venres, 14 de marzo de 2014

O mundo máxico de Gabriela

Matute Ausejo, Ana Mª (2013)3ª. Sólo un pie descalzo. Madrid: Editorial Destino. ISBN: 978-84-233-4630-1 [1ª edición 1983]

Nesta edición, Ana M.ª Matute amósanos mediante Gabriela, a protagonista desta historia, unha realidade evidente: a imperfección do mundo e o medo a non encaixar neste, medo que nos acompaña e nos angustia ao longo da nosa vida e das súas diferentes etapas. Matute, amosa o rexeitamento e humillación que tanto no ámbito familiar coma no escolar, sofre Gabriela, a nena considerada por todos como a nena que perde un so zapato e quen, para superalo, evádese do mundo real tomando man da fantasía, mundo no que ela é aceptada tal é como é.

A historia de Gabriela é contada por Matute de xeito progresivo, podendo apreciar a evolución e o desenvolvemento dos feitos. Deste xeito, o lector somérxese nunha historia chea de fantasía pero cunha crúa realidade ademais da comentada. A autora inclúe na súa obra diversos temas, entre os que destacan:  marxinación, discriminación, desigualdade, soidade, imaxinación, acoso escolar, etiquetas...

Apesares de que a historia está ambientada anos atrás, a temática tratada, por desgraza, continúa a estar vixente na actualidade. Matute, como dicimos, fai que a protagonista, Gabriela, intente buscar o seu oco no mundo mediante a súa propia imaxinación e fantasía, o cal lle axuda a superar os seus medos e inquedanzas.


No seu día a día, Gabriela ten que facer fronte a diferentes dificultades e obstáculos, pero sen dúbida o máis importante para ela é o rexeitamento que sofre por parte da súa familia e da xente da Casa. A súa nai amosa claras diferenzas no tratamento das súas fillas, pois mentres outorga afecto ás irmás de Gabriela, a esta non a considera igual ca elas. Así mesmo, Gabriela non pode formar parte do xa consolidado, “ritual da croqueta”, ofrecido pola cociñeira Tomasa. Gabriela era considerada por todos como a nena que perdía un so zapato, a pequena, a torpe …, e un sen fin de etiquetas. O feito de perder continuamente un só zapato sen explicación algunha, e de recibir continuas humillacións, espertaron en Gabriela a necesidade de crear a alguén que a comprendera e a aceptara tal e como é. Este é o papel que xoga Homolumbú, quen se encarga, mediante un libro imaxinario, de guiala e introducila no “Mundo dos descarrilados, desemparellados e esquecidos”, onde atopa obxectos e variados utensilios que senten empatía ca protagonista, sentíndose esta identificada e aceptada.


Ante este continuo rexeitamento familiar, Gabriela amósase estar ilusionada no seu comezo do Colexio, “significaba, sin duda, entrar y ser admitida en el mundo en general y en el de las niñas en particular”. Porén, a acollida no colexio non cumpriu as expectativas, pois para ás súas irmás, Gabriela non era máis que a persoa que as avergoñaba. Ademais, a mestra non daba lugar a diálogo e moito menos á comprensión, nin ao agarimo. En definitiva, a situación no colexio chegou ata o punto de sofrir acoso escolar por parte de toda a comunidade.



Gabriela consideraba que debía ser ela quen tiña que cambiar o seu carácter, a súa forma de ser, para así poder chegar a ser aceptada nese mundo imperfecto. Esta situación foise prolongando ao longo do tempo, ata que nas vacacións sucedeu o que nunca antes pasara, o seu zapato perdido foille devolto por Gabriel, o cal desencadeou unha nova e especial amizade: “Ya no importaba ser la última, porque ahora eran <<los últimos>>, ni tampoco ser <<la más pequeña>>, porque los dos tenían la misma edad y, en todo caso, eran <<los más pequeños>>”. Dende este intre, e ao deixar atrás a súa infancia, Gabriela comezou a sentirse integrada na sociedade.

Dende a nosa perspectiva, consideramos que se trata dunha obra chea de valores e temáticas realmente enriquecedoras. Así mesmo, cremos que Matute nos abre unha porta á imaxinación, a un mundo paralelo que podemos levar ao noso terreo. Porén, en algunhas ocasións, a estrutura da obra xerounos certa carga informativa, o cal provocou que perdésemos o fío dalgunha trama e acontecemento.

A nosa opinión é que a medida que nos adentrabamos na lectura, chegamos a inducir que o personaxe de Gabriela era en realidade unha escusa para narrar acontecementos da vida da autora, Ana María Matute. As nosas dúbidas víronse consolidadas tras visualizar unha entrevista na que Matute confesa certas anécdotas da súa infancia como o ritual da croqueta, a casa das vacacións, etcétera, que aparecen explicitamente en “Sólo un pie descalzo”. Por outra banda, o feito de que Gabriela perdese só un zapato do mesmo pé levounos a pensar que podía contar con algunha discapacidade motriz.


En síntese, recomendamos a lectura deste libro, principalmente porque a diversidade nos enriquece a todos e a todas, e en todos os sentidos.

Autoras:
Pamela Campos Andión
Beatriz Castiñeira Barreiro
Ana De La Calle López
Rocío Fernández Rodríguez
Raquel Fernández Sanfiz

1 comentario: