están moitas veces coartados, estáselles dicindo continuamente como teñen que facer os distintos traballos (que non deben pintar saíndose fóra da liña, que os gatos non poden ser de cor verde...) e non se lles deixa posibilidade a que fantasíen, descubran por eles mesmos, a que creen autonomamente. Ademais, quérese que os nenos se convertan rapidamente en adultos. Cada vez, déixaselles menos tempo na aula para que xoguen e máis para que estean sentados facendo unha ficha tras doutra.
Con esta proposta queremos fomentar a imaxinación, a creatividade, a curiosidade, as ganas de aprender e todo tendo como elemento esencial o xogo. Partimos das bruxas porque elas teñen nas súas mans poderes, converten unha cousa noutra e isto fascina ós nenos. A maxia coas súas ilusións ópticas desoriéntanos tanto ós adultos coma ós máis pequenos, por iso cremos que traballar con esta temática é unha boa forma de motivar ós nenos e que teñan máis e máis ganas de aprender. Por todo o anterior, nunha das nosas actividades, terá cabida a realización dunha serie de trucos de maxia. Cantas veces asistimos un espectáculo dun mago e quixemos facer o mesmo coas nosas propias mans? Cales serían os pasos para que nos saíse? Ademais, escollemos este elemento porque pensamos que a imaxe das bruxas que se presenta nos contos clásicos está moi estereotipada, xa que son sempre as malas, as que están na contra de todo o mundo. Cunha das actividades que realizaremos, chegaremos a saber que estas tamén se encargan de recoller distintas herbas e flores de plantas e árbores, que despois de sometelas a certos tratamentos, serven para que as persoas se sintan mellor. Finalmente, no libro O clan da Loba, as bruxas forman varios agrupamentos que se coñecen como clans e que se corresponden con distintos animais, tema que atrae moito ós nenos. O mesmo sucede co feito de que as bruxas se podan converter neles. Por elo, é que os alumnos da nosa aula converteranse en distintos animais, disfrazándose deles e creando a súa propia historia de bruxas. Resultará moi interesante que os rapaces poidan ser os autores e ilustradores dela. Por todo isto, decidímonos por estas personaxes.
A
obra ofrece múltiples posibilidades didácticas. Ademais de fomentar
a imaxinación e a creatividade nos nenos (principal razón pola que
optamos por ela), ofrece a posibilidade de orientar as actividades na
aula cara o traballo cunha gran variedade de animais xa que as
bruxas, como xa dixemos anteriormente, constitúen diversos clans que
levan como nome o dun animal, polo que a proposta podería
encamiñarse a un maior coñecemento destes: as súas
características, que comen, onde viven... A maiores, partindo dos
clans, pódese realizar tarefas que teñan que ver coas familias, as cales, tamén conforman distintos grupos con trazos distintivos; así é, que un neno pode vivir cos seus pais e ter todos os avós ou vivir só coa nai e conservar só dous avós. Seguro que lles
encantará falar dos membros das súas familias, incluso invitando
algúns dos compoñentes delas a que nos visiten na aula.
As nosas actividades están deseñadas para o segundo ciclo de Educación Infantil, concretamente para un aula con vinte e cinco nenos de entre cinco e seis anos. Basearémonos en que os máis pequenos se acheguen ós coñecementos autonomamente e sempre dende tarefas cun alto compoñente lúdico. As actividades serán cinco e levaranse a cabo durante un tempo aproximado de sete días. Cada unha delas se desenvolverá nunha xornada, a excepción da terceira, que levará un pouco máis.
Obxectivos
Anteriormente o deseño dos nosos obxectivos específicos para cada unha das actividades, seleccionamos aqueles das tres das áreas do currículo que máis se achegan o que queremos conseguir coa nosa proposta. Da primeira das áreas, escollemos aqueles que teñen que ver co desenvolvemento das tarefas de maneira autónoma polo alumnado e a colaboración que é necesaria que se estableza entre os distintos compañeiros, sobre todo durante a primeira das actividades. Ademais, tamén se traballará en determinados intres a motricidade fina e grosa. Da segunda, optamos por aqueles que teñen que ver co achegamento dos nenos ó contorno natural, xa que falaremos dalgúns animais e de herbas, follas e flores que nos permiten elaborar infusións. Da terceira e máis importante, eliximos os que teñen que ver coa escritura, a creación plástica e sen esquecernos do uso das TIC. Aquí os tedes, divididos por áreas:
1ª área: Coñecemento de si mesmo e autonomía persoal
-Coñecer e representar o propio corpo, identificando as súas partes e algunhas das súas funcións, descubrindo as posibilidades de acción e de expresión, e coordinando e controlando cada vez con maior precisión xestos e movementos.
