domingo, 23 de marzo de 2014

Personaxes femininas de Caderno de Agosto

As personaxes femininas son as verdadeiras protagonistas na obra de Alice Vieira, de tal xeito que a presenza masculina queda relegada a un segundo plano. Compre indicar que, en Caderno de Agosto, se combinan dúas perspectivas narrativas diferentes unha “real” e outra “ficticia”. Por iso, imos servirnos desa diferenciación para presentar as personaxes que constitúen esta novela.

REALIDADE

Gloria: É a narradora da historia “real” e, á súa vez, colabora na historia ficticia que está a escribir a súa nai. Trátase dunha rapariga madura, intelixente, solidaria e comprensiva, consciente da importancia que ten a familia e, como conseguinte, estreitamente vencellada á súa nai. Posúe un gran sentido do humor, así como unha facilidade  innata para coñecer ás persoas que a rodean. Como narradora emprega un ton irónico para referirse ao comportamento dos seus familiares, evitando entrar a xulgalos profundamente.

Avoa Tita: Representa a mentalidade tradicional que se resiste a aceptar as novas situacións familiares e sociais.

Luísa: É a nai de Gloria e pode ser considerada como a verdadeira protagonista desta novela, pois ao redor desta personaxe desenvólvense a maioría das anécdotas que recolle Gloria no seu diario. Trátase dunha muller actual que traballa dando clases de historia, apaixonada, inconstante, solidaria e descoidada no que ao seu aspecto físico se refire. Debido á recente ruptura do seu matrimonio amósase inestable emocionalmente e toma como refuxio, cando o precisa, a súa familia e a novela que está a escribir.

Tía Benedita: É tía de Gloria e, a pesares de ser aburrida e algo pesada, non dubidou en ofrecer a súa axuda a Luísa cando o precisou por mor do seu divorcio.

Tía Fátima: Foi unha modelo famosa e, posteriormente, gañouse a vida organizando festas e banquetes. De mentalidade tradicional, participa nesta trama de xeito anecdótico, por converterse na segunda muller de Miguel, pai de Gloria. Nunha parte do seu diario, a propia nena recoñece que é a muller ideal para o seu pai, porque este sempre soñou con pertencer á jet – set.

Luciana: Amiga de Gloria e de seu irmán. É unha rapaza fiel ás revistas femininas o que a converten nunha experta en temas amorosos. Insegura e acostuma empregar a lectura como consolo cada vez que sufre un desengano amoroso.

FICCIÓN

Mónica: Protagonista da novela rosa escrita por Luísa. De orixe humilde, orfa de nai e empregada nunha perruquería, soña con fuxir  da súa realidade, viaxando a lugares exóticos. Aínda que quere ao seu mozo é consciente de  que a súa relación con el se foi deteriorando paulatinamente e que cada vez se aburre máis ao seu lado.

Xana: Figurante de modelo coa cabeza chea de paxaros e certa obsesión polo aspecto físico.

Tía Helena: Tía de Mónica e encargada do seu coidado tras o falecemento da súa nai, ademais é a causante das ganas de fuxir de Mónica.

Dona Gilberta: É unha prima anciá de Mónica coa que convive en Madeira durante un ano.

En síntese, o universo feminino sempre recibe unha atención especial por parte da autora, que en moitas das súas obras define distintas xeracións de mulleres, pertencentes a diferentes estratos sociais.

Webgrafía:

Entrada realizada por:
González Fernández, Sonia
Tajes Fernández, Ángela
Val Leiro, Olaya

Twitter: @Cadernodeagosto

Ningún comentario:

Publicar un comentario