martes, 25 de marzo de 2014

Proxecto "A expedición do Pacífico"


Obra base? A expedición do Pacífico. O tema central é a investigación de insectos, polo que sería interesante para os máis pequenos debido a que é algo co que conviven a diario.

Temática? Os insectos, xa que resulta motivadora e interesante para os nenos, ao ser algo do día a día e da natureza co que se senten moi atraídos.

Preguntas de partida:
  • Que son os insectos?
  • Como se alimentan?
  • Onde viven?
  • Que beneficios nos aportan?

Os principais obxectivos desta unidade son:
  • Coñecer os distintos insectos que aparecen na obra e algunhas das súas características
  • Saber as distintas partes dos insectos
  • Clasificar os insectos
  • Recoñecer os distintos nomes dos insectos
  • Adquirir novo vocabulario
  • Iniciarse en lectoescritura
  • Asociar palabras con imaxes

Levaremos a cabo unha serie de actividades para o desenvolvemento desta unidade. Así, comezaremos con recrear na aula unha selva e, posteriormente, realizaremos distintas tarefas:

Recuncho da selva e dramatización
Neste recuncho recrearemos unha selva, na que empregaremos follas de palmeira, troncos, flores típicas, cocos... que os propios nenos elaborarán. Logo disto, realizarán dramatizacións, onde farán eles os seus disfraces.

                           

Un son... quen será?
Precisaremos dun ordenador ou reprodutor de música onde poñeremos sons de insectos. Os nenos deberán pescudar de que insecto se trata. Así asociarán o insecto co seu respectivo son.
                                               
Como te moverás?
Despois disto, reproducirase un son e os nenos terán que moverse como ese insecto. Deste xeito, relacionarán o son co movemento.

Conto motor: quen será o protagonista?
Isto será empregado na hora de psicomotricidade e consistirá en que a mestra irá contando o conto e os nenos, acorde a el, irán realizando diferentes movementos. Velaquí un exemplo:

"Estaban todos os insectos reunidos nun bosque, discutían entre eles sobre cal preferían que fose o insecto protagonista do próximo libro de lectura. Neste momento (nome do alumno) dixo que as abellas, (nome do alumno) as formigas, (nome do alumno) as moscas, (nome do alumno) os escaravellos,(nome do alumno)o caracol e (nome do alumno) xoaniñas.
De repente, todos eles se transformaron en insectos!! As abellas saltaban, as formigas andaban á pata coxa, as moscas tocaban as palmas, os escaravellos arrastrábanse polo chan e as xoaniñas cantaban. E, finalmente, con tanta revolución todo volveu á normalidade e a clase continuou cun conto sobre todos os insectos do bosque".


Esta será unha unidade moi motivadora, que axudará a atraer aos nenos a esta temática. Así mesmo, gozarán con actividades lúdicas, amenas, posto que estarán aprendendo sen darse conta. 

ANIMÁMOSVOS A LEVAR A CABO ESTAS ACTIVIDADES, SORTE!!


Elaborado por:
María José Varela Herrero
María Veiga Facal
Eva María Veiga Real
María Adelaida Veiga Teixeira
Patricia Vidal Jartín


Ningún comentario:

Publicar un comentario