xoves, 20 de marzo de 2014

Animádevos a descrubrir outras obras de Ana Mª Fernández!!

        Traballo de Mago
    Fernández, Ana Mª (2006). Traballo de mago. Barcelona: Camaleón, 978-84-9811-068-8.

   Traballo de Mago é unha obra narrativa contada en terceira persoa, con imaxes en branco e negro e acompañadas por pouco texto. O libro estrutúrase en tres partes; presentación, nó e desenlace, contando a historia dun mago que se sentía vello e non quería saír da súa torre. 

   Un día, unha nena, foi en busca do mago a pedirlle axuda e, este, ao vela triste decidiu socorrela. O motivo de dita tristura, residía na forma na que ían construír a torre do reloxo da praza da cidade, que ocasionaría nunha guerra. O mago quixo axudala, polo que buscou o traxe para poder facer maxia unha vez máis. Despois de prestarlle a súa axuda decatouse de que os nenos/as nunca debían chorar e comezou a dedicarse a contar contos a nenos e a maiores.

    Este conto é unha obra amena e intrépida que invita á lectura. Esta historia pódese trasladar ás aulas de Educación Infantil, xa que dá xogo a dramatizala e a maxia é un tema motivador para eles/as en canto ao misterio se refire. 


        Ondas de verde e azul
Fernández, Ana Mª (1994). Ondas de verde e azul. Vigo: Xerais, 84-75057-824-9.

A obra consta de diversos poemas, nos que predomina o tema da natureza: “o limpo cristal do río,/ croíños vai modelando”  (p. 13), volve, volve bolboreta […]/ levas vestido de cores,/ arrecendes a herbas finas” (p. 25)e algúns lugares próximos a ela: “miña casiña de pedra,/ portas e ventás pintadas,/ caraveleiras de cores/ aloumiñando as entradas” (p. 34).
Ao igual ca no poemario Amar e outros verbos, Ondas de verde e azul, está pensado para introducir aos adolescentes na poesía, xa que as estruturas empregadas son sinxelas e riman entre si, maioritariamente cunha rima consonante:

“¡Ai, lagartos, meus amigos,
verde cantar das paredes, 
 no lombo e mesmo nos ollos,
              cor de campo e lama tedes” (p. 36).


Os temas tratados nos diversos poemas achégannos á esencia do ser humano, sumerxíndonos neses lugares naturais a través de comparacións e descricións, as cales nos introducen na realidade que narra.


       Pola rúa dos versos
    Fernández, Ana Mª  (1990). Pola rúa dos versos. Zaragoza: Edelvives, 84-263-1957-2
    Nesta obra abórdanse diferentes temas relacionados con Galiza como son a choiva, algúns animais, a elaboración do pan, así como a presenza de varios protagonistas de contos moi coñecidos, como Alí Babá ou Brancaneves.

“O bailar do vento
¡Como gusta velo!
Levántame a saia,
         revólveme o pelo” (p.46)

    Ao longo da obra a autora vai combinando a diversidade temática, mediante breves poemas de rima consonante de forma que, a lectura, ten lugar de forma sinxela e pracenteira.
    Ademais, fai rimas coas rúas de diferentes países ou cidades, tal e como indica o título da obra, asignándolle a cada un destes lugares un medio de transporte determinado:

 “Polas rúas de Tulús
             vai un vello en autobús” (p.8)


   Esta foi a obra que máis nos gustou de Ana Mª Fernández, xa que trata de achegar aos máis pequenos ao mundo da poesía, un xénero que, quizais, todos temos algo esquecido na literatura infantil, pero que como ela nos fai ver, non ten por qué ser complexo nin aburrido, senón todo o contrario. Ao longo dos versos, a autora, trata diferentes temas que teñen que ver coa tradición galega, os cales lles poden resultar familiares aos nenos e nenas, e ademais, debido á súa rima, resulta ameno lelos e escoitalos.

   Unha vez analizadas as tres obras anteriores, destacamos como tema común a natureza nos poemarios Ondas de verde e azul e Pola rúa dos versos. Pese a ser da mesma autora, as obras elixidas para este análise presentan temáticas diversas, implicando ao lector a través das descricións que vai amosando nas súas liñas, sendo este, un trazo característico da autora.
 
   Para concluír esta breve reflexión sobre as obras de Ana Mª Fernández queremos amosarvos uns versos do seu libro Pola rúa dos versos, os cales incitan a lectura desta e doutras moitas obras da autora:
 
"Encontrei o que vos digo 
e máis que podía encontrar;
porque, con leres un libro,
mil mundos podes achar” (p.29)




Entrada realizada por:
Lorena Fernández Rodríguez
Natalia Sangil Regueiro
Lara María Silva García
Ana Varela Darriba
Ángeles Vázquez Coira

Ningún comentario:

Publicar un comentario