No post de hoxe vamos realizar unha breve
recensión crítica sobre o libro Vinte e oito
historias para rir, de Úrsula Wölfel, comezando por unha pequena ficha técnica
cos datos mais relevantes sobre o libro:
Título: Vinte e oito historias para rir
Autora:
Úrsula Wölfel
ISBN: 978-84-8464-599-3
Editorial: Kalandraka
Ano da 1ª edición: 1969
Ano da edición que manexamos: 2007
A continuación, analizaremos un pouco a
temática da obra. A contraportada do libro preséntanos a seguinte sinopse: "Un rato rodeado de exquisitos manxares e que, indeciso ante a abundancia, queda sen probar ningún; un neno que non mete o dedo no nariz porque quere ser o mais educado do mundo; dous touros presuntuosos que aburren as vacas; un home con tanta présa que xa non sabe nin onde vai." Este breve resumo pretende manifestar un pouco o sentido do libro.

"O neno que xamais paraba de rir", unha historia
moi graciosa sobre un pequeno moi alegre que nunca paraba de rir, nin sequera
cando chovía, e os demais estaban de mal humor ou tristes porque o sol non saía
por ningures.
"A historia do rato na tenda", que nos conta como
un ratiño se colou nunha tenda unha noite, e nela había tantas cousas ricas
para comer, que tanto pensou e pensou no que quería probar que quedou sen nada,
pois chegou a mañá e a xente botouno da tenda.
"A historia do burro listo", que narra como un
home tiña tanta présa por ir de compras que arrastraba ó pobre burro sen
deixarlle comer herba polo camiño. O animal foi tan astuto que conseguiu que ó
home lle caeran os cartos polo camiño, polo que se tivo que deter, e mentres os
recollía, o burro tivo tempo a comer todo o que quixera.
Volvendo á falta dunha temática xeral, podemos dicir que cada historia aporta ideas secundarias diferentes, implícitas na redacción do
propio conto, e relacionadas sobre todo cos acontecementos que lles ocorren a
unha serie de personaxes.

Como grupo, chegamos á conclusión de que resulta moi complicado facer unha análise concreta do conxunto da obra xa que non consta dun argumento común, ó tratarse de historias independentes, sen que existan personaxes ou temas comúns ó longo do libro. Poderiamos dicir que, a pesar do sinalado anteriormente, si é certo que grazas a tratarse de pequenas historias, a lectura faise amena, entretida e novidosa. Este formato facilita moito as cousas á hora de transmitir ós nenos e nenas o contido das historias, xa que cada día podemos darlles a coñecer unha nova historia sen caer na monotonía e o cansazo en xeral, fomentando así o gusto pola lectura.
En liñas xerais, a obra gustounos bastante, xa que a súa
lectura foi sinxela, ó mesmo tempo que entretida. O mais curioso de todo foi
comprobar como cada un de nós se sentía identificado con aspectos da obra diferentes.
A súa variedade e riqueza temática fixo que todos nos sentísemos identificados con algunhas personaxes ou
situacións recollidas nos relatos, ó tratarse de acontecementos cotiás que lle
poderían pasar a calquera.
Pola nosa parte nada máis. Non vos perdades a nosa
próxima entrada, na que vos seguiremos dando información desta autora tan
interesante.
Referencias:
Wölfel, Úrsula (1969). Vinteointo historias para rir. Kalandraka, Pontevedra.
Post elaborado por: Guillermo
Couto Contreras, Cristina López Rodríguez, Nerea Núñez Fernández, Víctor Nieto
Martínez.
Podédesnos seguir en Twitter:
@28HistoriasParaRir
Este comentario foi eliminado polo autor.
ResponderEliminarEste comentario foi eliminado polo autor.
ResponderEliminar