Matute Ausejo, Ana Mª
(2013)3ª. Sólo un pie descalzo.
Madrid: Editorial Destino. ISBN: 978-84-233-4630-1 [1ª edición 1983]
Nesta
edición, Ana M.ª Matute amósanos mediante Gabriela, a protagonista desta
historia, unha realidade evidente: a imperfección do mundo e o medo a non
encaixar neste, medo que nos acompaña e nos angustia ao longo da nosa vida e
das súas diferentes etapas. Matute, amosa o rexeitamento e humillación que
tanto no ámbito familiar coma no escolar, sofre Gabriela, a nena considerada
por todos como a nena que perde un so zapato e quen, para superalo, evádese do
mundo real tomando man da fantasía, mundo no que ela é aceptada tal é como é.
A
historia de Gabriela é contada por Matute de xeito progresivo, podendo apreciar
a evolución e o desenvolvemento dos feitos. Deste xeito, o lector somérxese
nunha historia chea de fantasía pero cunha crúa realidade ademais da comentada.
A autora inclúe na súa obra diversos temas, entre os que destacan: marxinación, discriminación, desigualdade,
soidade, imaxinación, acoso escolar, etiquetas...
Apesares
de que a historia está ambientada anos atrás, a temática tratada, por desgraza,
continúa a estar vixente na actualidade. Matute, como dicimos, fai que a
protagonista, Gabriela, intente buscar o seu oco no mundo mediante a súa propia
imaxinación e fantasía, o cal lle axuda a superar os seus medos e inquedanzas.
No
seu día a día, Gabriela ten que facer fronte a diferentes dificultades e
obstáculos, pero sen dúbida o máis importante para ela é o rexeitamento que
sofre por parte da súa familia e da xente da Casa. A súa nai amosa claras
diferenzas no tratamento das súas fillas, pois mentres outorga afecto ás irmás
de Gabriela, a esta non a considera igual ca elas. Así mesmo, Gabriela non pode
formar parte do xa consolidado, “ritual da croqueta”, ofrecido pola cociñeira
Tomasa. Gabriela era considerada por todos como a nena que perdía un so zapato,
a pequena, a torpe …, e un sen fin de etiquetas. O feito de perder
continuamente un só zapato sen explicación algunha, e de recibir continuas
humillacións, espertaron en Gabriela a necesidade de crear a alguén que a
comprendera e a aceptara tal e como é. Este é o papel que xoga Homolumbú, quen
se encarga, mediante un libro imaxinario, de guiala e introducila no “Mundo dos
descarrilados, desemparellados e esquecidos”, onde atopa obxectos e variados
utensilios que senten empatía ca protagonista, sentíndose esta identificada e
aceptada.
Ante
este continuo rexeitamento familiar, Gabriela amósase estar ilusionada no seu
comezo do Colexio, “significaba, sin duda, entrar y ser admitida en el mundo en
general y en el de las niñas en particular”. Porén, a acollida no colexio non
cumpriu as expectativas, pois para ás súas irmás, Gabriela non era máis que a
persoa que as avergoñaba. Ademais, a mestra non daba lugar a diálogo e moito
menos á comprensión, nin ao agarimo. En definitiva, a situación no colexio
chegou ata o punto de sofrir acoso escolar por parte de toda a comunidade.
Gabriela
consideraba que debía ser ela quen tiña que cambiar o seu carácter, a súa forma
de ser, para así poder chegar a ser aceptada nese mundo imperfecto. Esta
situación foise prolongando ao longo do tempo, ata que nas vacacións sucedeu o
que nunca antes pasara, o seu zapato perdido foille devolto por Gabriel, o cal
desencadeou unha nova e especial amizade: “Ya no importaba ser la última,
porque ahora eran <<los
últimos>>, ni tampoco ser <<la
más pequeña>>,
porque los dos tenían la misma edad y, en todo caso, eran <<los
más pequeños>>”.
Dende este intre, e ao deixar atrás a súa infancia, Gabriela comezou a sentirse
integrada na sociedade.
Dende
a nosa perspectiva, consideramos que se trata dunha obra chea de valores e
temáticas realmente enriquecedoras. Así mesmo, cremos que Matute nos abre unha
porta á imaxinación, a un mundo paralelo que podemos levar ao noso terreo.
Porén, en algunhas ocasións, a estrutura da obra xerounos certa carga
informativa, o cal provocou que perdésemos o fío dalgunha trama e
acontecemento.
A
nosa opinión é que a medida que nos adentrabamos na lectura, chegamos a inducir
que o personaxe de Gabriela era en realidade unha escusa para narrar
acontecementos da vida da autora, Ana María Matute. As nosas dúbidas víronse
consolidadas tras visualizar unha entrevista na que Matute confesa certas
anécdotas da súa infancia como o ritual da croqueta, a casa das vacacións,
etcétera, que aparecen explicitamente en “Sólo un pie descalzo”. Por outra
banda, o feito de que Gabriela perdese só un zapato do mesmo pé levounos a
pensar que podía contar con algunha discapacidade motriz.
En
síntese, recomendamos a lectura deste libro, principalmente porque a
diversidade nos enriquece a todos e a todas, e en todos os sentidos.
Autoras:
Pamela Campos Andión
Beatriz Castiñeira Barreiro
Ana De La Calle López
Rocío Fernández Rodríguez
Raquel Fernández Sanfiz
Parabéns pola entrada, resulta moi suxerente.
ResponderEliminar