mércores, 12 de marzo de 2014

Tres décadas de obras literarias

Con máis de tres decenas de publicacións en 30 anos de actividade, a relevancia de Alice Vieira no panorama literario portugués é obvia. Tal é así que a súa primeira obra, Rosa, Minha Irma Rosa (1979) foi distinguida co Premio Literario Infantil “Ano Internacional do Neno”. E tamén foi merecedora doutros galardóns, tales como: o Premio Calouste Gulbenkian de Literatura Infantil (1983) por Este Rei que Eu Escolhi, o Gran Premio Gulbenkian (1994) polo conxunto da súa obra e a Estrela de Prata do Premio Peter Pan atribuído á edición sueca de Flor de Mel. Ademais, foi nomeada en varias ocasións ao Premio Hans Christian Andersen pola súa producción completa.




A autora aporta unha dilatada bibliografía dirixida principalmente ao público infantil e xuvenil. Desde os seus inicios, asume un papel innovador en Portugal, coa escritura de novelas e romances que tratan algunhas problemáticas de adolescentes, como a súa primeira edición, composta polo tríptico: Rosa, Minha Irma Rosa (1979), Lote 12, 2º Frente (1980) e Chocolate á Chuva (1982). E nesta liña, continua con libros como: Úrsula, a Maior (1990) e Caderno de Agosto (1995), máis centrados no universo feminino (recreando diferentes xeracións, voces e estratos sociais). E mesmo traballa a identidade cultural e histórica noutras obras, como as que conforman o díptico: A Espada do Rei Afonso (1981) e Este Rei que Eu Escolhi (1983). 




No referente ao universo infantil, Alice Vieira abrangue diferentes xéneros (reescritura da tradición oral, teatro, poesía, etc.). Pero na nosa escolla destacaremos contos como os da colección Livros com Cheiro (Livro com Cheiro a Chocolate, Livro com Cheiro a Morango e Livro com Cheiro a Baunilha) e unha das súas últimas publicacións, A Charada da Bicharada (2008), que integra un conxunto de poemas e adiviñanzas dedicadas ao mundo animal.



                    
 Webgrafía:


Entrada realizada por:

González Fernández, Sonia
Tajes Fernández, Ángela
Val Leiro, Olaya

Twitter: @Cadernodeagosto

Ningún comentario:

Publicar un comentario