-Tomar a iniciativa, planificar e secuenciar a propia acción para realizar tarefas sinxelas ou resolver problemas da vida cotiá, aceptando as pequenas frustracións e manifestando unha actitude tendente a superar as dificultades que se presentan, reforzando o sentimento de autoconfianza e sendo quen de solicitar axuda.
-Adecuar o propio comportamento ás necesidades e requirimentos das outras persoas, desenvolvendo actitudes e hábitos de respecto, axuda e colaboración e mais evitando a adopción de comportamentos de submisión ou dominio.
2ª área: Coñecemento do contorno
-Observar e explorar de forma activa o seu contorno, xerando interpretacións sobre algunhas situacións e feitos significativos, e mais mostrando interese polo seu coñecemento.
-Iniciarse na formulación de hipóteses, buscando respostas e explicacións, para anticipar probables efectos que poderían producirse como consecuencia de situacións da vida diaria e dalgúns experimentos realizados.
3ª área: Linguaxes: comunicación e representación
-Utilizar as diversas linguaxes como instrumentos de comunicación, de expresión de ideas e sentimentos, de representación, de aprendizaxe e de gozo.
-Comunicarse oralmente nas dúas linguas oficiais con distintos propósitos -expresar sentimentos, emocións, desexos, ideas…- con diferentes interlocutores e/ou interlocutoras e en diversidade de contextos, valorando a linguaxe como ferramenta de relación cos demais, de regulación da convivencia e de aprendizaxe.
-Comprender a intencionalidade comunicativa doutras nenas e doutros nenos, así como das persoas adultas, adoptando unha actitude positiva cara ás linguas.
-Comprender, reproducir, reescribir -tendo en conta as diferentes etapas individuais no proceso de adquisición da lingua escrita-, e recrear textos.
-Potenciar a capacidade creativa a través das linguaxes artísticas para imaxinar, inventar, transformar... desde as súas ideas, sentimentos, experiencias, coñecementos...
-Achegarse ao coñecemento, emprego e valoración das TIC -ordenadores, a internet, encerado dixital interactivo, escáner, vídeo ...- como ferramentas de busca de información, creación, expresión e comunicación.
Desenvolvemento
Primeira actividade
Nome: Habelas, hainas!
Materiais: Folios, lapis de cores e a editor gratuito de libros electrónicos "Edilim".
Duración: Primeiro día da semana durante un tempo aproximado de unha e media ou dúas horas.
Obxectivos:
-Iniciarse no uso da escrita ó redactar de forma secuenciada un texto a partir das súas ideas.
-Amosar unha actitude de aceptación das diferentes opinións dos demais á hora de elaborar o texto.
-Cooperar activamente cos compañeiros para crear o álbum ilustrado.
-Facer uso do galego ó dar a coñecer as súas ideas sobre o conto e na redacción deste.
-Realizar producións plásticas que destaquen polo alto compóñente creativo e imaxinativo e a súa relación co que se di no texto.
Descrición: Na asemblea de primeira hora da mañá, introduciremos ós nenos na temática fantástica. Para iso, comezaremos a falar daquelas personaxes que aparecen nos libros, pero non existen na realidade. Entre os seres que se poderían nomear estarían os monstros, as fadas, os gnomos, as sereas... Senón xurdira por parte dos máis pequenos, sería o mestre o que introduciría as bruxas como outro ser irreal. Deixaremos que os nenos dean a súa opinión sobre como son esas personaxes, cal é a súa labor nos contos, que nos digan por que non existen na realidade... O esencial é que comentemos acerca de libros que os nenos coñecen nos que aparecen unha serie de individuos ficticios como pode ser: A Sereiña (na que a personaxe principal é una muller con cola), Peter Pan (na que a mellor amiga do personaxe principal é unha fada), Hansel e Gretel e Brancaneves e os sete ananillos (historias nas que aparece unha bruxa). Se algún dos nenos non soubera o conto do que se fala, sería moi interesante que o compañeiro que o coñece, lle falara del.
