xoves, 20 de marzo de 2014

O misterio dos fillos de Lúa vs Dúas bágoas por Máquina

A outra obra de Fina Casalderrey que imos valorar é Dúas bágoas por Máquina. Nesta obra relátase a historia de Máquina, o fermoso can de Xusta. O animal chegou á familia cando a nena cumpriu 6 anos e foi moi querido durante varios anos, excepto pola avoa, que sempre lle tivo algo de rabia. Co paso do tempo, Máquina foi medrando e, por conseguinte, tendo maior confianza coa familia, ata o punto de coller a roupa do tendeiro. Estas trasnadas, fixeron que a familia perdera o cariño que lle tiña, isto é, chegaron ao extremo de abandonalo. Por suposto, Xusta non sabía nada disto e púxose moi triste, pero un día, despois de moito tempo, Máquina volveu xunto á súa dona. A alegría durou pouco, porque Máquina perdeu a vida nun terrible accidente, por causa de salvar á avoa.

Os temas en común que teñen esta obra e O misterio dos fillos de Lúa, son moitos. En primeiro lugar, a relación dos nenos cos animais, coa familia, en especial cos avós, o amor entre os nenos visto dende o punto de vista deles e, nun segundo plano, a morte, que tamén está presente nas dúas. Así mesmo, aparece a enfermidade, vista como algo que inflúe no carácter, no día a día e nas persoas que nos rodean. Podemos engadir que en ambas historias a enfermidade aparece na personaxe da avoa. 

Outro trazo que teñen en común, e que caracteriza moito a escrita de Casalderrey, é o mundo dos nenos, visto dende unha perspectiva de esperanza, de ilusión e de positivismo. En ambas novelas, os nenos non se renden ante os problemas, senón que loitan por atopar a solución. O misterio dos fillos de Lúa, está redactado en primeira persoa, o que permite poñerse plenamente na pel dun neno. Pola contra, Dúas bágoas por Máquina, está narrado en terceira persoa, aínda que nalgunhas ocasións, a autora, si que fai referencia aos pensamentos da protagonista. 

A valentía tamén está presente nas dúas obras. Na primeira forma parte da personalidade do neno e, na segunda, está máis ligada ao animal, xa que é el quen loita por superar as dificultades. 

O último trazo que podemos destacar “propio” de Fina Casalderrey, é o de achegarse sempre á realidade, mostrando sempre as dúas caras da moeda. Por unha banda, as cousas boas da vida, e sobre todo cando somos nenos, pero, por outro lado, os problemas e situacións difíciles aos que nos temos que enfrontar constantemente. 

Das dúas obras lidas, a que máis nos gustou foi Dúas bágoas por Máquina, porque consideramos que trata unha parte máis dura da realidade, a que moitas veces se oculta ao alumnado. Transmite a idea de coidar e valorar o que temos, xa que nunca sabemos cando o podemos perder e o tren só pasa unha vez, como lle sucedeu á avoa con Máquina. Ademais, para a nena foi un golpe duro, isto é, os animais igual cas persoas, chegará o día no que nos abandonen, aspecto que, cando somos pequenos, non somos conscientes de valorar. 



Decidimos que a obra que máis acaída ten para traballar na aula é O misterio dos fillos de Lúa, porque é unha historia narrada por un neno, isto é, permite que os nenos se sintan máis identificados coas vivencias do protagonista e, polo tanto, que comprendan mellor o conto. 
Por outra banda, pensamos que chamará máis a atención dos nenos, porque trata de aventuras, sementando sempre o misterio ata o final da historia, o que dará moito xogo para traballar na aula. Ademais, as aventuras son reais e poden pasar na vida cotiá. 
A partir deste conto, podemos traballar outros temas como o abandono dos animais, as enfermidades, as relacións que teñen coa súa familia, e con outros nenos e nenas, cos cales poden xurdir amores da infancia. 




AUTORAS:
Saínza Paz Caamaño
Susana Pereiro López
Jéssica Silva Rodríguez
Marta Sobrado Díaz
Verónica Tuñas Gómez

Ningún comentario:

Publicar un comentario