(Imaxe de @badaude)
Cando no século XVIII a infancia xorde como etapa diferenciada da vida adulta, ábrense unha chea de posibilidades. Entre elas, que existan un libros específicos para eses nenos e nenas. Esas primeiras edicións dirixidas á infancia serán, como non podía ser case doutro xeito, de índole relixiosa e moral, nun intento de tratar introducir a doutrina nuns textos adaptados especificamente para eles e elas. Non obstante, axiña aparecerá a posibilidade de ofrecerlles ficción, como saberá ver -entre outros- o libreiro, editor e escritor John Newbery que, alá por 1744, comezará a escribir breves e divertidas historias dirixidas á infancia. Avanza o século XVIII e persoeiros como John Locke ou J.J.Rousseau serán despois estudados como pais do novo concepto de infancia. Mais, que ocorre con todas as autoras que se apropiaron do novo campo literario,coa ficción para o lectorado en formación? Apenas se citan nos manuais en notas a pé, inda que o seu nome sexa tan potente coma o berro que di: Mary Wollstonecraft, a autora -entre outras obras- de Frankenstein. Apenas importa que, como ten notado parte da crítica feminista, as voces da infancia e as voces en mulleres teñan en común ser voces silenciadas, que queren ser escoitadas e que, polo tanto, para facelo, buscan espazos subversivos e alternativos.
Os séculos avanzan, as escritoras silenciadas polas historias da literatura seguen escribindo e o canon resulta ser a cada paso máis masculino. Se se nos di: citade cinco autores de literatura infantil e xuvenil, posiblemente á mente nos virán precisamente iso, autores: Verne, Andersen, Stevenson, Barrié, Carroll. Curioso nun tipo de literatura que no século XIX escribían máis mulleres porque "estaba ben visto" que as mulleres, "nais futuras" escribisen para nenos e nenas. A LIX era contemplada como un entretemento, case coma un xogo menor...
Para que deixe de ser "curioso" e para divulgar a obra de autoras galegas, mais tamén alemás, portuguesas, brasileiras, finesas, castelás, suecas... abrimos este blog. Un espazo de aprendizaxe en que redactamos, creamos, corriximos, modificamos, comentamos, melloramos, soñamos e sobre todo, lemos. Porque se a aprendizaxe é vivencia, para aprender literatura cómpre vivila e a literatura vívese nos libros (e agora tamén na rede).
Somos as alumnas e os alumnos de 3º Grao de Educación Infantil da Facultade de Formación do Profesorado de Lugo (USC) e a súa profesora. E aquí, aprendemos e lemos. Non saberiamos dicir en que orde, mais facémolo.
Montse Pena Presas
@penapresas
Ningún comentario:
Publicar un comentario