A partir disto, ofreceríaselles ós alumnos a posibilidade de confeccionar a súa propia historia fantástica a partir dunha serie de personaxes que se lles presentarían, as cales pertencerían á obra O clan da loba. Simplemente se lles faría unha pequena presentación das personaxes, sen chegarlles a falar de que xa existe un libro no que se mostran. As figuras das que se valerían para recrear a súa propia historia serían: Anaíd, da cal se lles diría que é unha nena que se acaba de decatar que ten poderes e catro grupos de bruxas que reciben o nome de clans e que serían: da loba, da serpe, do delfín e das aguias. Diríaselles máis pequenos, para facilitarlles a tarefa, que os conxuntos de varias bruxas chámanse así porque se poden convertir nos animais que lle dan nome o seu grupo.
Despois de todo o anterior, os nenos confeccionarían o seu propio conto con plena autonomía. Para que todos sexan partícipes, cada grupo de cinco alumnos será o encargado de inventar un anaco da historia. O labor do mestre será guiar un pouco ós nenos na creación e axudarlles a introducir pequenos diálogos, xa que ó día seguinte imos representar a mesma en pequenos grupos. Tamén serán os nosos alumnos os encargados de facer as ilustracións, de novo, por grupos. Finalmente, os rapaces pasarán a historia e os debuxos a "Edilim" coa axuda do mestre e poderá proxectarse na pantalla electrónica da aula.
Para que vos podades facer unha idea acerca de como podería quedar o álbum ilustrado feito polos alumnos, realizamos unha pequena simulación, onde inventamos un conto que podería xurdir da imaxinación dos rapaces e tamén elaboramos certos debuxos que acompañan ó texto. En primeiro lugar, presentámosvos as imaxes do texto que conformaría a historia e máis abaixo as ilustracións que o acompañarían. Serían as capturas do álbum creado en "Edilim" que levaría por título: Habelas, hainas!
|
Primeira parte do conto. Imaxe propia. |
|
Segunda parte do conto. Imaxe propia. |
|
Terceira parte do conto. Imaxe propia. |
|
Ilustración da primeira parte do conto. Imaxe propia. |
|
Ilustración da terceira parte do conto. Imaxe propia. |
|
Ilustración da segunda parte do conto. Imaxe propia. |
Segunda actividade
Nome: Non molestar, artistas creando.
Materiais: Cartolinas, goma elástica, rotuladores, pegamento e tesoiras.
Duración: Segundo día da semana durante un tempo aproximado dunha hora media ou dúas ho.
Obxectivos:
-Desenvolver a motricidade fina no recorte con tesoiras.
-Recoñecer o noso animal e o dos compañeiros.
Descrición: Trala lectura e creación do noso propio conto, partindo dalgunhas das personaxes de O clan da Loba, imos representar a obra. Para iso ímonos disfrazar por grupos de cinco conformando os distintos clans que compoñen o conto que elaboraron os nenos. Desta maneira, cinco alumnos serán serpes, outros cinco golfiños... Tamén, precisaremos dunha rapaza que faga o papel de Anaíd e o da súa nai.
Para a elaboración de cada disfrace, amosaráselles ós rapaces uns modelos de máscaras segundo o clan ó que pertenzan. Os alumnos terán que debuxalas en cartolinas, recortaranas, para finalmente axudarlles a colocar a goma elástica que lles permitirá acomodarse a careta cubrindo a súa cara. Cada un dos clans irá vestido dunha cor diferente e coa máscara representativa do mesmo: o clan da loba de cor marrón escura, o clan dos golfiños de cor azul, o clan da serpe de cor verde, o clan das aguias de cor marrón e branco; e finalmente, quen faga de Anaíd, irá con cunha vestimenta normal e pode levar na man unha variña.
Aquí deixamos á disposición de todos as caretas que nós mesmos elaboramos.
|
Máscara de aguia. Imaxe propia. |
|
Máscara de serpe. Imaxe propia. |
|
Máscara de golfiño. Imaxe propia. |
|
Máscara de loba. Imaxe propia. |
Por se quedabades coas ganas de ver como nos quedaban as caretas, tamén dispoñemos dunha imaxe:
|
Catro dos membros do grupo coas caretas. Imaxe propia. |
Terceira actividade
Nome: Luces, cámara e acción!
Materiais: Caretas, variña e elementos diversos que podan ser relevantes no relato (un álbum de fotos, un armario no que estaría gardado o álbum, agasallos, mobiliario para recrear a escola e a casa de Anaíd, panel con imaxes de persoas que recreen os familiares que viñeron a casa da nena polo seu aniversario...).
Duración: Terceiro, cuarto e quinto da semana durante un tempo total aproximado de cinco horas. O primeiro dos días usaríase para repartir os papeis e memorizar o guión. O segundo para ensaiar e o terceiro para representar.
Obxectivos:
-Desenvolver a capacidade de actuación ante un público.
-Memorizar pequenos fragmentos para a posterior dramatización.
-Respetar ós compañeiros coma iguais, atendendo a súa representación.
-Mostar interse pola participación en obras teatrais.
-Adquirir progresivamente a competencia en comunicación oral.
Descrición: Trala creación da nosa historia, das personaxes tomando man das caretas, e ben distribuídos os roles, daremos vida a nosa historia na aula. Como a narración é curta e os personaxes son poucos danos tempo a facer máis dunha representación para que todos poidan participar na obra. Cada vez que se represente a historia, terá que haber un neno que se corresponda con cada un dos catro clans e que terá a súa máscara identificadora, unha nena que será Anaíd, a súa nai e un narrador. O público será o resto dos compañeiros que esperan a quenda para actuar.
Aínda que as protagonistas da conto simulado son mulleres (tanto as curmás que pertencen os clans como a nai), cando o papel o desenvolva un neno, en vez de, ser curmás, serán curmáns e no lugar de nai, pai.
Cuarta actividade
Nome: Abracadabra… Maxia en acción.
Materiais: Velas, chisqueiro, vasos de plástico, cordón, auga, tapa de lata, goma elástica, cartulinas, lápiz, rotulador permanente e lá.
Duración: Sexto día da semana durante un tempo aproximado de tres horas.
Obxectivos:
-Coñecer diferentes aspectos sobre a maxia.
-Formular hipóteses en relación a unha serie de trucos que se presentan.
-Traballar a motricidade fina ó realizar algún dos trucos de maxia e o introducir o fio de lá no burato da cartolina.
-Achegarse á cámara fotográfica por medio da gravación dos trucos de maxia.
-Reescribir nas cartolinas que se colgarán ó pescozo os conxuros que se mostran na pantalla electrónica
- Reproducir os sons e movementos de distintos animais.
Descrición: Durante a asemblea falaremos sobre os coñecementos que os nenos teñen sobre os trucos de maxia (se queren e temos os materiais necesarios na aula, poderían mostrar aqueles trucos que xa saben), se asistiron algunha vez a un espectáculo deste tipo… Tentaremos dirixirnos cara a conclusión de que para que a maxia xurda efecto, sempre se teñen que pronunciar certas palabras especias.
Tras esta posta en común, cada alumno coa axuda do mestre, elaborará o seu propio conxuro. Estes levarán o nome de cada un dos rapaces e ademais, o dun animal.
A actividade constará de dúas partes. A primeira consistirá en que o mestre presente na pantalla electrónica unha serie de conxuros que, coa axuda de todos os nenos da aula, iremos completando. A estes fáltalles soamente o nome dun dos alumnos da clase. Existe un único problema, e é que deben atopar o nome do neno que ten as mesmas últimas tres ou catro letras que as do nome do animal que aparece no conxuro. Desta maneira, estaremos aproximándonos sen ser explicitamente coa rima asonante e consonante.
Cando xa teñamos os conxuros completos, os nenos reescribirán o seu a unhas pequenas cartolinas cun cordel para que as poidan colgar do pescozo.
Algúns exemplos dos conxuros poderían ser os seguintes:
Maxia potaxia, que Eviña
se converta nunha galiña.
|
Conxuro co nome de Eva. Imaxe propia.
|
Cos meus pos multicolores e a miña variña saltarica,
que Pepiño se converta nun golfiño.
|
Conxuro co nome de Pepe. Imaxe propia. |
Sin sala bin, que Roberta
se converta nunha bolboreta.
|
Conxuro co nome de Roberta. Imaxe propia. |
Unllas de gato e ollos de sapo, que Dante
se converta nun elefante.
|
Conxuro co nome de Dante. Imaxe propia.
|
Abracadabra, pata de cabra, que Maca,
se converta nunha vaca.
|
Conxuro co nome de Macarena. Imaxe propia. |
A partir de todo o anterior, colocaranse todas as tarxetas xuntas sobre unha mesa. Os alumnos, por quendas, collerán unha e lerán o conxuro. Logo, poñeranlla ó compañeiro que se nomea nel e este terá que imitar o animal do que se fala, tanto co corpo como con sons, producidos polas súas extremidades e tronco ou mediante a voz.
Nunha segunda parte da actividade, realizaremos diversos trucos de maxia. Estes serán sinxelos e sen moitas complicacións para que tras unha breve explicación, os nenos os poidan realizar por si mesmos. Logo, os máis pequenos gravarán os seus propios trucos.
O primeiro deles consiste en encher cun pouco de auga un vaso. Despois disto, colocarase unha tapa de lata de maneira que cubra a parte superior do vaso. Finalmente, darémoslle a volta e todos observarán que a auga do vaso non se sae do recipiente de cristal . Aquí tedes un vídeo explicativo do proceso:
Explicación do primeiro truco. Vídeo propio.
O segundo deles baséase en acender dúas velas e cubrilas cun vaso. Así faremos crer ó espectador que gracias ós pos máxicos que lle botamos a un deles, ó colocalo enriba da vela, esta apagarase. A candea que ten o vaso ó que non lle caeron os pos permanecerá acendida. O truco reside en que, cando queiramos que a mecha deixe de arder, colocaremos un simple recipiente de plástico sobre ela, pero cando o que pretendemos conseguir o feito contrario, debemos facer un pequeno furado no vaso.
Explicación do segundo truco. Vídeo propio.
O terceiro deles consistiría nunha corda na que se faría un nó especial, de maneira que o espectador o que ve é un cordel cunha atadura. Ó pasar a man por enriba dela desfaise. O nó é moi sinxelo de elaborar. Tan só hay que cortar un anaco do cordón principal e atalo a este.
Explicación do terceiro truco. Vídeo propio.
O cuarto deles consistiría nunha goma, a cal a simple vista só estaría amarrada a dous dos dedos da man, o meimiño e o anular, pero que en realidade abranguería tamén o corazón e o índice. Nun movemento rápido e utilizando unha das mans para tapar o cambio, a goma elástica pasaría de estar nos dedos meimiño e anular a quedarse no corazón e índice.
Explicación do cuarto truco. Vídeo propio.
Quinta actividade
Nome: Remedios caseiros
Materiais: Sobres de tila, manzanilla, poleo menta, té verde, vasos de plástico, auga quente, azucre e culleres.
Duración: Sétimo día durante un tempo aproximado de unha hora.
Obxectivos:
-Coidar a natureza á hora de recoller só o que precisen, evitando danar o medio no que se atopan as plantas.
-Distinguir diversas herbas e follas de árbores e plantas en función da utilidade que lle aportan ó home.
Descrición: O mestre ou os nenos traerán das súas casas diferentes sobres de infusións. Na aula, abrirémolos e exploraremos mediante o tacto e o olfacto o que se atopa dentro delas. Máis tarde, prepararemos as nosas propias bebidas cun pouco de auga quente e probarémolas. O mestre fará saber ós alumnos que as bruxas non só se encargan de facer conxuros, senón que outra das súas funcións é recoller distintas follas, herbas, flores... para preparar menciñas.
Tamén é importante que falemos das propiedades que teñen cada unha destas infusións, deixando que os máis pequenos nos comuniquen a súa opinión. Seguramente dalgunhas delas (como a manzanilla) si saberán para que se utiliza, posto que, posiblemente os seus pais lla fagan cando lles doe o estómago, pero as demais quizais sexan máis descoñecidas. Deixarase que poñan en común as súas suposicións sobre para que serven, e senón o mestre será o que o explicará.
Da manzanilla poderá dicíselles que se usa non só para cando temos molestias no estómago, senón tamén para cando temos conxuntivite. Mollar un pano en manzanilla, axuda a que os nosos ollos se atopen mellor. Da tila, que axuda a que nos calmemos cando estamos un pouco nerviosos. O poleo menta para o estómago e respirar mellor cando temos catarro, así como calmar a tose. Por último, o té verde axuda a previr as caries e mellorar o estado das enxivas. Tamén é bo para que nos concentremos pois contén cafeína. Tamén se falará da importancia de respectar a natureza, sen danala.
|
Infusións de tila, manzanilla, poleo menta e té verde. Imaxe propia. |
Conclusións
Dende o noso punto de vista, pensamos que este proxecto tería e un gran éxito entre os máis pequenos. Cremos isto porque nel o rol principal é dos alumnos, o mestre só se presenta como un mero guía das distintas actividades. Os máis pequenos, moitas veces, non se achegan nas aulas ós libros porque non se lles deixa que os collan nos momentos de xogo libre xa que se poden romper, pero tampouco existe un tempo específico dedicado á lectura. Moitas veces, o educador lelles un conto ós rapaces se estes se portan ben coma se fose unha especie de premio. Por todo isto preguntámonos: é esta unha boa forma de fomentar a lectura?
Cremos que a nosa proposta gozará de aceptación porque achega ós nenos a literatura dunha maneira diferente: son eles os que crean a súa propia historia, que máis tarde representarán. Os alumnos serán os redactores e ilustradores da súa propia historia e ademais, os actores que levarán á escena a súa narración. Temos en conta que, dependendo da personalidade dos nenos, algúns poderían sentir vergoña ó ter que representar, mais ó dispoñer de caretas feitas por eles mesmos, atrevémonos a dicir que esta sería un pouco menor.
Tamén, pensamos que o resultado sería positivo porque, pola nosa experiencia, sabemos que a maioría dos pequenos senten moita curiosidade pola maxia e que eles sexan capaces de facer os trucos ten que ser para eles fantástico. Non credes que en canto chegaran á casa faríanllos as súas familias? E que nos dicides dos conxuros co seu nome? Os rapaces gústalles sentirse recoñecidos e se cada un deles ten o seu propio encantamento, seguramente se sentirá especial. Aínda que non o describimos na proposta, cremos que sería tremendamente interesante (e que aínda entusiasmaría máis os nenos), que cando se pasase lista, en vez de chamalos polo seu nome propio, recitemos o conxuro que os identifica.
Finalmente, na última actividade na que descubriremos distintas plantas coas que facer infusións, os nenos desfrutarán tocando, ulindo, degustando as súas propias bebidas, en definitiva, despregando aqueles sentidos que non se teñen tan en conta na escola, pero tamén son moi importantes.
A utilidade fundamental deste proxecto na etapa de Educación Infantil é que fomenta a imaxinación, a creatividade, o interese por ler e o hábito de ler dunha forma que os nenos non o ven como obrigación ou sinónimo de traballo, senón como unha actividade lúdica e entretida na que aprenden xogando e experimentando xa que, por exemplo, eles mesmos se poden converter nas personaxes da historia. Ademais, defendemos que a función que se lle debe dar a un libro non deber ser unicamente a lectura, senón que se pode conectar con outras áreas do currículo. Neste caso, coa primeira de coñecemento de si mesmo a autonomía persoal ó realizar os traballo por si mesmos, colaborando cos compañeiros e traballando, a grandes trazos, a motricidade grosa e fina e coa segunda de coñecemento do contorno a través dos animais ou mesmo das distintas plantas para facer as infusións.
Esta é a nosa derradeira entrada, cústanos despedirnos, pero temos que facelo. Aínda así, deixámosvos, de novo, a nosa conta de twitter para calquera comentario que nos queirades facer sobre a proposta. Unha aperta!
Anotación: Na redacción só facemos referencia o xénero masculino para facilitar a lectura, pero temos en conta tamén o feminino, sen ningún tipo de discriminación.
Referencias bibliográficas e webgráficas
Referencias bibliográficas
Carranza, M. (2010). O clan da loba. A Coruña: Rodeira
Xunta de Galicia. (2009). Lexislación da Educación Infantil en Galicia. A Coruña: Tórtulo Artes Gráficas
Autores da entrada
Álvarez López, Carolina
Bouso García, Cristina
Díaz Portillo, María Noelia
Diéguez Porto, Nerea
Fernández Otero, Joel